Martes. 15.10.2024
El tiempo

A Feira Xantar acolleu unha nova posta de longo da campaña Galicia en color

A Feira Xantar acolleu unha nova posta de longo da campaña Galicia en color

Segue madurando a campaña “Galicia en color- Rede de reencontros 10 anos despois” que promove a Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APCTM) neste décimo aniversario da catástrofe do Prestige. Este pasado sábado era a Feira de Xantar, en Ourense, a que a collía unha nova presentación pública do proxecto, que corría da man do presidente de APTCM, Manuel Pan, acompañado do director de Expourense, Alejandro Rubín.

O proxecto pretende agradecer o traballo desinteresado de todos aqueles voluntarios que cambiaron a nosa Costa, o noso mundo, 10 anos atrás. A súa solidariedade segue sendo un motor para o desenvolvemento da bisbarra, e a Costa da Morte tenllo que agradecer dalgún xeito.

Pan destacou a relevancia dun proxecto autonómico que nace con motivo do décimo aniversario do Prestige e “que pretende agradecer a labor do voluntariado nas tarefas de limpeza das praias galegas, despois do afundimento do petroleiro”.
O presidente de APTCM, explicou que a intención do proxecto “é deixar atrás a visión bicolor (branco – negro) do accidente, para transmitir a idea dunha Galicia recuperada”. O obxectivo da Asociación de turismo é, segundo Manuel Pan, que o voluntariado se reencontre en Galicia, e comprobe que a paisaxe do litoral mudou positivamente dende hai 10 anos. “Queremos que volvan ao lugar onde cambiaron as cousas, e que transmitan ao exterior que A Costa da Morte é un territorio repreto de vida”.

Pola súa banda Rubín destacou a labor da entidade comarcal como dinamizadora turística na Costa da Morte e a importancia do sector para o desenvolvemento económico da zona.

Proxección exterior

Numerosos medios rexionais e nacionais asistiron á presentación da Campaña en Xantar, así como medios de comunicación portugueses e revistas especializadas. “APTCM quere facer chegar a mensaxe de agradecemento ao voluntariado á todos aqueles lugares dos que procedeu a Marea Branca.”

Explicou o presidente de APTCM, quen tamén anunciou a creación dunha plataforma virtual na que se pretende xerar comunidade entre o voluntariado e entidades relacionadas co proxecto. A web, que actualmente está en fase de construción é: www.galiciencolor.es.

Calendario de accións

Manuel Pan asegurou que actualmente a Asociación xa estableceu contactos con persoas, concellos e organizacións vinculadas ao voluntariado, así como con patrocinadores que apoien á campaña e os distintos eventos que xurdirán ao longo de 2012.

“O proxecto contará cun acto de inicio previsto para o vindeiro mes de marzo e un evento de peche que se fará durante o mes de novembro”, adiantou o presidente de ATPCM.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da APTCM.

Comentarios