Domingo. 28.04.2024
El tiempo

#OMirante: O PP retoma o mando en intención de voto ante o novo baixón de Podemos

#OMirante: O PP retoma o mando en intención de voto ante o novo baixón de Podemos
O Mirante-Estimacion de voto para as Eleccions de Novembro 2015 a marzo 2015- Fonte- Carlos Neira para a AMEGA

Seguimos repasando a actualidade política estatal da man de Carlos Neira, que fai un bo rustrido de enquisas e prepara un fantástico informe para os membros da Asociación de Medios en Galego.

E nesta análise do mes de marzo, vemos como o PP non se resinte de todos os seus escándalos (tarxetas black, escoitas con Gardas Civís sobre áticos privados e empresas pantasma, os Bárcenas, as Zaidas…), e a 8 meses das Eleccións Xerais 2015, asistimos á volta do PP á primeira posición. Pola contra, a política da media estatal afíns aos dous “grandes” partidos, contra Podemos, xurde efecto e o novo partido perde de terreo, deixando a primeira posición e perdendo apoios por mes consecutivo e esta vez con maior intensidade..

Mentres, o PSOE mantense entre os 20 e os 22 puntos durante todo o primeiro trimestre, o que suxire unha certa estabilidade nese chan.

A maior variación na estimación de Neira é o crecemento de Ciudadanos durante o último mes, que o converte na cuarta forza. Porén, este medre é moi inferior ao que din os medios de PRISA (El País e a Cadena Ser).
Un dato que amosa a verdadeira intensidade do crecemento de C's é que a suma de UPyD e Ciudadanos é hoxe de 12,4 puntos, exactamente a mesma porcentaxe rexistrada tralas eleccións europeas, cando o modelo asignaba un 8,5% a UPyD e un 4 a Ciudadanos. Neste sentido pódese afirmar que o groso do crecemento de Ciudadanos desde xuño dáse a custa do partido de Rosa Díez.

O resto de forzas minoritarias teñen en cómún que só rexistran descensos ou, como moito, mantéñense. IU mantén a pequena vantaxe sobre UPyD, pero ambos tocan mínimos históricos da lexislatura. CiU tamén segue por riba de ERC, pero ambos presentan tendencia descendente. O mesmo se pode dicir do PNV e EH Bildu. O resto de forzas nacionalistas presentan igualmente tendencias decrecentes,.

O Mirante-Estimacion de escanos para as Eleccions Xerais de Novembro 2015 a marzo 2015- Fonte- Carlos Neira para a AMEGA

Voto Latente de PP e PSOE

Voto latente de PP e PSOE (X Lexislatura)

Voto Latente de Podemos e Ciudadanos

Voto latente de Podemos e Ciudadanos (X Lexislatura, tralas europeas)

Por que é fiable O Mirante

O Mirante aplica un modelo estatístico que rastrexa os cambios no apoio electoral ás distintas forzas políticas ao longo do tempo. Mediante a análise de todas as enquisas publicadas o modelo neutraliza as variacións das casas demoscópicas que se deben aos efectos caseiros.
Os efectos caseiros ou house effects miden o nesgo que unha produtora de enquisas comete de forma sistemática cando estima o apoio electoral dunha forza calquera. Este nesgo mídese mediante un dato puntual e un intervalo de confianza.
O dato puntual é a mediana do desvío histórico en que incorre esa casa enquisadora a respecto do conxunto. O intervalo delimita cun nivel do confianza do 95% o intervalo de desvíos atribuíbles a razóns aleatorias. Cando este intervalo non inclúe o valor cero, entón pódese afirmar que ben a metodoloxía de mostraxe ben á súa cociña introducen distorsións a respecto do consenso demoscópico.

O modelo produce así, para cada forza política, unha estimación menos nesgada e máis precisa que a de calquera casa ou enquisa individual.

As estimación que aquí se ofrecen non pretenden desde logo ser un prognóstico do resultado electoral. Os resultados refírense ao momento presente. Para realizar unha previsión sería necesario corrixir os erros que historicamente cometen as enquisas electorais como instrumento preditivo.

O modelo foi desenvolvido por Simon Jackman na linguaxe R, e o código utilizado aquí é unha adaptación persoal do orixinal de Xavier Fernández-i-Marin e Gonzalo Rivero.

Novas sobre as Eleccións Xerais

Máis novas políticas

Fonte

Comentarios