xoves. 08.05.2025
El tiempo

Completísima axenda para as Letras Galegas na Costa da Morte

Completísima axenda para as Letras Galegas na Costa da Morte
Axenda Costa da Morte Letras Galegas maio 2015 Comprometida Axenda Costa da Morte a que temos esta fin de semana das Letras Galegas. Numerosas iniciativas lembrarán a Filgueira Valverde e, sobre todo, reivindicarán a nosa lingua. Imos repasar as citas máis galegas e todo o resto. Pero antes de repasalas, traemos o exclusivo parte costeiros que nos mandan os amigos de 4gotas.com:
A finde na Costa vai ser anticiclónica, pero xa sabemos que anticiclón non é igual a sol.
O venres irase achegando o anticiclón e con ventos do norte irá metendo moita humidade desde o mar. Haberá moitas nubes, entre Muxía e Malpica estarán presentes todo o día, mesmo con algún orballo na madrugada do venres e na do sábado. Entre Fisterra e Muros abriranse claros xa o venres.
O sábado amencerá con moitas nubes no norte e xa despexado no sur. As nubes do norte quedarán concentradas nos arredores de Malpica toda a xornada. Aí non subirán as temperaturas, pero de Fisterra a Muros subirán ata os 22-23ºC, aínda que con vento forte do nordés.
O domingo lucirá o sol en toda a Costa e subirán un chisco máis as temperaturas. Chegando aos 25ºC no sur da Costa e quedando nos 20-21 nos arredores de Malpica.
Haberá quen se anime a ir a praia, mellor o domingo, e como vedes na web con 16ºC de temperatura no mar, que non está nada mal para esta época do ano.


O Festiletras, a gran festa das Letras Galegas

Sen dúbida é o Festiletras o epicentro das Letras Galegas, e non só na Costa da Morte. A nivel galego a Aldea do Couto é unha das referencias e afronta a fin de semana con moitas cousas. O venres de mañá teremos Roteiro Pondaliano con Xabier Couto, e despois de varias accións para os nenos e dunha cata de queixos, xa entre Lusco e Fusco, teremos unha agradable degustación gastronómica, e a nova obra dos baieses de Badius Teatro, Frankenstein. Para o sábado, dia completo que arrincará cun faladoiro como as Aldeas Singulares da Costa da Morte na Fundación. Pola tarde poremos a cociña con Benigno Campos, e xa de noite, a AC Inllar daranos As Vésperas co seu pasarrúas, para celebrar un dos grandes eventos do festival, a actuación de Amancio Praza e Guadi Galego na Casa dos Veciños. Non decae a actividade o domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas. Pola mañá Xosé Luís Rabuñal Patiño e Ana García guiarán un roteiro ornitolóxico polo esteiro do Anllóns. Pola maña retemos tamén feira de Artesanía e a entrega de premios do II Premio Poético Infantil Eduardo Pondal. Haberá sesión vermú, co Cé Orquesta Pantasma, con Carapus e cas habituais que nunca fallan, as Cantareiras de Ardebullo. Xa pola tarde, toca artesanía, baile, e o concerto de Samarúas que pechará o festival na Carpa do Festiletras.

Máis Letras

Haberá moito máis sitios once celebren as Letras Galegas, como en Corcubió, con teatro e unha Lectura continuada de autores galegos, ademais de con orixinal performance poética con Xurxo Souto. Parada hai que facer o domingo en Fisterra, cunha quedada de boa parte daquel Batallón Literario da Costa da Morte para un emotivo recital salgado. E tamén por Carballo artellan un bo programa das Letras.

De festas

E xa comezan a soar as verbenas, como o farán nas Festas da Eirita de Cabana, nas Festas de Montouto de Santa Comba, as Festas de Brandoñas, Zas ou nas Festas da Rabadeira de Coristanco. Singulares serán as Festas de Trasouteiro de Vimianzo, que acompañan á simpática Baixada de Carrilanas. E tamén especial será a VI Xuntanza Folk de Lires, cun sábado fantástico cos Tres Trebóns e a Banda de Balbina para facernos bailar, en galego.

Camiñadas

Temos este sábado Andaina por Corcubión, con saída dende a praza ás 10:00h. Temos xa o domingo a 5ª etapa do Camiño dos Faros, entre Arou e Camariñas, pola senda máis fermosa case do noso litoral, e con saída ás 9:00h da praza do Curbeiro, en Camariñas, á beira do porto. E como non, o domingo Ruta con Senda Nova pola Costa agreste de Cerqueda e Cambre, en Malpica.

Máis cousas

En clave musica, o Boulevard Lounge de Fisterra, outro dos centros que aposta pola música en directo, recibe a visita dos ceenses Alan Acoustic Project, este venres 15 de maio á media noite. Ademais, por Muros remata a Mostra de Teatro Xosé Agrelo, con sesións o venres co Teatro Solidario As Insuas e o sábado e domingo cos locais Aquelando Teatro.

Máis información

Tendes toda as citas debulladas en:

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios