Luns. 14.10.2024
El tiempo

Xabier Díaz: "A Costa da Morte é unha terra fértil en folclore"

Xabier Díaz: "A Costa da Morte é unha terra fértil en folclore"
Xabier Díaz acaba de estrear, xunto coas Adufeiras de Salitre, un novo disco Xabier Díaz acaba de estrear, xunto coas Adufeiras de Salitre, un novo disco Despois de anos como compilador do folclore tradicional galego e de varios traballos tanto en solitario como con grandes grupos do panorama folk galego (Berrogüeto, aCadaCanto, Rumbadeira,...) Xabier Díaz vén de estrear un novo disco: The Tambourine Man. Faino acompañado das Adufeiras de Salitre - un grupo de 11 percusionistas e cantoras da música tradicional - e dos irmáns Gutier, á zanfona e violino, e Javier Álvarez co acordeón diatónico. The Tambourine Man é un disco cargado música tradicional cun toque renovado no que a percusión ten un papel moi importante. Ademáis, este último traballo de Xabier Díaz ten moito que ver coa Costa da Morte.
  • QPC: Pasodoble de Beo (Malpica), Langueirón (Zas), Limiñoa,... Canto da Costa da Morte hai en The Tambourine Man?
Pois como podes comprobar bastante, é unha terra ben especial para mín... tantas grabacións feitas en Soneira, Malpica, Ponteceso... Alén dos anos como docente de música tradicional en Zás, Baio...  A Costa da Morte é unha terra fértil en folclore.
  • QPC: Aínda quedan na Costa da Morte lugares onde ninguén recollera música nin bailes tradicionais?
Seguramente si, máis é ben certo que foron moitas as entrevistas feitas por moitos particulares, asociacións e folcloristas en xeral. Creo que hai un arquivo importante, ogallá que un día se xunte todo ese patrimonio para disfrute dos veciños desas bisbarras.
  • QPC: Existen zonas da Costa da Morte con maior riqueza tradicional que outras?
O que creo é que seguramente haxa lugares nos que "perdurou" máis pero penso que a riqueza era xeralizada na zona.
  • QPC: Hai diferenza entre a forma de tocar a pandeireta na Costa da Morte con respecto a outras zonas galegas?
Por suposto, e mesmo ritmos que son cáseque propios dela... como as ribeiranas ou os maneos tocados ó puño, sen dúbida é un folclore ben particular nese sentido, e creo que cun aquel de ancestralidade e autenticidade especial.
  • QPC: Nas recollidas participan, maiormente, as mulleres. Por que cres que son elas as maiores transmisoras desta cultura popular?
Deben ser varios os factores que conflúen para que así fora, eran quen maiormente facían os bailes, as orquestras máis sintéticas. Unha voz e unha pandeireta aguantaban un baile sen precisar máis, o de que foran as mulleres é común ó resto do país (en xeral) debémoslles o agradecemento de teimar en que non esmoreceran tantas cousas bonitas...
  • QPC: Na presentación do disco no teatro Rosalía da Coruña houbo unha convidada moi especial: a señora Teresa de Beo. Que aprendiches dela?
Ela personaliza dalgún xeito a esas mulleres, fun consciente pola súa idade e polo xeito de tocar a pandeireta de que era unha das mulleres que gardaban esa forma maravillosamente arcaica de tocar, cáseque incorrupta dende sabe quen canto tempo, unha informante valiosísima nese sentido, no de retrotraernos a moi atrás, unha sorte... e alén diso unha persoa vital e maravillosa.
  • QPC: O pasado venres 23 de outubro trouxo o seu novo traballo - sen as Adufeiras - á Ventana de Laxe. Para cando a próxima actuación na Costa da Morte?
Pois agardo que pronto! Traballamos na xira de 2016 e seguro que algunha visita faremos.
  • QPC: Defina en dúas palabras The Tambourine Men.
O poder da humildade do tradicional.   Máis información   Novas relacionadas   Fonte

Comentarios