O Castro Borneiro xa é Ben de Interese Cultural

13:16 11/03/11

Cultura Castrexa
O xacemento arqueolóxico coñecido como A Cidá de Borneiro é un dos elementos sobranceiros da cultura castrexa na Costa da Morte, está situado nun pequeno outeiro a uns 500 metros ao sur da Igrexa de San Xoán de Borneiro, nunha zona actualmente dedicada a monte baixo con piñeirais, cunha ampla visibilidade dende o litoral. Unha das súas características máis destacables é o axeitado estado de conservación que presentan, na maior parte dos casos, as estruturas presentes no interior da maioría destas construcións, como son os furados de poste e os fogares.Características do poboado
O monumento do castro cos seus recintos e todas as estruturas, incluídos os sistemas defensivos máis exteriores e unha área de seguridade onde se desenvolveron actividades a el vinculadas, abrangue unha área de 50.567 metros cadrados. Prevese unha contorna de 22.033 metros cadrados cuxa alteración podería afectarlle negativamente aos seus valores, estudo e contemplación. A área ou contorna de protección proposta trata de adaptarse ao territorio circundante baseándose en criterios de visualización e visibilización, gardando unha distancia de seguridade que trata de adaptarse aos límites das parcelas, viarios e fitos xeográficos existentes. Existen 29 construcións na croa de forma circular simple ou ovalada, unha muralla en forma de espolón, e un foxo xunto cun barrio extramuros. Todas as vivendas contan con fogares e nalgunhas obsérvanse restos de poste. Neste xacemento atopáronse múltiples fragmentos de cerámica indíxena, útiles de ferro e bronce, muíños de pedra, fíbulas, moldes, contas de vidro e outros elementos, hoxe en día expostos no Museo Arqueolóxico da Coruña.Campañas de escavacións
Trátase dun xacemento amplamente coñecido na bibliografía arqueolóxica galega, tanto por ser un dos primeiros asentamentos estudados no comezo das investigacións sobre a cultura castrexa, como por terse desenvolvido nel numerosas intervencións arqueolóxicas. Realizáronse escavacións nas décadas dos anos 30, 70 e 90 do pasado século e, ao longo deste período de tempo, no interior da croa foron postas ao descuberto un bo número de construcións, que forman un conxunto arquitectónico bastante homoxéneo no que se observan similares características construtivas e de conservación. As investigacións realizadas na campaña de escavación e restauración de 2007 no Castro da Cidá de Borneiro achegaron datos moi novidosos con respecto do Monumento de Forno, documentado en escavacións anteriores. Puido confirmarse a súa funcionalidade análoga a elementos atopados noutros castros, como Punta dos Prados ou Coaña, aínda que neste caso a estrutura ten maiores dimensións. O gran número de estudos e intervencións, así como a boa conservación de boa parte do castro, confiren unhas interesantes expectativas de cara ao seu aproveitamento cultural con fins pedagóxicos e didácticos, facilitando a visita do público e contribuíndo á comprensión tanto do xacemento en particular como da cultura castrexa en xeral.Máis información
- Recunchos da Costa: O Castro da Cibdá de Borneiro.
Novas relacionadas
- Unha visita semanal a Dombate (XIV): Albíscase o final do primeiro túnel.
- A Xunta destaca o potencial do Castro Barreiras pero non se compromete a dar novos pasos.
- Coidando o Castro de Borneiro e artellando o Parque do Megalitismo .
- 188 xacementos no Atlas arqueolóxico da comarca de Fisterra .
Que pasou na Costa, con Víctor Castiñeira
- II: O Megalitismo na Costa da Morte.
- III: A época castrexa (1ª parte).
- IV: A época castrexa (2ª parte).
- V: A pegada romana (Iª parte) .
- VI: A pegada romana (IIª parte).
- VII: A pegada romana (IIIª parte).