Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Xunta comprométese a promocionar o Camiño de Fisterra-Muxía no exterior

A Xunta comprométese a promocionar o Camiño de Fisterra-Muxía no exterior
Nava Castro con Trillo Pombo e Benlloch

Esta mesma tarde hai reunión aberta do sector turístico en Vimianzo. Pero mentres, paladeamos un novo paso doutra das entidades chamadas a rexir o futuro económico da nosa bisbarra. Falamos da Asociación de Empresarios do Camiño de Fisterra-Muxía SOLPOR, que mentres segue traballando na edición dunha guía do noso Camiño, vén de manter unha xuntanza coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

E parece que a sintonía foi boa, pois a máxima responsable do turimo galego comprometeuse a promocionar no exterior o Camiño de Fisterra-Muxía. Dito compromoiso foi adquirido na tarde de onte nunha xuntanza que mantivo en Santiago co presidente da entidade costeira, Antón Pombo, quen estivo acompañado da vicesecretaria da entidade, Alexia Benlloch e do tesoureiro, Jesús Trillo.

Tras manifestarse disposta a colaborar co referido colectivo, Nava Castro amosouse convencida de que “ós peregrinos hai que ir a buscalos ós seus territorios de orixe”. Neste senso, propuxo analizar que países proporcionan máis camiñantes, para actuar nos mesmos. Como primeira iniciativa, dada a gran afluencia de xente que chega de Corea do Sur, prantexou ós empresarios da Ruta Fisterra-Muxía levar a cabo unha acción en Madrid, en colaboración coa ambaixada dese país en España.

A guía na Fitur

Por outra banda, na xuntanza acordouse que o pabellón de Galicia en Fitur acollerá no vindeiro mes de xaneiro a presentación da guía -de máis de 70 páxinas- que vai editar SOLPOR decontado. A publicación, da que se fará unha tirada inicial de 25.000 exemplares, recollerá unha ampla ficha, con fotografías incluidas, de cada empresa asociada (na actualidade hai xa máis de 70).

Punto de información en Compostela

Un dos obxectivos da entidade costeira é crear un punto de información do Camiño de Fisterra-Muxía en Santiago. Para a súa posible apertura, a directora de Turismo de Galicia propuxo negociar un posible bolseiro ca Escola de Turismo de A Coruña.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de Solpor.

Comentarios