A Romaría da Barca protagoniza a #AxendaCostaDaMorte

04:15 08/09/17

Festas
- Romaría da Barca. Muxía vive dende hoxe e ata o luns as festas máis esperadas para unha boa parte da bisbarra. Ademais dos numerosos actos litúrxicos haberá moita música ata altas horas da madrugada e, como sempre, as sesións de tracas e de fogos artificiais.
- Festas en Fisterra. Dende hoxe e ata o domingo, Fisterra celebra as súas festas patronais e as do Carme. Hoxe é o día de Santa María das Areas onde a danza dos paus será a protagonista. Mañá, día da nosa señora do Carme, terá lugar a procesión marítima e a ofrenda, a ritmo do Salve Marinera e a gran traca. O domingo, un San Roque de verbena e futbolín.
- Festas da Barquiña de Ponteceso. As celebracións arrancan hoxe cunha churrascada veciñal. As principais cita de mañá serán a ruta dos pinchos #Ponteapinchar con charanga, verbena e un curioso festival; O Bridge Music Festival. Xa o domingo 10 de setembro haberá ruta de coches clásicos, sesión vermú, xogos e verbena. O luns máis do mesmo e a festa remata o martes 12 cun supervermú.
- Festas de Santa Catalina. En Santa Comba celebran mañá e o domingo as festas na honra da nosa Señora dos Milagros onde non faltará a música ao compás das orquestas.
Exposicións
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 20:30 horas. Visitas guiadas gratuítas: sábado e domingo ás 12 e ás 19 horas.
- Conxunto etnográfico do Mosquetín. Visita guiada e demostración do funcionamento dos batáns e muíños todos os sábados e domingos ás 13 e ás 18 horas.
- Sala Antón Mouzo. A artista Teresa Candal expón Matriz, unha mostra pictórica “metáfora do nacemento” na que o corpo da muller é o protagonista. Pódese ver na Sala Antón Mouzo, na Casa da Cultura de Vimianzo, até o 20 de setembro. O horario en agosto é de luns a venres de 9 a 15 horas; e en setembro de luns a venres de 9 a 20 horas e os sábados de 9 a 13 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, abre todos os días (de luns a venres de 11 a 20 horas e sábados e domingos de 11 a 21 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
- No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
Outras citas
- Concerto solidario en Muros. A casa da Cultura de Muros acolle hoxe, ás 21 horas, un concerto solidario a prol da asociación animalista Anajata. O prezo da entrada é de 6€ e da música encargarase Ara&Xaquín e Sokie.
- Solpor Cultural en Ponteceso. A Eira acolle hoxe un Solpor Cultural no que haberá literatura (da man de Suso Listas), gastronomía e música.
- IV Ruta de Bicicletas Clásicas. O Melga de Ponteceso organiza unha ruta de bicicletas clásicas pola zona. Saen ás 11:30 horas.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)