Luns. 09.09.2024
El tiempo

Un #25N polas mulleres e nenas con discapacidade

Un #25N polas mulleres e nenas con discapacidade
Xa sabes todas as citas reivindicativas que hai na Costa da Morte arredor do #25N. E para lembrar a importancia de datas coma esta, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), pertencente á COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), emite un comunicado ben sentido no que piden aos órganos de goberno que teñan especial atención nas mulleres e nenas con discapacidade, por seren máis vulnerables.

ACADAR: 25N, Día da non violencia contra as mulleres

Mulleres de COGAMI e ACADAR contra o maltrato Mulleres de COGAMI e ACADAR contra o maltrato O día 25 de novembro non vai con ninguén de preto. É unha temática que fire e asusta. Á vez vai con todo o mundo dado que é un día no que diversos grupos de persoas desde o individual ata o colectivo, maniféstanse en contra da súa existencia. É  politicamente correcto facelo. Espérase de nós que o fagamos, e facémolo. A pesares de que no día a día, inconscientemente, lanzamos centos de mensaxes e conductas incapacitantes cara outras mulleres. Desde ACADAR, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, trasladamos a necesidade inmediata de que as persoas que conformamos a sociedade actual deixemos de ‘facer que facemos’.  Deixemos de vivir en universos paralelos. En espazos onde moita xente aínda descoñece experiencias vitais. A súa propia veciña pode estar vivíndoo. Ou o seu propio pai pode estar a exercela sobre a súa propia filla. Experiencias que son verdades coma puños. Deixemos de vivir na ignorancia das cifras. Pois a cantidade de mulleres con discapacidade que vivimos unha situación de violencia ao longo da súa vida a mans das súas parellas e/ou exparellas é dun 23,3% fronte ao 15,1% de mulleres que non teñen discapacidade, atendendo aos datos da Macro Enquisa sobre violencia de xénero realizada polo Estado Español no ano 2015. Comecemos a compartir espazos onde a xente coñeza as experiencias vitais que, como mulleres con discapacidade, podemos vivir. Experiencias que son verdades coma puños. Que falan da pel de 2,3 millóns de nenas, adolescentes, adultas e maiores con discapacidade. Necesitamos visibilidade, apoio e recursos tanto da veciñanza coma das corporacións políticas municipais, autonómicas e estatais. Cando estas cheguen a un estado de inconsciencia consciente, verán que no día 25 de novembro grítanse ao ceo centos de miles de situacións reais que vivimos como mulleres e como mulleres con discapacidade que nos impiden vivir con pleno dereito e liberdade o noso proxecto vital en igualdade de condicións e oportunidades que outras mulleres. Por todo isto, trasladamos  as seguintes demandas:
  • Ao Congreso, que marque uns obxectivos concretos no Pacto de Estado contra a violencia machista en consonancia coas demandas que trasladamos desde o movemento asociativo activista formado por mulleres con discapacidade e que cada un destes estea dotado dunha partida orzamentaria concreta que garanta a súa consecución.
  • Ao Congreso, que engada no Plan de Estudos do todos os Centros Educativos, desde Infantil ata Bacharelato, unha materia obrigatoria para todo o alumnado centrada na Educación do valor da igualdade e bo trato entre as persoas para diminuír así as formas de discriminación por razón de sexo, xénero, capacidade, relixión, orientación sexual ou nivel económico.
  • Ás entidades de mulleres, que teñan en conta tamén a característica da discapacidade á hora de planificar as súas programacións no canto da violencia contra as mulleres.
  • Que se reforme a Lei Integral de Violencia de Xénero, reflexando todas as formas de violencia que viven as mulleres.
  • Que se incorpore a perspectiva da discapacidade en todos os proxectos subvencionados con fondos públicos que vaian relacionados coa violencia contra a muller, incluíndo a mulleres e nenas con discapacidade.
  • Que se incorpore o indicador da discapacidade en todas as estatísticas de violencia contra as mulleres, tanto maiores como menores de idade, en calquera ámbito territorial.
  • Que se garanta o acceso ás mulleres e nenas, con discapacidade en situación de violencia a todos os bens, servizos e recursos equitativos acorde ás necesidades das mulleres con discapacidade aos cales ten dereito calquera muller vítima de violencia de xénero.
  • Que a situación de violencia nunha muller con discapacidade sexa un motivo paro o recoñecemento da necesidade para o aumento de horas na percepción da libranza de Asistencia Persoal.
  • Que se doten suficientemente as partidas orzamentarias, especialmente nas Comunidades Autónomas e os recursos de proximidade para mellorar a atención ás mulleres con discapacidade e ás súas crianzas.
  • Promover formación especializada ao conxunto de profesionais dos ámbitos xudicial, sanitario, educativo e social para mellorar a atención e calidade no funcionamento dos servizos especializados para as mulleres en situación de violencia contra as mesmas.
  • Reforzar a protección ás mulleres en situación de violencia e, de ser o caso, con menores ao seu cargo.
  • Realizar campañas de sensibilización e prevención de novas formas de violencia. 
Novas relacionadas Fonte

Comentarios