Martes. 21.05.2024
El tiempo

Mofa e Befa inaugurarán o FIOT máis Voluntario

Mofa e Befa inaugurarán o FIOT máis Voluntario
Mofa e Befa no FIOT de Carballo 2014

Xa está en marcha o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. Unha das mostras de teatro máis importantes de Galicia que cada mes de outubro achega á Costa da Morte os mellores grupos de toda a península.

E xa sabemos quen van ser os protagonistas de romper o xeo este ano. Uns protagonistas con raíces costeiras, pois o cormelán Víctor Mosqueira forma, xunto a Evaristo Calvo, o dúo Mofa&Befa. Eles abrirán o 10 de outubro a 23 edición do Festival coa estrea en galego da obra “Bobas&Galegas”, dirixida por Quico Cadaval e coproducida pola Fundación Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, no que abriron en xullo o Corral de Comedias coa versión en castelán do espectáculo. Farano durante a presentación do festival, que ademais ten unha xuntanza para os interesados en colaborar como voluntarios, o próximo mércores 17 ás 19.00h no Pazo da Cultura.

Voluntariado, clave

En 2010, os organizadores do FIOT, a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, iniciaron con moito éxito unha campaña de captación de voluntarios para colaborar nas actividades do Festival, co afán de implicar ao tecido social e aos afeccionados ao teatro e no desenvolvemento do mesmo. O resultado foi a formación dun equipo de voluntarios dinámico e competente que facilitou que as diversas actividades do FIOT se puidesen levar a cabo de forma óptima. Dado o grao de implicación do equipo formado hai 3 anos, e tendo en conta que o FIOT vai medrando cada ano e a súa organización vai adquirindo unha maior complexidade, nesta edición lánzase novamente a convocatoria para os colaboradores voluntarios que desexen unirse ao equipo de traballo xa consolidado.

A labor dos voluntarios será o de colaborar, en función da súa dispoñibilidade, achegar coñecementos, aptitudes e intereses, en tarefas sinxelas que axuden ao desenvolvemento das actividades, sempre coa dirección e coordinación do persoal responsable do Festival.

Todos os interesados en colaborar como voluntarios poden asistir á reunión que terá lugar o mércores 17 de setembro ás 19.00h no Pazo da Cultura, co obxecto de presentar con máis detalle o funcionamento desta iniciativa e obter a información necesaria das persoas que desexen unirse á mesma.

Concurso de Teatro Lido

O concurso escolar de teatro lido Xosé Manuel Eirís cumpre xa 14 anos fiel ao seu cometido de dar protagonismo aos espectadores máis pequenos, promover o teatro e favorecer a súa iniciación e interpretación dramática.
As asociacións e centros escolares da comarca de Bergantiños, tanto de primaria como de secundaria, poden participar neste concurso cun pequeno texto teatral que deberán poñer en escena na emisora local de Radio Voz. O prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 2 de outubro nas oficinas administrativas do Pazo da Cultura. Entre os ganadores repartiranse premios por un importe de 850€.

Novas relacionadas

Comentarios