QPC participa como iniciativa sostible na rede nunha Xornada do Consello da Cultura Galega

Un luxo para nós que unha entidade como o Consello da Cultura Galega nos invite a participar nunha xornada tan interesante como a prevista para o vindeiro martes 8 de novembro. A Xornada “Panorama das iniciativas culturais galegas na rede” revisará diferentes proxectos que se manteñen vivos a través de plataformas dixitais. Entre nomes como Galicia Confidencial, Praza, Sermos, ou Campo Galego, está tamén Que pasa na Costa.

Ubaldo Cerqueiro participará nunha mesa sobre “Experiencias galegas sostibles” xunto a Ana Conde, de Teo Vivo, coa intención de compartir como é posible soster un proxecto comarcal coma este con 9 anos de historia.

Unhas xornadas abertas que servirán para coñecer os os mecanismos que empregan para o seu funcionamento e contextualizala no ámbito internacional. Joäo Canavillas abrirá as xornadas ás 10:00h en clave social. Hakan Casares faranos un mapa de iniciativas culturais galegas na rede. Ás 11:45h GC (Xurxo Salgado), Praza (David Lombao), Sermos (Rocío Castro) e Campo Galego (David González) compartirán a primeira mesa, seguida da de QPC e TeoVivo. Xa pola tarde, continúa a xornada cunha panorámica ás revistas culturais dixitais, moderada por Manuel Gago e con Alfredo Ferreiro (de Palabra Comum), Lara Rozados (A sega) e Daniel Lavesedo (GZmúsica). Alberto Marinelli e Andreu Casero Ripollés pecharán a xornada.

Unha xornada que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, no 2º andar do Pazo de Raxoi, na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. A inscrición é obrigatoria e de balde, e podedes facela no 981 957 202, ou difusion@consellodacultura.gal.

Máis novas QPC

Formación QPC

Máis novas QPC

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).