Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Volve a danza contemporánea á comarca da man das Asociacións co proxecto ESCORA da Deputación

PROGRAMA ESCORA 2023 Costa da Morte cartel
Volve a danza contemporánea á comarca da man das Asociacións co proxecto ESCORA da Deputación

Completísimo a segunda edición do proxecto ESCORA que, durante as dúas primeiras fins de semana de xuño, achegará a danza contemporánea aos concellos de Carnota, Mazaricos, Ponteceso, Camariñas e Carballo. A área de Cultura da Deputación da Coruña, deseñou un completo programa con actuacións de varias compañías galegas de danza contemporánea en espazos públicos, completándose cun traballo de mediación con diferentes colectivos e asociacións locais que xa leva realizándose ao longo dos últimos meses e que permitirá que centros de ensino, entidades locais e asociacións formen parte do programa de actividades.

O programa de actuacións por parte de compañías profesionais comezará en Carnota o venres 9 de xuño, continuará o sábado 10 en Mazaricos, o venres 16 en Ponteceso, o sábado 17 en Camelle, Camariñas, e rematará o domingo 18 en Carballo.
Os espectáculos correrán a cargo das compañías e artistas La Macana, Pisando Ovos, Paula Quintas, Cía. Exire, La Guajira, Furia Sotelo e Daniel Rodríguez.

PROGRAMA ESCORA 2023 Costa da Morte

Asociacións

  • Camelle: Escolleuse a vila camariñá pola ampla presenza de asociacións e colectivos desta parroquia que se atopan activos traballando para e co territorio, nomeadamente a través de proxectos como A Casa no Alto, Mar de Fábula, Asociación de Naufraxios Galegos e Asociación Folja da Faneca.
  • Carballo. Este concello conta, desde fai máis de 20 anos, cunha programación regular de danza baixo o título Primavera en Danza: un festival referente en Galiza que ofrece un amplo programa con compañías de danza galegas e estatais. Neste concello o traballo de mediación realizouse coa comunidade vinculada á música e á danza tradicional, coñecendo ás asociacións Arume, Nemeth, Escola do Alprende de Oza e San Campio de Cances.
  • Carnota. A mediación en Carnota centrouse especialmente nas parroquias de Pindo e Lira, ambas con importante actividade cultural dinamizada principalmente polas Asociacións Pedramar e Canle de Lira respectivamente. En Carnota tamén se traballará co alumnado de 2º e 3º da ESO do I.E.S. Lamas do Castelo, para poñer en movemento á veciñanza mais nova.
  • Mazaricos. A experiencia en Mazaricos estivo vinculada con dous colectivos que traballan de xeito conxunto para mellorar o seu contexto sociocultural. Por unha banda, a Asociación Cultural Abubela, capitaneada por un grupo de mulleres novas do territorio, e por outro, a Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, unha asociación moi lonxeva e referente na zona que impulsa diversas actividades para cativada e maiores. O proxecto tamén visitará o C.P.I. Plurilingüe da Picota, e traballará co alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria.
  • Ponteceso. En Ponteceso sitúase a única Escola Municipal de Danza de toda a Costa da Morte, polo tanto era imprescindible para este proxecto vincularse coa única oportunidade de formación en danza, da institución pública, que existe no territorio. Esta escola acolle alumnado de diferentes concellos da contorna e traballa especialmente a danza clásica. Tamén se traballou coa Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, un colectivo de mulleres traballadoras cunha importante reivindicación profesional e unha innovadora aproximación ao traballo.

Comentarios