9 certames culturais abertos
Arte gráfico, banda deseñada, composición musical, teatro, rock, ensaio, lingua, literatura infantil e xuvenil en galego, artes plásticas e narrativa. Estas 9 disciplinas teñen o seu premio este ano para a Deputación da Coruña. Serán 9 certames culturais abertos, que repartirán preto de 115.000€, entre os que este ano destaca o premio de lingua Rosalía de Castro, que recoñece o labor en defensa do galego e as tradicións, estrea dotación económica, 4.500 euros, no ano no que se cumpren 150 anos da edición de “Cantares gallegos”, como xa se celebrou en varios puntos da bisbarra.
O prazo para presentar as obras de banda deseñada que aspiren ao Castelao ábrese hoxe, mentres que as bases para a convocatoria do resto dos galardóns publicaranse nos próximos días no BOP.
O programa inclúe tamén un calendario de “actividades especiais e novidosas” para o Certame Torrente Ballester, que celebra o seu 25 aniversario.
Certames abertos a todo o mundo
Durante a presentación dos premios, Diego Calvo salientou que “son premios abertos a calquera persoa, sexa ou non sexa profesional, que contan cunha dotación económica suficiente para axudar a empezar un camiño profesional, que supoñen unha oportunidade moi importante para os autores pola proxección e difusión que teñen estes premios e, sobre todo, que tocan a meirande parte das disciplinas artísticas".
Calendario de premios
Este ano, a Deputación convocará os seguintes premios:
- VIII Premio Jesús Núñez de arte gráfico, dotado con 6.500 euros para a obra gañadora, ademais da organización dunha exposición no CIEC, unha exposición itinerante e unha beca para a matrícula do máster do CIEC.
- VIII Premio Castelao de banda deseñada, dotado con 6.500 euros, a edición da obra premiada e a posta en marcha dunha exposición itinerante polos concellos da provincia.
- X Premio Andrés Gaos de composición musical, tamén dotado con 6.500 euros e a estrea da obra gañadora.
- XVI Premio Rafael Dieste de teatro, coa mesma dotación económica e tamén coa publicación e a estrea da obra gañadora.
- V Concurso de Rock Deputación da Coruña, no que se premian os cinco primeiros clasificados, que logo participan nun concerto que tamén organiza a Deputación.
- IX Premio de Ensaio Manuel Murguía, que premia as obras centradas nalgún feito histórico referido a Galicia. O premio é de 6.500 euros e a edición da obra gañadora.
- IX Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil en galego, co mesmo premio que o anterior.
- XIII Certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas, que implica a compra por parte da Deputación da obra gañadora, por un importe máximo de 45.000 euros. Tamén conta con exposición colectiva itinerante.
- V Premio Rosalía de Castro de Lingua, este ano por primeira vez cunha dotación económica de 4.500 euros.
- XXV Premio Torrente Ballester de narrativa, dotado con 25.000 euros e edición da obra.
Novas relaciondas
- Talía Teatro, candidata a 5 premios María Casares polo Método Grönholm.
- A Costa da Morte lembra a Rosalía.