O programa "Coa lingua fóra" da Deputacióin chega ao seu ecuador con máis de 2.000 participantes
08:05 29/03/17
Carballo, Santa Comba, Vimianzo e Cee serán os próximos concellos da Costa da Morte polos que pase o progrma "Coa lingua fóra"
Máis de 2.000 persoas participaron no programa de promoción do galego “Coa lingua fóra” da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña que visitou xa máis de vinte concellos no seu primeiro mes de andaina. O programa prolongarase a través de vinte concellos máis até fin do mes de abril con distintos espectáculos e obradoiros dirixidos, principalmente, ao público infantil e xuvenil.
Os espectáculos "A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo" e "Non sabes quen es" da compañía teatral Duende Sico xunto cos obradoiros infantís para o público de menor idade ademais da charla educativa do escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago - Manuel Núñez Singala- compoñen o eixo central dun programa que ten como obxectivo animar ao uso da lingua galega e eliminar os prexuízos que poñen trabas á súa normalización.
“Nun primeiro balance podemos destacar a boa acollida na infancia e na mocidade deste programa que quere desmontar os prexuízos que aínda perviven e dificultan o uso do galego neses tramos de idade e promover a normalización en etapas en que é preciso incidir para a propia supervivencia do galego”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.
Eliminación de prexuizos
“Coa lingua fóra” bota man do teatro e actividades diversas para a dinamización do galego en público maiormente infantil e xuvenil, tramos de idade onde a perda da lingua está a ser máis acusada. “Tratouse de conxugar propostas que conecten facilmente coa infancia e a mocidade e isto, polo que estamos a ver, estase a conseguir tanto cos espectáculos como cos obradoiros, de maneira especial, coa charla de Núñez Singala que está a ter un gran seguimento e espertar conciencias para eliminar eses prexuízos tan ancorados na nosa sociedade”, engade Goretti Sanmartín.
O programa primou o deseño de iniciativas participativas que se poden ademais adaptar a diferentes espazos como bibliotecas, centros de ensino, teatros ou salóns de actos, en función das posibilidades do concello onde se desenvolven. Ademais do uso da lingua que é o obxectivo preferente de “Coa lingua fóra”, as actividades fomentan valores como a igualdade e o coidado da natureza ou o fomento da lectura.
A campaña continúa, pasado o seu ecuador, en vinte concellos máis da provincia até fin do mes de abril. Porto do Son, Rianxo, Rois, Carballo (2 de abril), Santa Comba (4 de abril), Vimianzo (5 de abril), Moeche, Boimorto, As Pontes, Malpica, A Baña, Ames, Ordes, Outes, Cee (25 de abril), Melide, Ferrol, Neda e Santiago serán os vindeiros concellos que acollan “Coa lingua fóra”.
Novas relacionadas
- Carballo prepárase para unha sesión triple de teatro
- A Deputación expande o programa “Coa lingua fóra” por corenta concellos da provincia
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación da Coruña