Mércores. 16.10.2024
El tiempo

#25N: "Na Costa da Morte queda moito por facer para acabar coa violencia de xénero"

#25N: "Na Costa da Morte queda moito por facer para acabar coa violencia de xénero"
Cristina Ledo, á esquerda, é unha das coordinadoras da asociación feminista Buserana Cristina Ledo, á esquerda, é unha das coordinadoras da asociación feminista Buserana Levan quince anos traballando incansablemente ainda que o seu traballo visibilízase principalmente todos os 25 de novembro e 8 de marzo. Por moi paradóxico que resulte, o seu obxectivo é que a súa organización desapareza. Ese día, a violencia de xénero pasará á historia e demostraráse que outra sociedade é posible; será unha sociedade non violenta. Dez mulleres da Costa da Morte forman a asociación feminista Buserana. Algunhas son mestras, outras coidadoras de persoas dependentes e outras están no paro. Defínense como mulleres como calquera outras unidas por "esa rabia de ver como se move o mundo, sobre de todo, de cara ao sexo feminino". Cristina Ledo é unha das coordinadoras desta asociación feminista que hoxe, día internacional contra a violencia de xénero, organiza varios actos en Cee.
  • QPC: Que é Buserana?
Buserana é unha asociación feminista composta por mulleres que nos cuestionamos o rol que, polo feito de ser mulleres, nos outorga a sociedade. Poñemos unha gafas lilas para observar o mundo que nos rodea e coas que intentamos desmontar o que dende o patriarcado se nos di que é o que temos que facer polo feito de ser mulleres. Propoñemos un novo xeito de realacionarnos baseado na igualdade e no que non exista a violencia. Esta é unha reivindicación que facemos non só de cara ás mulleres, se non de cara á humanidade.
  • QPC: Quen compón Buserana?
Buserana compóñena mulleres normais; somos traballadoras, algunhas con traballo e outras en paro, coidamos a persoas dependentes, nais de familia... e a todas nos une esa rabia de ver como se move o mundo, sobre todo de cara ao sexo feminino e que nos xuntamos para ver que é o que podemos facer. Buserana fórmana dez mulleres, ainda que ás veces tan só dúas poden organizar un acto.
  • QPC: Cales son as principales tarefas de Buserana?
Saímos á rúa denunciando os casos de violencia machista e participamos en distintos actos a nivel nacional e internacional, como a Marcha Mundial das Mulleres ou a Caravana Feminista, para loitar polos dereitos da muller. A maior parte da nosa actividade céntrase no 8 de marzo (día da muller traballadora) e no 25 de novembro (día internacional contra a violencia de xénero). 
  • QPC: Queda moito traballo que facer na Costa da Morte no que a loita contra a violencia de xénero se refire?
Na Costa da Morte e na sociedade en xeral queda moito neste ámbito xa que é un problema xeralizado. A violencia non diminúe. A concepción machista dos roles do home e da muller seguen moi marcados pola presión social. No eido laboral ainda existen as diferencias de soldos, de horarios,... Na participación social e a nivel público queda moito camiño e un exemplo é o acontecido esta semana no pleno de CeeA parte positiva é que en días como os de hoxe a maioría dos concellos da Costa da Morte organizan actos nos que se rexeita a violencia de xénero.
  • QPC: As novas tecnoloxías son unha nova canle para a violencia de xénero?
Si. Vémolo no noso día a día. As redes sociais (facebook, twitter, instagram,...) e outras aplicacións como o Whatsapp ou Snapchat, entre outras, son un novo medio no que ademais o control é maior. Vixiar as últimas horas de conexión, comentarios despectivos, insultos, compartir fotos privadas,... son novas formas de violencia que están moi asumidas entre os máis novos. O problema segue vixente ainda que hai un cambio na canle.
  • QPC: Que pode facer Buserana para evitalo?
Sair á rúa para denunciar estes casos e pedirlle aos gobernos que lexislen de forma correcta e que poñan os medios necesarios para loitar contra esta violencia en lugar de reducir os orzamentos para as actividades que traballan na defensa dos dereitos da muller. Ademais, en Buserana promovemos relacións non violentas e un bo uso das ferramentas de educación que se manexan tanto no sistema educativo e como na familia.
  • QPC: Por que en moitas das campañas do #25N se emprega o termo feminicidio?
O lema "violencia de xénero" xa é demasiado suave; estamos moi acostumados a oilo e vemos que os asasinatos non cesan. Precisamente, no que vai de ano xa van 68 caso e na marioría están implicados xente dunha franxa de idade de entre os 20 e os 45 anos, polo que son homes e mulleres criados na democracia. Por iso é necesario empregar termos que vaian máis aló. Feminicidio é unha palabra que trascende e que fala dun grave problema social que precisa dunha resposta social. 
  • QPC: Cara onde camiñan as Buseranas?
Esperamos que algún día Buserana desapareza e que celebremos que a violencia de xénero xa pasou á historia. Ainda que nos sentimos esperazandas, vémolo moi díficil. Así que camiñamos cara outra sociedade posíbel, cara unha sociedade non violenta xa non só no eido das mulleres se non da humanidade. Baixo o lema "Paremos o feminicidio!" a asociación feminista Buserana convoca unha concentración na praza 8 de Marzo de Cee ás 19:30 horas. Ademais leranse poesías e repartirán chocolate entre todos os participantes.   Novas relacionadas Fonte

Comentarios