A Billarda invade Bergantiños
Xa foi capital do xogo tradicional galego en varias ocasións. E este sábado 15 de marzo, o All Star de Billarda sitúao de novo na vangarda. A Liga Nacional de Billarda (LNB) congregará a expertos de toda Galicia nas pistas do Chorís nun cita aberta a todo o mundo, coa súa parte competitiva pero tamén divulgativa. E festexeira, pois a noite pechará a xornada a ritmo de rock cun festival.
A Billarda ou estornela
A billarda ou estornela é un xogo popular en Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos nos que se ten creado a Liga Nacional, se teñen organizado numerosas competicións e se ten fixado un regulamento unificado. Caamaño explica, ademais, que o xogo transcende as fronteiras galegas, e dende hai seis anos se disputa unha Copa cantábrica á que acode unha selección galega.
Así mesmo, hai variantes similares á billarda en países tan distantes como a India, Cuba ou Irlanda.
En canto ao xogo, consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible para logo encaixalo nunha especie de portería ou varal.
Moito máis que un xogo
Un dos participantes será o carballés Sergio Caamaño, integrante da Liga e membro da organización deste espazo "lúdico e de exhibición", no que os máis expertos participarán nun Concurso de triples e mates a partir das 15.30 horas, para despois celebrarse o Aberto all star no que calquera pode participar.
En todo caso Caamaño explica que a Liga Nacional de Billarda pretende ir máis alá do xogo e crear "un movemento cultural e social, ademais de deportivo" polo que na cita está prevista a presenza dunha Noite de Concertos no que adoitan actuar grupos galegos en auxe. Neste caso, colaboran o Pub O'Patacón cunha "Foliada" a partir das 20.00 horas; e o Pub A Reserva, cun festival a partir das 22.30 horas no que actuarán 12 Labirinto, Os Vacalouras e Xenderal, todo o mesmo sábado 15 na Sala A Reserva.
Moitas cousas máis na fin de semana
Pero ollo, que Carballo ten moitas cousas máis que ofrecer esta fin. Pois tamén comeza a ruta "Compra e Tapea", que funcionará do 15 ao 30 de marzo, no barrio da Milagrosa.
E teremos que apuntarnos tamén ás rutas ciclistas "Coñece o teu concello", que cumpre catro anos fomentando o deporte do ciclismo e dando a coñecer o patrimonio cultural e paisaxístico do municipio da man do Club Ciclista Carballo Placasa e coa colaboración da administración local e de Carballo Deporte. Esta primeira serán 19 quilómetros de lonxitude e baixa dificultade, pasando por Sísamo, Goiáns, Cances e Oza.
E terá lugar tamén a segunda clase do obradoiro de webseries gratuito, dirixido a moz@s de entre 16 e 35 anos, o sábado pola mañá no fórum. O sábado pasado escolleron o guión (será de ciencia ficción), e esta semana concretarano. Para a que vén, gravarán, e para a seguinte, farán posprodución.
Máis información
Novas relacionadas
- O MELGA de Ponteceso non para.
- O xogo tradicional volve a Bergantiños.
- Coidamos na Costa do patrimonio lúdico galego.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Concello de Carballo.