Nova fin de semana chega de fútbol costeiro. Unha fin de semana que arrincaba o venres coa gran final dos peques das LCFs, no que as futuras perlas do fútbol da costa enchían de cor o pavillón de Muxía.
E xa comezamos o repaso a esta xornada de 84 partidos pola Preferente, con resultados dispares para os nosos. A vida ou morte era esta xornada para un Soneira sen adestrador. Ante a dimisión de Manolito, Fran de Urroa facíase cargo esta semana do equipo, pendente do si de José Ángel Perro Viejo. E o equipo, a pesar das baixas, deuno todo para sumar 3 puntos que o volven meter na loita por manter a categoría. Aínda está moi lonxe, con 18 puntos a 6 da salvación, sen contar os posibles arrastres, pero o cadro volve soñar con manter a categoría tras unnha vitoria por 4-3 de infarto ante o penúltimo. O que segue empeñado en meterse en problemas é o XSC, que era capaz de remontar un 2-0 en Lemos, tamén ante un rival directo por evitar o descenso, e acababa deixando escapar o partido. Os de Julio Martínez quedan con 26, puntos, xa os mesmos que o propio Lemos, e con 3 sobre os postos de descenso directo. Ao seu, pola zona alta, vai un Dumbría que cada día funciona mellor, que leva 11 xornadas sen perder. Hoxe goleou a todo un Residencia que estaba así a 2 puntos dos de Canosa.
Distinta sorte correron os nosos na 1ª Autonómica, con grandes vitorias e preocupantes derrotas. Vitorias as do Malpica, que non para, da Esteirana, que respira tras dúas derrotas consecutivas; e do Camariñas, na sorpresa da xornada, por 4-1 e ante todo un líder, rompendo unha xeira de 6 partidos sen gañar. O Baio caía ante o Arzúa, 2º na táboa, nunha derrota previsible, pero a derrota do Ponteceso si que preocupa. Era ante o Piloño, tamén na zona baixa, e os de Velo recibiron un set tras deixarse ir na segunda metade, que deixa ao equipo moi tocado e só no pozo, coa salvación (sen mirar os probables arrastres aínda) a 6 puntos.
Non fallaron os de arriba na 2ª Autonómica. O Sofán tiña que suar lama para vencer onte no Rodeiro a un Camelle épico. Hoxe respondía o Corme cunha cómoda vitoria ante o IDC, e o Zas cunha vitoria non tan cómoda ante o Corcubión, deixando a parte alta igual de igualada. O Fisterra non quere deixar escapar o grupo de cabeza e queda a 9 do liderato tras vencer a un Castriz que se deixa levar. O Cee queda a 10 tras unha cómoda, por fin, vitoria ante o Muros, e o Outes se retrasa a 11 tras non pasar do empate ante o Volantes. Por abaixo, IDC e Corcubión seguen afundidos, pero ollo cos Muros, Camelle, Volantes e Cabana por mor dos arrastres.
Xa na 3ª Autonómica, o Coristanco freou ao Baíñas. O líder non pasaba do empate na Rocheira ante un gran cadro local que se mantén bo denso grupo da Promoción. Recurta o Montelouro 2 puntos, quedando a 3 pero cun partido máis, tras vencer ao Castrelo. E na loita pola promoción, moitas cousas. O Ameixenda sobe ao carro ao vencer ao Seaia, que tamén segue na 5ª praza. O Muxía metíase tamén máis preto tras vencer ao 3º, o Lira. E o Nantón afiánzase vencendo ao Cerqueda e deixando ao cadro malpicán algo descolgado.
Dumbría e Esteirana distáncianse na Liguila Previa á Fase de Ascenso á Liga Galega Xuvenil. Os dumbrieses xa levan avisando toda a tempada e suman 16 goles a favor e 0 en contra en 3 partidos. A Esteirana mantén o ritmo e leva 12 e 2, tamén con 3 de 3. Desta volta foron o XSC, que sempre lle facía moito dano aos dumbrieses; e Cabana, un dos grandes aspirantes tras quedar campión do Norte, os que sucumbiron ante os líderes, que xa avantaxan en 6 puntos ao resto. Arrincou ademais a Liga da Copa da Costa Xuvenil, cos igualados pero algo insulsos (só quedan fóra 2 equipos de 13) nos Grupo Norte e Grupo Sur.