Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Voltou o cine a Carballo

Voltou o cine a Carballo

Pois si, cómpre reseñar a volta do cine, do cine de verdade, a Carballo. E o fai da man da Asociación Xuvenil Proxectando, que durante estes meses de inverno artellou o Ciclo de cine ‘Proxectando… para mentes inquedas’. Un ciclo que trouxo á Casa da Cultura un filme, "Maldito bastardo", e unha tarde-noite de documentais celebrada o pasado 4 de xaneiro.

Unhas 50 persoas encheron a nova sala de cine carballesa, para ver documentais de contidos sociais e locais. ‘Area nos ollos’, que fala do conflito da marisma de Baldaio nos anos 70; e "As Encrobas. A ceo aberto", peza que trata sobre a polémica instalación da plata térmica na localidade cercedense, foron as protagonistas. A cita, ademais incluiu unha charla, moderada por Mari Carmen Rama, co autor, Xosé Bocixa.

En breve teremos novas da seguinte proxección, que seguramente se desenvolverá a finais de febreiro e que probablemente será "The man from the earth". Pero antes queremos deixarvos co artigo que nos brinda para a ocasión o compañeiro Manuel Varela, que tanto fala de fútbol como de cine.

"Voltou o cine a Carballo"

Os cinéfilos estamos de noraboa. ¡¡¡Voltou o cine a Carballo¡¡¡. O pasado mércores 4 de xaneiro tiven o pracer de asistir á segunda proxección do ciclo ‘Proxectando… para mentes inquedas’ no salón de actos do Pazo da Cultura carballés. Desta volta, e despois de que na sesión inaugural disfrutáramos da película do realizador galego Javi Camino Maldito bastardo, o que se nos ofrecía era unha dobre sesión documental, de temática medioambiental e social, centrándose en dous conflitos que tiveron lugar na zona de As Encrobas (Cerceda) e Baldaio (Carballo). 

O primeiro deles, a curtametraxe ‘Area nos ollos’ de María Rama e Iván Seoane, versaba sobre o conflito xerado no maio do 77 na marisma de Baldaio coa concesión para mariscar a un ente privado que en realidade escondía a intención de extraer a area da marisma. Nel narrase a manifestación e posterior batalla campal que se produxo entre os veciños e as forzas do orde. As imaxes, emotivas para quenes viviron aqueles feitos, e esclarecedoras para os que case non naceramos, móstrannos a xente maior e non tan maior, baldaieses e carballeses, expresando a súa opinión case da única maneira que se lles permitiu, defendendo a terra que lles daba de comer e a paisaxe que alimentaba as súas almas. Os que hoxe disfrutamos da marisma e as súas marabillas, démonos conta de que ó mellor temos algo que agradecer ós que en aquel momento se arriscaron e defenderon o que crían xusto.  

Seguidamente vimos o documental que trata sobre as protestas pola expropiación dos terreos para a construción da central térmica de Meirama ‘As Encrobas. A ceo aberto’, dirixido por Xosé Bocixa, que estivo presente no pase e foi o protagonista do debate suscitado ó final da proxección. É a historia das Encrobas a clásica traxedia entre progreso e apego á terra. En aras do avance económico someteuse a este fértil val a unha actividade industrial, inicialmente de extracción de carbón, previa expropiación das terras ós seus veciños. Conta Bocixa, con momentos de gran emoción, o proceso de deslocalización dunha xente que tivo que abandoar as súas terras e as súas casas para deixar paso á economía industrial, aquela que simula facernos avanzar pero que nos cercena como individuos. O contraste entre a persoa e o poder económico e político da que pensar, porque no fondo eses dous poderes non son mais que a xuntanza de individuos que deciden que camiño toman as nosas vidas. A visión na propia carne daquela xente de que as decisións sobre os seus roteiros vitais non as tomaban eles, por momentos pon a pel de galiña, e fainos meditar que somos e que papel xogamos cada un de nos no engrenaxe da mecánica do sistema. ¿temos realmente tan pouca importancia? ¿Podemos facernos valer todavia como persoas?  

Estas proxeccións están sendo organizadas pola Asociación Xuvenil Proxectando, presidida pola intrépida Mari Carmen Rama, e terán continuidade proximamente, pois pretenden agrupar ós mozos e non tan mozos arredor dunha pantalla de cine para espertar esas mentes inquedas que se ocultan debaixo das pedras de cada un dos pobos da Costa da Morte. O cine, ese xerador de emoción, de ideas, froito de debates interminables e amizades duradeiras, está de novo presente en Carballo. Afeccionados ó sétimo arte, pasádevos por Carballo que a bo seguro disfrutaredes.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios