Xoves. 18.04.2024
El tiempo

O rap, os arrolos e os libros convivirán co Pan na Praza dos Libros de Carballo

O rap, os arrolos e os libros convivirán co Pan na Praza dos Libros de Carballo
Cartel da Praza dos Libros de Carballo

O Concello de Carballo organiza un ano máis a Praza dos Libros, que ten lugar desde o xoves 23 ao domingo 26 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá. A creación cultural convivirá durante os 4 días coa feira tradicional de produtos do campo e ademais, o domingo pola mañá, todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun Pan de Carballo.

Ao longo dos catro día de feira haberá un intenso programa de actividades de difusión da creatividade cultural galega para todos os públicos, e serán presentados catorce novidades.
As creacións culturais galegas achegadas á cidadanía en distintas claves. Literatura, presentacións, actuacións, música, autoras e autores da comarca e do país, pan e moitas outras propostas encherán de vida, imaxinación e creatividade o Xardín Municipal de Carballo durante catro días.

Pola Praza dos Libros pasarán, entre outros/as, autores/as como Xosé Neira Vilas, María Canosa, Rafa Villar, Paula Carballeira, Pilar García Negro, Xosé Manuel Sánchez Rei, Rosalía Fernández Rial, Xosé Manuel García, Xurxo Chapela, Xurxo Borrazás, Fernando Cabeza Quiles, Farruco Graña, Henrique Mariño ou Ignacio Silva, ademais da rapeira Aid ou os músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández, ou de actividades de animación con Anxo Moure, Glub Glub, a Ciclobiblioteca, etc.

Completo programa

Programa_Praza-dos-Libros_Carballo_2012_1

Así, o xoves 23 ás 19.30 h, presentaranse dous libros sobre lingua. Trátase de Outramente (Laiovento), de Pilar García Negro, e Lingua e variación dialectal (Laiovento), de Xosé Manuel Sánchez Rei. E o mesmo día, ás 20.30 h, Manuel Iglesias Turnes presentará o seu primeiro libro, As rapazas de Xan (Xerais), que xa se converteu nun dos máis vendidos do ano.

O venres 24 xa pola mañá, ás 12.30 h, a actriz e escritora Paula Carballeira presentará o seu último libro, O Principio (Kalandraka), e farao a través dunha sesión de contacontos para nenas e nenos. Pola tarde, ás 19.30 h, presentaranse dous novos libros infantís, concretamente de poesía infantil, e escritos por dúas persoas de Cee: Rafa Villar, que presenta Patente de corso (Embora), e María Canosa, que presenta Acuario (Embora). E a continuación, ás 20.30 h, máis poesía, neste caso para adultos e por parte dunha escritora local, Rosalía Fernández Rial, que a través dun espectáculo poético musical presentará Vinte en escena (Positivas), o seu novo libro, ilustrado tamén por dous artistas de Carballo, Mon Lendoiro e Chiña.

Programa_Praza-dos-Libros_Carballo_2012_2

O sábado 25 ás 12.30 h terá lugar unha das iniciativas máis novidosas desta edición da Praza dos Libros: un concerto de nanas para bebés, nais e pais, da man do cantante e músico Xabier Díaz e do guitarrista Guillerme Fernández (ambos membros de grupos como Berrogüeto ou aCadaCanto), que presentarán en concerto o disco Arrolos de salitre. Ese mesmo sábado 25, pola tarde, ás 20.30 h, presentaranse dúas obras recollidas nun mesmo libro feito en Carballo. Trátase do poemario Primavera de navallas, de Xurxo Chapela, e mais da obra de teatro Solpor en Waterloo, de Xosé Manuel García.

E o último día, o domingo 26, ás 12.30 h, volve á Praza dos Libros un dos escritores máis sobranceiros do noso país: Xosé Neira Vilas. Despois do éxito do ano pasado, onde estivo dúas horas asinando libros, este ano presentará a súa última novela, Esperando o leiteiro (Galaxia). Xusto antes desa presentación, ás 12.00 h, diversos autores de Carballo asinarán exemplares do libro conxunto Follas de Carballo (Lumieira), que editou a asociación cultural Lumieira, asinado por Farruco Graña, Cabeza Quiles, Henrique Mariño, Ignacio Silva, Rosalía Fernández Rial, Xurxo Borrazás e Xurxo Chapela.
O domingo pola tarde presentaranse dúas novidosas e exitosas creacións culturais galegas: unha película de animación e un disco de rap.
Ás 19.30 h presentarase o cómic e mais o filme de animación Engurras. O cómic de Paco Roca, que agora se edita en galego, obtivo o premio nacional de banda deseñada en 2008 e a película gañou este mesmo ano dous premios Goya.
E, para pechar o programa da Praza dos Libros, haberá un concerto da exitosa rapeira Aid, no cal interpretará diversos poemas galegos en clave de rap, que están recollidos no seu disco Rapoemas. Nunca antes se escoitara a Rosalía ou a Curros con tanto ritmo e forza!

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios