Martes. 16.04.2024
El tiempo

A concesión do Semáforo de Fisterra, un claro exemplo da presunta corrupción do PP

A concesión do Semáforo de Fisterra, un claro exemplo da presunta corrupción do PP
Hotel Semáforo de Fisterra

Hai cousas que parecen tan evidentes que parece complicado pensar que se poden realizar dun xeito tan patente. Foron varias as persoas que se dixiron a nós preguntando por que non publicaramos nada da concesión do Semáforo de Fisterra, un dos lugares emblemáticos da Costa da Morte. E non quixemos denunciar un feito tan sangrante porque nos parecía que tiña que haber razóns claras para xustificalo. Pero despois das pesquisas, temos que valorar a adxudicación do Semáforo como un perfecto exemplo de presunto caciquismo local do PP de Fisterra.

Había sospeitas entre os empresarios da provincia de que a cousa non sería limpa. O normal, segundo xentes experimentadas nestes concursos, sería que se presentasen 7 ou 8 empresas, alomenos, pero curiosamente non se presentou ningunha empresa (para un sitio tan suculento como o semáforo) ata o último día. Aí apareceron 2 propostas: a proposta do empresario ceense Jesús Picallo, e a dos responsables do Cabanel, o restaurante de Sardiñeiro, un lugar que coñecemos dende as comilonas da #OperaciónOrquesta e do que a socia é filla dun concelleiro do partido gobernante, precisamente un dos imputados na devandita Operación Orquesta.

Proxecto do Semaforo que perdeu

A primeira proposta chegaba da empresa ceense, acostumada a traballar xestión de equipos e coa intención de facer un hotel boutique e de natureza, e que prestaría especial atención na gastronomía, e unha taberna focalizando a atención na mítica posta de sol na música que en vivo. Unha proposta desenvolta pola empresa consultora especializada en modelos de negocio turísticos “Adapta”, de Santiago, e co peso de 59 follas.
A segunda proposta, a que finalmente foi gañadora, era “3 fotocopias cunha grapa”, segundo nos confirmaron varias fontes, cunha proposta de “pulpo e viño do país”.

Con anterioridade, pouco se falara do asunto. O BNG criticaba antes da concesión que o prazo era demasiado longo (15 anos) ou que o configuración das condicións económicas limita a posibilidade de presentarse a pequenas empresas turísticas da zona. Pero ”a realidade é que fai falta un grande investimento para poñer a andar un proxecto verdadeiramente chulo”, recoñece o propio Picallo, atento sempre ao que conta a rede e decatándose de que as verbas dos turistas sobre un dos que ten que ser emblema do turismo na Costa da Morte non son para nada positivas. “Hai que facer un investimento moi grande e instalacións, de máis de 200.000, porque está todo que se cae”. De aí que a súa proposta económica sexa de 271.000€. “Temos presupostos de varias empresas de aquí para as obras e fan falta”, indica Picallo.
Unha cifra que se contrarresta cos 30.000€ de investimento da primeira oferta, cando o canon base no prego de contratación sitúase nos 261.300 euros.
Aínda se deu a circunstancia que a empresa perdedora levou a dous técnicos turísticos a inspeccionar o recinto para confirmar que todas as licencias estaban correctas, e de feito houbo que modificar os plegos no últoimo segundo por varias incorreccións.

Falamos dunha concesión por 15 anos onde nos pregos presentados pode incluso gañar a peor proposta técnica e proxecto (ata 20 puntos), debido ao establecemento dun dobre criterio económico: composto pola mellor proposta de canon (20 puntos), e ao seu pago por anticipado (10 puntos). De feito, iso foi o que aconteceu. A valoración económica do proxecto gañador foi evidentemente mellor que a da segunda, pero sorprendentemente a gañadora recibíu unha puntuación técnica, se cadra, demasiado alta, superando finalmente na votación (na que non participou o BNG, e si PSOE e, por suposto, PP pero sen o concelleiro implicado por ser familiar) en 1,8 puntos sobre os 40 finais.

Chegamos aí a unha nova problemática, cando a empresa perdedora solicita o informe da votación para analizar o porqué da votación tan alta da primeira oferta. Pero despois dun mes solicitando un papel que se debe entregar a todas as empresas que participan no concurso no mesmo momento de anunciar a resolución, aínda non recibiron resposta. A asesoría xurídica está pensando en denunciar o caso, “sen dúbida”, se o devandito informe segue sen aparecer. Así e todo, un mesmo membro da mesa aseguraba na prensa que "estaban a realizar o informe", cando o informe debe ser a base da adxudicación.

“Quen perde é Fisterra”, recoñece o propio Picallo, sorprendido pola situación. “Nós iamos con moita ilusión, a un sitio no que cremos, con moito traballo e a creación duns 10 postos de traballo de media anual.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios