Os socios e colaboradores salvarán o Casino cos seus microcréditos
13:36 24/08/18
Concorrida a histórica asemblea de onte no Casino
Aproximadamente 80.000€ terá que xuntar a directiva para salvar o Casino 1889 da especulación. O centenario espazo cultural celebraba onte unha "histórica" asemblea, que demostrou o poder da comunidade, o sentimento de unidade que ten colleitado ao seu arredor. E conseguir ese sentimento de comunidade, nestes tempos que corren, e entre xentes tan dispares, non é nada doado.
80.000€ son os cartos necesarios para facer valer a demanda de retracto á que pode ampararse o Casino como arredantario do inmoble durante tantos anos. Un recurso que aínda está pendente dun xuíz, e que ten uns 60 días para concretarse, pero a directiva non quere deixar pasar nin dúas semanas para aproveitar este tsunami de solidariedade para facer efectivo o pago de devandita cantidade nos Xulgados.
Moi heteroxénea é a comunidade #Casino1889
”O de onte foi un auténtico chute de adrenalina, unha resposta á altura do reto”, cóntanos o presidente da nova directiva Vítor Lorenzo. “Falta concretalo, pero a asemblea foi moi concorrida, e para min, máis alá do esforzo económico que parece que van facer tantas e tantas persoas, o imporatnte é a unión e a idea de comunidade que se demostrou na asemblea. Unha asemblea heteroxénea, de idades, idioloxías… e ao final a xente obvia esas diferencias para salvar este proxecto”, relata orgulloso desta “campaña de democratización”.