mércores. 20.08.2025
El tiempo

O Club SAL, recoñecido na casa

Recibimento Club SAL na Laracha 1
O Club SAL, recoñecido na casa

O Concello da Laracha rendeu hoxe a súa homenaxe ao Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL) tralos excelentes resultados acadados pola entidade nas competicións de ámbito autonómico, estatal e internacional celebradas na temporada 2024-2025 que finalizou recentemente.

O alcalde, José Manuel López Varela, recibiu oficialmente ao club na Casa da Cultura da Laracha nun acto marcado pola emoción, o orgullo e o recoñecemento ao conxunto dos deportistas, adestradores e directiva que protagonizaron a que foi unha das campañas máis destacadas na historia da entidade.

O SAL consolidouse no top 5 dos clubs galegos de salvamento acuático e tamén referente no panorama estatal. Na temporada recentemente finalizada sumou un total de 59 medallas en competicións autonómicas e nacionais: 28 ouros, 15 pratas e 16 bronces. 

Ademais, o seu deportista Sergio Campos bateu dúas veces o récord de España na proba de 50 metros natación con obstáculos en categoría absoluta. E lográronse cinco récords galegos: os dous do cadete Pedro Caamaño en 50 metros maniquí e en 100 metros aletas; o do xuvenil Juan Martín Rodríguez en 100 metros socorrista; o do infantil Simón Caamaño en 100 metros socorrista; e o do equipo mixto alevín formado por Jimena Viturro, Carmen Domínguez, Santiago Martínez e Hugo Bello no relevo socorrista 4x50 metros.

A proxección internacional do club tamén deixou fitos destacados. Sergio Campos, Lucía Añón e David Fraga foron convocados pola Federación Galega para competir en Montpellier, onde lograron seis medallas internacionais. Pola súa parte, Iria Barreiro proclamouse campioa de España xuvenil en sprint praia e acadou unha meritoria 7ª praza na final de bandeiras en Capbreton, competindo contra a elite mundial.

Recibimento Club SAL na Laracha

O alcalde da Laracha comezou felicitando á familia do SAL pola excelente temporada na que obtiveron “uns resultados impresionantes” e apuntando que é “unha auténtica marabilla que o nome da Laracha estea tan alto en Galicia, España e tamén nas competicións europeas grazas ao SAL”. O rexedor fixo un percorrido polos principais éxitos individuais e colectivos, cun “número de medallas que impresiona, e que detrás delas hai moito adestramento, esforzo, sacrificio, compañeirismo, e seguro que tamén bos momentos e moitas risas”. Concluíu agradecendo o labor dos dous presidentes da entidade durante esta temporada: o actual, Marcos García, e o que foi ata xaneiro, Pablo Rodríguez.

Precisamente Marcos García tomou a palabra para “agradecer o apoio do Concello e o esforzo de todos os deportistas do club”.
Ademais da súa dimensión deportiva, o SAL tamén destaca pola súa labor social, promovendo estilos de vida saudables, a seguridade acuática, programas de igualdade e inclusión, iniciativas de concienciación ambiental e actividades de voluntariado e dinamización comunitaria.

Comentarios