A Xunta amplía a prealerta por seca á conca do río Grande e do Tambre

A pesar das últimas chuvias, a Xunta vén de anunciar o mantemento de prealerta por escaseza de auga na bacía do río Anllóns. Pero é que ademais vén de ampliar a prealerta ás concas do río Grande, e dos ríos que acadan a ría de Camariñas e a costa de Cabana, Laxe e Muxía, e do Tambre e dos ríos que desembocan na ría de Muros-Noia.
Os caudais circulantes dos ríos da demarcación seguen estando por debaixo dos valores habituais para esta época do ano, un 34% menos que a media dos últimos dez anos.
A ocupación dos encoros de abastecemento sitúase no 72,4%, o que representa un 15,7% menos que no ano 2021.
Contención e consumo responsable da auga
A Xunta reitera o chamamento á contención do consumo e á utilización responsable da auga, evitando usos innecesarios para garantir o abastecemento e o mantemento do caudal ecolóxico dos ríos. A Xunta pide aos Concellos que controlen os usos abusivos.