Carballo prepárase para unha sesión triple de teatro
07:09 28/03/17
Carballo preparase para unha fin de semana con ración tripla de teatro xa que ademais da montaxe que pecha os Venres Culturais organizados pola concellaría de Cultura, polo pazo da Cultura carballés pasarán a Bienal de Teatro ONCE e o programa da Deputación da Coruña “Coa lingua de fóra”.
Carballo é unha das vilas privilexiadas que poderán escoitar, por primeira vez, a Valle-Inclán en galego. Tras a liberación dos dereitos da obra do autor arousán, a compañía compostelá producións teatrais Excéntricas escolleu a farsa esperpéntica “A cabeza do dragón” para poñelo en escena, nun espectáculo de oito actrices e actores: María Costas, Iván Marcos, Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez, Josito Porto, Yelena Molina, Marcos Orsi e Quico Cadaval, que é tamén o director.
Esta primeira versión galega de “A cabeza do dragón”, que coincide co 80º aniversario da morte de Valle, móvese entre a influencia xaponesa e a tradición da farsa europea para construír un espectáculo cheo de máscaras e combates acrobáticos do que poderemos gozar o venres 31 de marzo, ás 21 horas, no Pazo da Cultura (prezo da entrada: 5 € - 3,5 € con desconto).
O teatro clásico ocupará o escenario do auditorio o sábado 1 ás 21 horas, porque chega a Carballo a “Lisístrata” de Aristófanes revisada por Begoña Sánchez e interpretada polo grupo valenciano Samaruc, que traballa pola integración a través do teatro. A función está incluída no programa da Bienal de Teatro ONCE - entrada libre ata completar aforo -.
Teatro infantil
No marco do programa “Coa lingua de fóra”, da Deputación da Coruña, o domingo 2 chegará a Carballo (Pazo da Cultura, 18 horas) o espectáculo teatral infantil “A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo”, da compañía Duende Sico, dirixido a nenas e nenos de 3 a 8 anos.
Nel o trasno Floripondio quere conseguir o diploma de “contacontos viaxeiro”. Para conseguilo debe impresionar a mestra Tomasa. Coñecer as partes dun libro, saber contar historias e entender o seu fondo son algunhas das habilidades que o trasno Fliripondio debe ter para conseguir o diploma. O espectáculo, sempre dende o humor e o dinamismo, trata temas como o fomento da lingua, a lectura e a igualdade.
Bromas, conxuros, participación da cativada, música en directo, mestura de actores e monicreques..., son algúns dos ingredientes deste espectáculo centrado nos libros e no que o público participa moi activamente.
A asistencia á representación é de balde, mais débense recoller previamente os convites (máximo 4 por persoa) na biblioteca Rego da Balsa (10:30 a 20:30 horas) ou no Servizo de Normalización Lingüística do Pazo da Cultura (de 10 a 14 horas).
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo