"O galego, a miña lingua propia" chega as aulas de secundaria

08:07 08/05/18

"O galego, a miña lingua propia" é o título da iniciativa que percorrerá até 43 concellos da provincia e que botou a andar onte no IES Poeta Francisco Añon de Outes. Promovida pola área de Normalización Lingüística, que dirixe a tamén vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, este programa pretende promocionar o uso da lingua galega entre a poboación adolescente e aportarlle referentes cos que valorizar e dignificar o uso da lingua galega.
A responsábel da área de Lingua da Deputación, Goretti Sanmartín subliñou a importancia que ten “amosarlle ás rapazas e rapaces o grande valor e prestixio que ten o galego e reforzalo como lingua propia” pois, engadiu “é nestas idades cando se poden modificar as actitudes e comportamentos lingüísticos das persoas”. Goretti Sanmartín destacou na súa intervención no Correlingua en Santiago de Compostela que a infancia e mocidade ten que ser un obxectivo prioritario para garantir o futuro da lingua e animou a participar no programa que se desenvolverá en centros de ensino de distintos concellos. Co fin de contribuír á paliar o descenso de falantes entre a poboación máis nova do que falan os últimos estudos sociolingüísticos, a Deputación da Coruña deseñou unha campaña de promoción da lingua en que a través de 91 actividades –subdivididas en 20 modalidades- buscará contaxiar ás mozas e mozos da Coruña do prestixio que supón ter unha idioma propio como o galego. O programa contempla un amplo calendario de actividades e relatorios, en que participarán relevantes representantes do mundo da música, o deporte, a escrita, a danza, etc., persoas colaboradoras que, ademais de seren referentes para os mozos e mozas polas súas actividades profesionais, tamén amosaron o seu compromiso coa lingua galega. Caras moi coñecidas Co ánimo de promover a sensibilización idiomática e fomentar unha actitude positiva entre a poboación adolescente cara a lingua, a Deputación da Coruña contará coa colaboración das poetas Antía Otero e Rosalía Fernández Rial, as contadoras Paula Carballeira e Aldaolado; representantes do mundo da música como Xurxo Souto, MJ Pérez, García MC, Davide Salvado, Monoulious Dop; ademais de Irene Lourido, Fran Cañotas e María Yáñez do eido xornalístico. Así mesmo, o audiovisual estará representado por profesionais como Lois Blanco, Jaione Camborda, ou a compañía Gaita Films, as artes plásticas con Leandro Lamas, o mundo da moda e a ilustración con Cestola na Cachola e Laura Romero, o graffiti con Sokram e Mou e o ámbito sanitario con Iria Veiga. Precisamente, a psiquiatra Iria Veiga, máis coñecida polo seu nome nas redes sociais -A Raíña Vermella- desenvolve xunto coa ilustradora Laura Romero as dúas primeiras actividades do programa O galego, a miña lingua, no IES Poeta Añon de Outes. Nomeadamente, o centro de ensino secundario outense é o escenario da presentación do proxecto “As mulleres na música galega” e a primeira charla-reflexión sobre o uso do galego na sanidade. Aínda que as actividades do programa O galego, a miña lingua propia se desenvolverán durante todo o 2018, antes da finalización do presente curso académico están programadas as seguintes actividades en diferentes concellos:- A Baña: 9 Maio - CPI SAN VICENTE 16:00h. Gaitafilmes. Obradoiro de cine na aula
- Arzúa: Luns 14 Maio IES NOSA SRA. DO ROSARIO María Yañez - Mapeando o galego nas redes
- Santa Comba: Luns 14 Maio IES TERRAS DE XALLAS Lois Blanco Arauxo – Proxección da curtametraxe ‘Fálame do silencio’ e charla co director
- Fisterra: Mércores 16 Maio IES NOSA SRA. DO CARME MJ Perez – Música e audiovisual
- Negreira: Mércores 16 Maio 11h30 IES XULIÁN MAGARIÑOS Fran Cañotas I Taller de xornalismo deportivo
- Ames: Venres 18 Maio IES MILLADOIRO María Yañez - Mapeando o galego nas redes
- Betanzos: Venres 25 Maio IES AS MARIÑAS MONOULIOUS DOP - Música, diversión e participación
- A Coruña: Venres 25 Maio IES CALVO SOTELO LEANDRO LAMAS – Un debuxo paso a paso
- Fisterra: Mércores 4 xuño IES FIN DO CAMIÑO MJ Perez – Música e audiovisual
- Rianxo: Mércores 20 xuño IES FÉLIX MURIEL MJ Perez – Música e audiovisual
- Ames: Mércores 20 xuño IES BERTAMIRÁNS Laura Romero - Presentación do proxecto ‘As mulleres na música galega’
- Abegondo: Mércores 20 xuño IES VIÓS García MC – Obradoiro de Hip Hop e Rimas
- Arzúa: xoves 21 xuño IES DE ARZÚA Xurxo Souto – Somos un pobo de artistas!
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación da Coruña