Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Unha de Cruceiros co Seminario de Estudios Comarcais para abrir o 2011

Unha de Cruceiros co Seminario de Estudios Comarcais para abrir o 2011
Pechamos o ano facendo unha ollada ao Patrimonio. E con quen mellor que co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), que vén de sacar un calendario de cruceiros de cara a este 2011. Un aposta que veñen desenvolvendo dende anos anteriores con calendarios que teñen como protagonistas as antas (2007), os faros (2008), os Penedos de Pasarela e Traba (2009) e os hórreos (2010). Para o 2011 traen esta pequena mostra dos múltiples cruceiros que hai na Costa da Morte. Un traballo o da esta organización fundamental para que as administracións teñan en conta o noso patrimonio. Con todo, aínda falta que a resposta da Xunta, Deputación ou Concellos manteña os acordos chegados tralas peticións da entidade. Un exemplo son os propios Penedos de Traba e Pasarela, salvados pola SEMESCOM dunha canteira, cunha promesa da Xunta de recuperación e sinalización do entorno, pero sonre o que, un ano despois, aínda non se fixo nada.

Presentación e venta

As fotos son de Roberto Mouzo, Xosé R. Esperante e de Xosé Mª Lema. O calendario pódese atopar xa en diversas librerías da Costa da Morte (de momento en Baio e Vimianzo), e na Librería Couceiro de Santiago. Así e todo, o Seminario vai presentalo en público, xunto co deuvedé Os faros da Costa da Morte, o próximo venres 7 de xaneiro 2011 no Salón Caribe de Vimianzo ás 20:30 h da tarde.

Cruceiros elixidos

Para este Calendario 2011 Cruceiros da Costa da Morte, para o que se escolleron 12 significativos cruceiros de todo o territorio como mostra da enorme riqueza existente nesta modalidade artística tan popular. Son todos eles cruceiros con figuras. En cada mes aparece na parte anterior un ou dous detalles das figuras da cruz do cruceiro, e, na posterior unha vista do cruceiro completo. A portada e o mes de xaneiro están dedicados a un dos mellores cruceiros galegos: o chamado Cruceiro dos Santos (de Cheis ou de Pazos) de Bamiro (Vimianzo), unha magnífic obra gótica de nove figuras dos séculos XV ou XVI para o que o Seminario solicitara da Xunta –xa no ano 2008- a declaración de Ben de Interese Cultural sen aínda obter resposta (o cruceiro está en perigo constante). O mes de febreiro dedícase ó cruceiro da Devesa, tamén en Bamiro. Marzo é para o do adro de Lamas (Zas), barroco do séc. XVIII. Abril para o parroquial de Gándara (Zas), tamén do XVIII. Maio para o do adro de Santo André de Zas, do coñecido escultor compostelán Francisco Rodeiro (1857). Xuño é para o de Paizás (Cambeda-Vimianzo), de plataforma octogonal e varal singular, de principios do séc. XVII. Xullo para outro coñecido cruceiro gótico do séc. XV ou XVI: o de Santa María das Areas de Fisterra. Agosto para o da ermida das Neves (Buxantes-Dumbría). Setembro para o do Marco do Couto (Buxantes- Dumbría), onde os peregrinos a Fisterra depositan pedriñas nos chanzos da súa plataforma. Outubro para o interesante grupo escultórico da aperta mística de San Francisco, cun varal de tres columnas acaroadas, de Colúns (Mazaricos). Novembro para o parroquial de San Xoán de Mazaricos, do séc. XIX. E decembro reservouse para o magnífico desencravo do cruceiro do Cirolán de Suevos (Mazaricos), quizais tamén obra do citado F. Rodeiro (séc. XIX).

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios