Martes. 11.08.2020
El tiempo

O FIOT baixa o telón coa estrea absoluta de "Fillos do Sol"

O FIOT baixa o telón coa estrea absoluta de "Fillos do Sol"
fillos-do-sol-eduardo-pondal Onte presentouse a nova coprodución entre o FIOT e a compañía Contrapoduccións, de Cándido Pazó, que se representará este venres Vai chegando ao seu fin o FIOT de Carballo. O peche da 26ª edición terá lugar esta fin de semana coa estrea absoluta de “Fillos do sol”, a segunda coprodución entre o FIOT e a compañía Contraproducións despois de “O tolleito e Inishmaan”, estreada na pasada edición e que foi a gran triunfadora dos últimos Premios María Casares con cinco galardóns. Nesta nova conexión entre Carballo e Cándido Pazó - autor e director da obra - supón ademais a achega do FIOT á homenaxe da cultura galega a Eduardo Pondal no centenario da sua morte - que chegou onte ao Congreso dos Deputados co fin de que o goberno apoie os actos conmemorativos -. “Era unha obriga case territorial, pero tamén cultural, porque Pondal é unha das persoas máis destacadas de Bergantiños e hai que recuperalo para o conxunto da cultura galega”, explicou Alberto Sueiro, presidente da asociación cultural Telón e Aparte, na presentación de “Fillos do sol”. Tanto Alberto Sueiro como Belén Pichel, xefa de produción, expresaron o seu desexo de que a colaboración entre o FIOT e Contraproducións permaneza no tempo. Belén Pichel agradeceu a confianza depositada na compañía e amosouse especialmente contenta “por estrear este espectáculo na miña terra e por terme topado nesta aventura con outra carballesa, Alba Bermúdez, coa que estamos encantados e marabillados”. Alba Bermúdez é, de feito, unha das actrices protagonistas de “Fillos do sol”, que, a medio camiño entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, recrea as dúbidas, medos e insatisfaccións creativas de Eduardo Pondal con relación a “Os Eoas”, o poemario no que traballou durante gran parte da súa vida e que non chegou a publicarse ata case cen anos despois da súa morte. “Non parecía doado escribir unha peza sobre Pondal”, comezou Cándido Pazó a súa intervención. “Entendín que era un reto, e a verdade é que se non chega a vir de Carballo non creo que dixera que si”. Pero agora “Fillos do sol” non só é unha encarga do FIOT, senón unha “filla” querida por Contraproducións e polo propio Cándido Pazó, que asegurou que “Bergantiños vibra nesta peza”. O concelleiro de Cultura de Carballo - Marcos Trigo -, que foi outro dos participantes na presentación desta nova aventura do FIOT, salientou a calidade do equipo de traballo que fixo posible esta coprodución e o seu orgullo porque dese equipo formen parte dúas persoas de Carballo. “Agora en Carballo tamén temos teatro con forza”, rematou o alcalde, parafraseando ao propio Cándido Pazó. Evencio Ferrero amosou ademais o seu desexo de que iniciativas como esta contribúan a reforzar a identidade de persoas que, como Eduardo Pondal, “temos que seguir descubrindo”. A obra representaranse o venres, ás 21 horas, e o sábado, ás 20:30 horas, no pazo da Cultura de Carballo. Xograresa de Outono O venres ás 21 horas, xusto antes do primeiro pase de “Fillos do sol”, a actriz Mónica Caamaño recibirá o galardón de Xograresa de Outono 2017, que premia a súa intensa e diversa traxectoria en teatro, cine e televisión, e o seu compromiso activo co sector cultural.

Novas do FIOT

Fonte  

comentarios