mércores. 20.08.2025
El tiempo

Areta Bolado recibirá o novo trofeo feito por María Barca como Xograresa de Outono do FIOT 2025

Areta Bolado © Pilar Abades
Areta Bolado © Pilar Abades
Areta Bolado recibirá o novo trofeo feito por María Barca como Xograresa de Outono do FIOT 2025

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2025 o premio Xograresa de Outono a Areta Bolado. O festival mantén este recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas. 

Este ano ademais, o Xograr de Ouro dá un paso especial, pois a Asociación Telón e Aparte, apostando polo talento local, encargoulle o deseño do novo trofeo da Xograresa de Outono á artista e artesá carballesa María Barca. A creadora será tamén a encargada do deseño do Premio do Público do FIOT a partir desta 34ª edición da cita.

A fotógrafa, oleira ou ceramista, volveu a casa despois de ter pasado por Madrid, Perú, Bilbao ou Berlín, e mentres segue formándose, xa ten publicado o seu primeiro libro, "Buño de seu", e mantén aberto un espazo que materializa as súas aspiracións creativas: CRÚA, un obradoiro de cerámica en Carballo.

ARETA BOLADO

A que poderá expoñer o trofeo feito por Barca no seu salón será á actriz, dramaturga e directora Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría. No seu fallo, o xurado destacou á artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “pola riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas”. O xurado remarcou, tamén, “a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que comparte valores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión”.

Areta Bolado –cuxos espectáculos xunto á compañía A Panadaría foron tan celebrados nas súas visitas ao Pazo da Cultura de Carballo– recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo do actor e narrador Avelino González, premiado en 2024. 

Areta Bolado (O Porriño, 1985) é actriz e creadora escénica. Foi unha das fundadoras da compañía A Panadaría, na que artellou un teatro hilarante, transgresor e profundamente político. Dentro desta formación, ademais de coordinar todos os proxectos pedagóxicos, foi cocreadora e actriz de PAN!PAN!PanamericanaElisa e Marcela e As que limpan.

O seu carácter irreverente e lúdico como intérprete enchoupa outros proxectos teatrais e audiovisuais, como Soño dunha noite de verán (Marta Pazos, Voadora), Neorretranca e Posmorriña (Centro Dramático Galego), 9 Fugas (Fon Cortizo), Descarrilados (Fer García Ruiz) ou Xan (Lucía Estévez e Miguel Canalejo). Como creadora, mantén desde hai anos unha vía de exploración entre a música e o teatro xunto con Ailén Kendelman, da que xurde o conxunto internacional Áureas, a conferencia-concerto Barba Inguinal e o máis recente Unha señora orquestra.

Na súa traxectoria recibe numerosos premios autonómicos e estatais como actriz, dramaturga e directora, mais tamén foi recoñecida por diversos colectivos polo seu compromiso feminista e polos dereitos do colectivo LGBTIQ+.

 Máis novas

 

Comentarios