![os-quinquillans-cousas]()
os-quinquillans-cousas
A Deputación da Coruña e Os Quinquilláns poñen en marcha un novo programa que leva por nome "Cousas". Unha dimensión teatral e outra literaria conforman o contido do novo programa que leva a obra “Cousas” de Castelao a dez concellos da provincia da Coruña - catro deles na Costa da Morte -. O espectáculo da compañía “Os Quinquilláns” irá acompañado dun exemplar dunha das obras claves da literatura galega que se repartirá ao público asistente nun programa que nace en colaboración coa Editorial Galaxia.
O programa busca tamén difundir a obra dun creador clave na cultura galega no fin deste 2016 que foi declarado Ano Castelao, despois de que a Academia de Belas Artes decidise dedicar ao autor o Día das Artes Galegas. Animar a ler, crear público para o teatro e promover a lingua son outros dos obxectivos da nova proposta da Área de Cultura da Deputación da Coruña que levará “Cousas” de Castelao a dez concellos a través dunha proposta literaria e teatral que nace en colaboración coa editorial Galaxia.
A montaxe recolle todos os grandes temas de Cousas, desde a soidade ao amor pasando pola amizade, a solidariedade, a emigración, a xustiza social ou a enfermidade. O fío condutor do espectáculo de Os Quinquilláns son dous protagonistas, Teresa, a irmá máis nova de Castelao, e o veciño Xosé, mestre, historiador local, pintor e director da compañía de teatro de Rianxo. Son membros do grupo de teatro local que transforma algúns dos contos da obra de Castelao en pezas breves a través de técnicas como teatro de actores, de máscaras, de títeres, de obxectos, de sombras ou narración oral.
Lucho Penabade e Tero Rodríguez adaptan o texto de Castelao nunha proposta que tamén desenvolven en escena e que conta coa escenografía, atrezzo e iluminación de Pepe Penabade e o vestiario de Olga Vieites.
Días dos espectáculos
En Laxe, a función será o día 8 de xaneiro ás 19 horas no salón de actos do concello. A casa da cultura de Coristanco acollerá o espectáculo o día 16 de xaneiro ás 11 horas. Cousas chegará á casa de Pedra de Camariñas o día 29 de xaneiro ás 17 horas. O programa remata o día 5 de febreiro, ás 17 horas, na casa da Cultura da Picota (Mazaricos).
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Deputación da Coruña