Zonas da Laracha e Muxía seguen sufrindo restricións pola praga da couza da pataca
- Cee e Fisterra quedan liberados de restricións.
- As zonas tampón atinxen tamén parroquias de Camariñas, Dumbría e Vimianzo; e Arteixo e Carballo.
Anunciaba o pasado mes de decembro as novas medidas de corentena sobre o cultivo da pataca en zonas afectadas pola couza da pataca. Unha praga que xa leva afectando 5 anos en todo o país, e 4 na Costa da Morte, que non libra da súa presencia.
En calquera caso, entres os 16 concellos que quedan libres de capturas, atopamos a Cee e Fisterra, que xa poden cultivar pataca sen problemas.
Pero aínda quedan 6 concellos en Galicia onde se se detecta a presencia deste insecto invasor, entre eles A Laracha e Muxía e non se pode sementar. Concretamente as parroquias de Lendo e Caión (Laracha); a Nosa Señora da O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón (Muxía).
En todas estas zonas queda prohibido o cultivo de pataca e os operadores de pataca de semente non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca. Tamén se prohibe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito, onde o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Se o motivo da entrada de tubérculo na zona infestada é subministrar este produto dentro desa zona, en ningún caso, a pataca que entrou poderá saír da dita zona.
Zonas tampón
Ademais, considéranse zona tampón as parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñán e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta a parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e ás parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha e Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, na localidade de Cariño.
En todas estas zonas tampón, os agricultores deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca. En canto aos operadores de pataca de semente deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente e ter instalado no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora.
Novas relacionadas
- 2019: A parroquia carballesa de Noicela, e dúas parroquias da Laracha, entran en corentena pola couza da pataca.
- 2019: Os agricultores da zona tampón da couza da pataca non poderán prantar ata pasados dous anos do último insecto capturado.
- 2018: Marzo 2018: Muxía, primeiro concello da Costa da Morte afectado pola couza guatemalteca da pataca.
- 2017: A praga da pataca en dez puntos.