venres. 09.05.2025
El tiempo

Carballo é a sede dun dos sete proxectos artísticos do programa Residencias Paraíso

Carballo é a sede dun dos sete proxectos artísticos do programa Residencias Paraíso
residencias-paraiso-carballo Borja Fernández e Diego Anido estarán no pazo da Cultura de Carballo - do 6 ao 24 de novembro - co seu proxecto "O inevitable" O programa Residencias Paraíso seleccionou sete proxectos de danza para a súa primeira edición - organizada polo Colectivo RPM co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) - que naceu co obxectivo de impulsar a investigación e a creación arredor das artes do movemento. Residencias Paraíso conta tamén coa colaboración dos concellos de Carballo, A Coruña, Lugo, Narón e Ourense, que ceden os espazos onde se desenvolven as estadías artísticas. Un deses proxectos, O inevitable, é o dos creadores escénicos Borja Fernández e Diego Anido, que ocupan o pazo de Cultura durante a súa residencia, do 6 ao 24 de novembro. Fernández e Anido decidiron involucrar a alumnos da Aula de Teatro Municipal carballesa nun taller exprés no que se ensaiarán dúas ou tres intervencións e no que se xogará con servizos dramáticos básicos como o ritmo, a respiración, o saber estar en escena ou a atención. Tendo como referentes as disparatadas situacións habituais no explosivo subxénero de películas como Rambo ou O equipo A, O inevitable parte do concepto de “lobo solitario”, alguén que decide facer algo sen contar con ninguén: un tipo que ao que primeiro dálle por montar un invernadoiro e, anos despois e porque si, ao ver unha lata de refresco, embárcase, sempre sen axuda, na construción dunha catedral. Creando sen ataduras a textos, de xeito moi libre, na procura de sensacións ou sinxelas accións, “O inevitable” traballará, en principio, con varias ideas principais: 1) Unha primeira idea é a de intentar describir a vida de alguén desde que ten unha idea ata que decide que a vai poñer en práctica; por exemplo, un atentado. “Pero nós”, explican os creadores escénicos, “preferimos centrarnos no que lle pasa no medio a esa persoa, no cotián do que lle ocorrería a calquera persoa: érguese, mira pola fiestra, chama á nai...” 2) Unha conferencia TED para falar do fanatismo relixioso. 3) A partir dun dispositivo de playback, representar ruídos cotiáns que facemos todos pero que non implican falar: fumar, rañar o papo, beber un vaso de auga, pasos... Recrear obxectos, que non están na escena, a partir do audio. 4) Poñer en escena situacións inevitables de destrución, nas que o público presupón as accións. “Por exemplo, que un actor entre no escenario cun globo e un coitelo: inevitablemente o espectador presupón que o vai explotar. Aquí queremos poñer o microscópico escénico no que acaece antes desa situación que, aparentemente, non se pode evitar; no que sucede entre que o actor empuña o coitelo e pincha o globo”, explican Fernández e Anido. 5) Un home está deitado na cama, durmindo, abre os ollos e entran catro antidisturbios, un deles ponlle unha almofada na cabeza ao durminte e intenta afogalo, córrese o pano no escenario, os antidisturbios desaparecen e o home esperta e o público entende que o que acaba de pasar era un soño. Non se trata presentar unha obra acabada, senón dun proceso antes de ensaios para saber que é o que os actores queren facer. Pero de todas estas ideas saíra unha obra que se representará no Pazo da Cultura ao remate da estadía. Fonte 
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo

Comentarios