A Deputación da Coruña pon en marcha un banco dixital de boas prácticas culturais
07:05 07/03/17
A área de Cultura da Deputación da Coruña financiará este banco dixital que elaborará a asociación galega de profesionais de xestión cultural
Co obxectivo de dar a coñecer o traballo de profesionais e outras iniciativas de interese, a área de Cultura da Deputación da Coruña financiará a creación dun Banco Dixital de Boas Prácticas Culturais que elaborará a asociación galega de profesionais de Xestión Cultural.
Nunha xuntanza en que participaron a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura, Goretti Sanmartín e o asesor da área, Xavier Campos por parte da Deputación da Coruña e o presidente, Alberte García e vicepresidente, Carlos Lorenzo, por parte da asociación galega de Profesionais da Xestión Cultural acordouse botar a andar a elaboración do Banco Dixital de Boas Prácticas Culturais, unha iniciativa pioneira que porá ao dispor do sector cultural o traballo de profesionais e as máis destacadas iniciativas de interese.
O Banco Dixital de Boas Prácticas consistirá nun repositorio web en que se identifican e se achega información e contidos materiais de toda unha serie de experiencias desenvolvidas en Galiza ademais de se recolleren algunhas que poden ser de interese para a realidade cultural galega que se desenvolveron fóra do noso territorio.
Dous anos
O proxecto promovido pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural desenvolverase ao longo dos dous próximos anos e contara, segundo se acordou na xuntanza, co financiamento da área de Cultura da Deputación da Coruña. “Valoramos de forma moi positiva a iniciativa, entre outras cousas, porque dará a coñecer dentro do propio ámbito da cultura galega o traballo de profesionais e iniciativas de grande interese que se desenvolven en diferentes escalas, desde concellos a asociacións sen ánimo de lucro, pasando por empresas ou entidades de maior dimensión”, sinalou a responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.
Na xuntanza, abordouse tamén a reformulación levada a cabo pola Área de Cultura da Deputación da Coruña da liña de apoio á contratación por parte dos concellos de persoal técnico en animación sociocultural e xestión cultural. A asociación galega de Profesionais da Xestión Cultural valorou moi positivamente o novo enfoque desta liña e tamén o período transitorio que ofrece aos concellos beneficiarios para a adaptación aos requisitos da convocatoria. En especial, a asociación representante do sector destacou o paso andado con esta modificación da liña de cara á regulación e a definición do perfil profesional das persoas que traballan no ámbito cultural nos concellos e administracións públicas.
Finalmente, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a asociación galega de Profesionais da Xestión Cultural acordaron manter de forma estable a interlocución e colaboración para avanzar na definición e mellora dos procesos culturais da administración provincial tamén de cara a que o sector poda tirar beneficios destas actuacións.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación da Coruña