Xoves. 04.06.2020
El tiempo

O Seminario de Estudos Comarcais presentou o deuvedé da maxia dos "Faros da Costa da Morte"

O Seminario de Estudos Comarcais presentou o deuvedé da maxia dos "Faros da Costa da Morte"
Abríamos o ano cos Cruceiros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. E hoxe facemos parada, en vídeo, dos faros. I é que o SEMESCOM presentou o pasado venres, 7 de xaneiro de 2011, o DVD "Faros da Costa da Morte". O acto tivo lugar no Salón Caribe de Vimianzo e nel participaron o historiador e antropólogo Manuel Vilar, o historiador Xosé María Lema, e o escritor muxián Xosé Henrique Rivadulla Corcón. A realización da obra foi posible ao Proxecto Singular "Percorrendo Vieiros da Costa da Morte" aprobado pola Deputación e que desenvolve, da man dos mellores especialistas, o Seminario. E neste caso, un dos que máis traballo desenvolveu foi o muxián Manuel Vilar. Un Vilar que demostra de novo o seu amor polo simbolismo dos faros da bisbarra, como fixera hai un ano no marco do Foro Costa da Morte realizando unha ruta reivindicativa pola recuperación dos Fachos como patrimonio cultural da Costa . Co DVD, o Seminario pretende salientar a historia e as paraxes que arrodean aos faros, prestando especial atención a aqueles faros que foron fonte de inspiración para artistas e escritores. Pero o interese non está só en destacar a súa historia, senón tamén en chamar a atención sobre as paraxes nas que se erguen, todas de gran valor paisaxístico e que deberíamos preservar, así como na importancia que puideron ter na inspiración de escritores e artistas. Mais tamén se quere incidir no papel que os faros -agora xa non tan vitais para a navegación- poden desempeñar no desenvolvemento, presente e futuro, da Costa da Morte como espazos ao servizo da sociedade civil. Na documental, de 16 minutos de duración, faise un percorrido polos faros do Arco Fisterrán da man de Manuel Vilar como guieiro e narrador, desde o das Illas Sisargas ata o de Monte Louro e sinalando a súa importancia histórica para a navegación. Puntos como a Punta Nariga, o Roncudo, A Insua de Laxe, o Cabo Vilán, Touriñán, Cabo Cee ou as Illas Lobeiras son algúns dos protagonistas.

Datos técnicos

As imaxes -diúrnas e nocturnas, no exterior e no interior dos faros- foron gravadas polo propio director de SAGA-TV, Marcos Gallego, quen, ademais, engadiu unhas estupendas tomas marítimas e aéreas que contribúen a acrecentar a beleza paisaxística dos lugares onde se sitúan todas estas torres humanizadoras do noso litoral.
  • Dirección e narración: Manuel VILAR.
  • Guión: Manuel VILAR e Xosé Mª LEMA.
  • Produción e imaxe: Marcos GALLEGO.
  • Axudante de cámara e produción: Elena MAREQUE.<&/li>
  • Edición e posprodución: Mon MOARES.

Novas relacionadas

Fonte

comentarios