Venres. 29.03.2024
El tiempo

Trinta e catro espectáculos enchen o cartel do FIOT 2015

Trinta e catro espectáculos enchen o cartel do FIOT 2015
Cartel-do-Festival-de-Outono-de-Teatro-de-Carballo-2015-FIOT Esta semana presentouse en Carballo o cartel da 24 edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) que se desenvolverá do 25 de setembro ao 31 de outubro cun amplo programa de exhibición e actividades paralelas co teatro como protagonista. A súa carteleira proponlle ao público unha escolma de 34 espectáculos procedentes de Galicia e do resto do territorio español, así como de Portugal e Arxentina, entre os que se inclúen catro estreas absolutas e dez na comunidade galega. As catro estreas absolutas do cartel chegarán da man da compañía madrileña Producciones Meridional, con ‘Los esclavos de mis esclavos’, e de tres propostas galegas: ‘Múltiple’, de Antón Coucheiro; ‘Falar sen cancelas’, de Os Sete Magníficos Máis Un; e ‘Almiñas’, de Quico Cadaval. En canto as estreas en Galicia, durante o FIOT2015 presentaranse os espectáculos ‘Mr. Kebab’ e “Juancállate” de Pez en Raya (Andalucía); ‘Juanita Calamidad (todo el mundo tiene un pasado)’, de Chirigóticas (Andalucía); ‘Los nadadores nocturnos’, de Draft.In (Madrid); ‘El testamento de María’, coprodución do Centro Dramático Nacional, Festival Grec e Avance P.T., interpretado por Blanca Portillo; ‘Othelo’, de Gabriel Chamé (Arxentina); ‘Latente’, de Paula Quintana (Canarias); ‘Mamá Gallina’, de Pez Limbo (País Vasco); ‘Locus Amenus’, de Atresbandes (Cataluña) e ‘El fin del mundo está cerca’, de Chansón Mormón (Madrid). Compañías consolidadas e emerxentes conviven nesta oferta, na que tamén hai lugar para grandes figuras da escena nacional, como a devandita Blanca Portillo ou Charo López, quen se achegará a Carballo como protagonista de ‘Ojos de agua’, unha produción de Ron Lalá e Galo Film. Actividades paralelas Xunto co programa de exhibición en sala, o VI Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), dedicado ás novas tendencias escénicas, e a xa tradicional sección ‘Rúa dos Contos’, desenvolvida en colaboración con diferentes locais hostaleiros, este ano incorpórase á carteleira o teatro de rúa co obxectivo de facer partícipe do festival a toda a cidadanía. Así mesmo, o público infantil terá o seu espazo no ‘Fiotiño’, ademais de poder participar no XV Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’. Dentro das actividades paralelas, haberá exposicións, presentacións de libros, encontros cos creadores e unha nova edición da Escola do Espectador. A actriz Susana Dans recollerá o premio honorífico Xograr de Outono 2015, co que a organización do encontro recoñece a súa destacada traxectoria sobre as táboas. Venda de entradas Os bonos e as entradas soltas poderán adquiririse por cuarto ano consecutivo a través do sistema de televenta de ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500 (de 9 a 22 horas). Os socios do FIOT poden mercar os bonos dende o sábado 19 de setembro ao mércores 23 de setembro (70€ e 65€ prezo reducido) e o público en xeral, a partir do venres 25. As entradas soltas do programa de sala e ciclo OTNI estarán á venda tamén dende o venres, 25 de setembro, ata o día antes de cada función por vía telemática, e no Pazo da Cultura hora e media antes do inicio no caso de quedar asentos libres. Os tíckets da Rúa dos Contos poderán adquirirse tanto os días de función como antes nos locais participantes, excepto para as sesións dobres que se fará por vía telemática e na billetería do Mercado Municipal os días de función. Os socios de Telón e Aparte terán un 50% de desconto ao presentar o seu carné. Financiación O FIOT está coorganizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e polo concello de Carballo, xunto co patricinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Agadic, da Deputación da  Coruña, do Ministerio de Cultura a través do Inaem e de Conservas Calvo.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios