Carballo acolle un obradoiro práctico de videocreación dentro do proxecto Youtubeir@s
07:10 09/03/17
O concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e no marco do proxecto Youtubeir@s, organiza un obradoiro de videocreación práctico que terá lugar os días 28 de marzo e 4 de abril no Pazo da Cultura.
Cada participante terá que crear un vídeo de menos de cinco minutos para calquera das dúas categorías do concurso Youtubeir@s: vídeo-facermos ou vídeo-opinarmos. Ese é o reto deste obradoiro práctico. Na primeira das sesións, que terá lugar o martes 28 de marzo, traballaranse consellos básicos para sacarlle o maior partido á cámara de dispositivos móbiles e aprender a mellor forma de transmitir os coñecementos, traballando o guión para os vídeos. Na segunda sesión formativa, que terá lugar o martes 4 de abril, o alumnado editará o material que gravou e aprenderá a subilo á plataforma YouTube. Entre ambas as dúas sesións haberá asistencia en liña para acompañar o proceso de guionización e gravación.
A participación no obradoiro, que terá lugar no Pazo da Cultura, é gratuíta, e está aberta a todas as persoas interesadas maiores de 14 anos. Poden participar un máximo de 20 persoas por orde de inscrición, que debe facerse no Servizo de Normalización Lingüística do concello de Carballo a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 981 704 304. Ademais deste obradoiro aberto, no marco do proxecto Youtubeir@s tamén se desenvolverán outros durante marzo e abril nos IES Monte Neme e Isidro Parga Pondal para o seu alumnado.
Novas relacionadas
- Carballo e Mazaricos súmanse á campaña dos Youtubeir@s para promocionar o uso do galego na rede
- Os “iutubers” do CEIP Eugenio López de Cee volve á rede
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo