As xornadas micolóxicas toman o protagonismo da #AxendaCostadaMorte
07:15 04/11/16
Chega o tempo das setas. Proba diso é a gran cantidade de xornadas micolóxicas que terán lugar esta fin de semana na Costa da Morte nas que non faltarán as charlas, as saídas ao campo e, por suposto, a degustación. Chuvia e un pouco de sol serán as condicións necesarias para que os exemplares estean no seu máximo explendor polo que terán que estar atentos ao parte costeiro de 4gotas.com.
Mañá volve a chuvia, especialmente pola tarde e a noite e na fin de semana regresa o frío. Mañá e o domingo caerán chaparróns intensos no norte da Costa da Morte; principalmente entre Muxía e Malpica e en puntos do interior como Zas, Vimianzo e Santa Comba. Algún deles será intenso e mesmo acompañados de saraiba. No litoral máis sur, entre Fisterra e Muros apenas choverá o sábado e o domingo onde haberá bastantes claros, misturados con algún chaparrón moi puntual. Iso sí, o vento do norte virá moi frío e non deixará subir os termómetros por riba dos 15ºC, agás de xeito puntual o sábado no litoral sur. Polo que toca recuperar os abrigos.
II Muiñada en Vimianzo
O movemento asociativo de Vimianzo celebra mañá unha antropofesta que se está a converter nun referente na comarca. Co millo e as castañas como protagonistas e co Muíño da Agra de escenario, celebrarase unha gran festa que comeza ás 16 horas coa benvida aos asistentes acompañada cunha Sesión Café de Pota e chulas. A continuación haberá unha representación dos distintos traballos do millos (esfolla, debullado,...) e unha visita guiada teatralizada. Ás 17:30 horas proxectarase unha peza audiovisual na que se explica o proceso do millo e que está protagonizada polos veciños e veciñas de Vimianzo. Despois dos xogos populares tomará relevo unha foliada na que participarán distintos grupos da comarca. E xa a partir as 22 horas comezarán os concertos da man de Ad Heyra Liti, Caxade e Andrés Penabad.
Xornadas micolóxicas
- Esta fin de semana a asociación Pan de Raposo celebra en Cee as XVI xornadas micolóxicas da Costa da Morte. As xornadas arrancan mañá, ás 10:30 horas, cunha saída guiada por José Manuel Castro Marcote. Xa pola tarde, ás 17:15 horas, José María Costa Lago impartirá unha conferencia baixo o título “Algúns cogomelos bos comestibles”. José María Traba Velay será o encargado da seguinte charla, ás 18:30 horas, que leva por título “Boletales”. O domingo haberá unha nova visita guiada con Manuel Pose Carracedo ás 12:30 horas e pola tarde pecharanse as xornadas cunha conferencia a cargo de David Martínez Lago. Durante os dous día haberá unha degustación de pinchos de cogomelos no hotel restaurante Larry de Cee.
- 3ª xornadas micolóxicas en Zas. Mañá e o domingo terán lugar as terceiras xornadas micolóxicas organizadas pola asociación de veciños de Loroño. O programa arranca hoxe ás 20:30 cunha charla de Martín Souto Souto na que falará sobre os cogomelos con exposición de exemplares incluída e tratará outros temas como o cultivo e súa conservación. Xa o sábado realizarase unha saída para a recolección de setas (ás 9:30 horas) e á volta haberá unha comida opcional a base de cogomelos. Pola tarde, ás 15:30 horas, presentaranse e identificaranse todos os exemplares recollidos baixo a supervisión de Martín Souto Souto. As xornadas celebraranse no centro sociocultural de Zas.
- O Centro de Formación Rural EFA Fonteboa de Coristanco continúa hoxe e maña coas súas xornadas de micoloxía que inclúen saídas, clasificación das especies recollidas, charlas e degustación.
- O Albergue Portaventosa de Lira organiza para mañá a II Xornada Micolóxica Portaventosa na que contarán coa presencia de Merche Nodar, do Colectivo Micolóxico da Estrada. As xornadas arrancan as 10:30 horas cunha sesión teórica e logo farán unha saída pola contorna para recoller cogomelos para logo facer unha posta en común.
- Este sábado arrancan en Santa Comba as II xornadas micolóxicas "Terras do Xallas" que se prolongarán ata o día 20. Mañá pola mañá haberá un obradoiro no edificio multiusos e o domingo realizarán unha saída polos montes xalleiros para a recollida e estudo das diferentes variedades de cogomelos.
- Esta noite arranca en Malpica a XII Mostra de Teatro. A encargada será a compañía de teatro Malasombra coa obra "O día do pai". A función comeza ás 20:30 horas no centro cívico.
- Mañá comeza en Ponteceso a XXIII edición do ciclo de teatro coa obra "Falar sen cancelas". A función comeza ás 22:30 horas no salón de actos do edificio das escolas.
- O audiotorio da casa da Cultura de Vimianzo acolle este domingo - ás 18 horas - a obra de teatro infantil "Iriña Bailarina" da compañía Ghazafellos. A entrada é de balde e a cita enmárcase dentro da programación infantil do programa Apego.
- Continúa a X mostra de Outono de Teatro de Laxe coa obra "Unha de vaqueiros: non á mina" de A.P.E.M. de Carballo. A cita é este domingo ás 19 horas no salón de actos da vila. Esta é unha obra dirixida a todos os públicos.
- Mañá arranca a programación de Novembro. Mes da Música posta en marcha polo concello de Cee. O grupo Faltriqueira ofrecerá un concerto que terá lugar ás 20:15 horas na casa da Cultura da vila. O custe da entrada xeral é de 2,5€ e a bonificada é de 1,5€.
- A xira da banda xalleira Grand Soul Band continúa este sábado polo bar O Curuxo de Laxe. O concerto comeza ás 23:30 horas.
- O equipo de VozTv desprazase mañá ata rúa de bares de Cee para gravar un programa sobre a movida. A partir das 20 horas xa comezarán as verse as cámaras pola zona.
- A primeira das citas do programa cultural do concello de Fisterra para este mes será o domingo coa actuación da coral e do grupo de danza galega do Casino. O evento será ás 20 horas no salón de actos do concello.
- Senda Nova levará este domingo a un grupo de camiñantes a descubrir as "Terras do Marqués" de Carballo no roteiro que se enmarca no 5º Outono en Marcha. A ruta, de 14 quilómetros e de dificultade media, arranca ás 8:15 horas da rúa Venezuela de Carballo.
- O faro Vilán acolle ata o 23 de decembro unha exposición de pintura da pintora local María Dolores Barcia. O horario de visita é de 11 a 14 horas e de 15:30 a 2o horas.
- A tenda turística Stoupa de Cee acolle durante este mes unha peculiar exposición de pezas de cartón pedra creadas por Carmen Armendáriz e Quico Guillán, do taller carnotán "Charamusca". A exposición pode visitarse durante todo o mes en Stoupa (situada na rúa Campo do Sacramento, 23, Cee) de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas. Tamén os domingos de 11 a 14 horas.
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, poderanse visitar os venres, sábados e domingos de 11 a 19 horas.
- Continúa o programa Vimianzo Gastronómico no que varios restaurantes da vila ofrecerán por 20€ por persoa menús degustación con productos propios da época e da zona.
- Os adolescentes de Vimianzo teñen esta noite outra cita co Noiteando. Nesta ocasión para participar na actividade "Escribe e soña, que os soños soños son1".
- X Xuntanza de Palilleiras en Vimianzo. Máis de 650 palilleiras de toda comunidade danse cita este sábado no pavillón municipal vimiancés. A partir das 12 horas comeza a exposición dos traballos e ás 13:30 horas terá lugar unha comida de confraternidade.
- Novembro cultural en Fisterra
- Os adolescentes de Vimianzo teñen hoxe unha cita na casa da Cultura co Noiteando. Haberá un especial Samaín cunha cociña e un baile de medo!.
- Redacción QPC ([email protected]).