domingo. 05.10.2025
El tiempo

A música tradicional, o cine na rúa e os berberechos, pechan o verán cultural carballés

A Praza do Concello de Carballo nunha actuacion neste Veran Cultural
A Praza do Concello de Carballo nunha actuación neste Verán Cultural
A música tradicional, o cine na rúa e os berberechos, pechan o verán cultural carballés

Nesta penúltima semana de agosto a programación do Verán Cultural de Carballo chega á súa fin. Por unha banda, a Concellaría de Cultura segue rendendo homenaxe ás agrupacións de música e baile tradicional do Concello nun ano moi especial para a poesía popular; e por outra temos dúas citas con cinema de animación en Sofán e Entrecruces. Xa o sábado, celébrase unha das festas gastronómicas máis lonxevas do municipio en Noicela.

O venres 22 de agosto é a quenda do festival Canta miña compañeira... A Banda Municipal de Gaitas, a AC Arume de Berdillo, a AC Nemeth, as Cantareiras de San Campio de Cances, o Coro Aires de Bergantiños e a Escola do Alprende de Oza participan nesta cita que cada ano marca o remate do Verán Cultural, pero que desta volta ten un significado moi especial neste 2025 de homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral. A cita é no palco da Praza do Concello a partir das 21.30 horas.

O cinema, unha semana máis, seguirá tendo un lugar relevante na programación con dúas sesións do ciclo Noites de Cine. O mércores 20 de agosto, Sofán acolle a proxección da película de animación Gru 4, mi villano favorito.
E o xoves 21 de agosto, o Local Social de Entrecruces acolle a proxección doutra película de animación. Neste caso Los Mitchell contra las máquinas. A cita comeza ás 22.00 horas e o filme está recomendado para todos os públicos.

As citas dun Verán Cultural que chega á súa fin rematan coa celebración da XXV Festa do Berberecho en A Imende-Noicela. O sábado 23 de agosto a partir das 13.00 horas haberá degustación de berberechos ao vapor, en salsa ou en empanada e os e as asistentes tamén poderán desfrutar con varias actuacións musicais, incluíndo unha sesión vermú, as regueifas de Suso e Antonio de Xornes xa pola tarde, e pola noite gran verbena coa orquestra Solymar. Organiza a cita a ACDR Baldaio coa colaboración do Concello de Carballo.

Comentarios