Irmandade TV comeza este venres as súas emisións

De noraboa estamos a familia da Asociación de Medios en Galego co nacemento dun novo membro. Irmandade TV darán comezo coa retransmisión dun Maratón polo Galego de 12h a través da nova canle de TDT, Nós TV, e na radio en parcería con Radiofusión.

Vai ser un Maratón polo Galego de doce horas, de 11 da mañá a 11 da noite: entrevistas, debates e análises sobre diversos aspectos da vida social, política, económica ou cultural e a súa relación co noso idioma. Será unha xornada onde a protagonista será a lingua galega e os seus falantes. Debateremos sobre o seu futuro con expertos e xentes do común, adolescentes, xóvenes e todos os sectores implicados no seu desenvolvemento.

O espazo será presentado por Aurélio Lopes, director de Irmandade TV; e Sara Torreiro, directora dos espazos informativos producidos por Irmandade TV.

Participan como patrocinadores quince concellos galegos, a Universidade de Vigo e a de Santiago, a Deputación de Lugo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Entrevistas, humor, música e reportaxes mistúranse para configurar un programa áxil e ameno. Oitenta e cinco lingüistas, filólogos, profesores, sociólogos, escritores, xornalistas, xentes do teatro e da cultura e rapaces e rapazas pasarán polo programa, que supoñerá un fito na historia da radio e da televisión en Galiza. Pretendemos reflectir toda a pluralidade existente na nosa comunidade arredor da lingua.

O programa realizarase en directo desde os estudos de Irmandade TV en Área Central (Santiago de Compostela) e poderá ser seguido a través da canle de TDT, Nós TV, nas Comarcas de Compostela, Deza e Tabeirós e a través da web www.irmandade.tv e tamén en Radiofusión, rede de radios locais de Galicia con dezaseis emisoras asociadas.

A nova AMEGA

Esta é unha listaxe de novas que compartimos os membros da Asociación de Medios en Galego:

Máis novas

Novas sobre as Eleccións Xerais do Mirante para a AMEGA

Fonte