Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Máis dun milleiro de persoas comprobaron a importancia social do clube decano do Fútbol da Costa

Máis dun milleiro de persoas comprobaron a importancia social do clube decano do Fútbol da Costa
Familia do CD Baio na exposicion polos 50 anos do clube 2-Foto-Santi Soneira

Máis de un milleiro de persoas achegáronse a ver a exposición que o CD Baio abría a mediados de decembro co gallo do seu 50 aniversario. Unha exposición completísima a que acolleu a Casa Ovidio, e que serve para deixar constancia da importancia social do clube decano da Costa da Morte.

As datas máis movidas foron a fin de semana de apertura, aló polo 14 de decembro, e a de Reis, onde as aglomeracións eran continuas e incluso se tivo que ampliar o horario. No acto inaugural estiveron presentes, ademais do alcalde de Zas e ex-xogador do Baio Lolo Muíño, varios dos integrantes do equipo da primeira temporada da Liga da Costa, e un deles, José Antonio Martínez 'Tonecho', que ademais é o actual socio nº 1, foi o encargado de cortar a cinta.

Tonecho inaugurando a exposicion polos 50 anos do CD Baio-Foto-Santi Soneira

Unha viaxe no tempo

Familia do CD Baio na exposicion polos 50 anos do clube-Foto-Santi Soneira

Cando un entra na Casa Ovidio, local que acolle esta exposición, o primeiro que ve é un magnífico escudo de aceiro feito polo socio José Rial, que recibe ao visitante. E pendurado do teito figura o mítico e orixinal "farol vermello" que simboliza a idiosincrasia deste club.

A parte principal da exposición son as fotografías. No centro da exposición figura unha foto do C.D. BAIO de cada unha das 50 temporadas que leva federado (51 contando esta), ademais doutras de anos previos a estar inscrito como equipo na Federación (de principios da década de 1950 ata 1964). Tamén figuran as fotos dos 17 presidentes que tivo este club nestes anos, acompañadas de fotos das categorías inferiores e unha boa selección de fotos de distintas celebracións, divertidas e anecdóticas.

Acompañando as fotografías un taboleiro con recortes de prensa, desde o titular de que se inicia a Liga da Costa ata os éxitos máis recentes, pasando pola mítica xa portada de El Ideal Gallego que falaba do fútbol da Costa como "Fútbol Fuerza" que tamén puidemos ver na Gala do Álbum de Cromos do Fútbol da Costa.

Unha boa parte da exposición ocúpana os trofeos, destacando aqueles conseguidos nos anos cincuenta cando o club aínda non estaba federado, e por suposto, teñen un lugar preferente os títulos de Liga e Copa da Costa conseguidos. En especial, o dobrete de Liga e Copa conseguidos na temporada 1982-83, os primeiros títulos oficiais do equipo sénior e que supuxeron un antes e un despois neste club. Se un mira para o teito verá colgados centos de bandeiríns dos moitos equipos que se enfrontaron ao CD Baio nestes anos de historia.

Do outro lado da sala, poderá o visitante mirar un bo número de fichas de xogadores de todas as épocas e de todas as categorías; as distintas camisetas coa publicidade das casas comerciais que patrocinaron o equipo; calendarios de varias temporadas, trofeos individuais cedidos por xogadores deste club, e unha das xoias como é o libro da Historia do C. D. Baio e da Liga da Costa, de Xosé Mª Lema, editado con motivo do 25 aniversario do club.

E unha marea de material deportivo

Material deportivo e merchandising do CD Baio no seu 50 aniversario-Foto-Santi Soneira

Todo isto compleméntase cunha pequena tenda, na que todos os visitantes poderán levar o seu recordo desta celebración e así colaborar nos gastos destes actos e outros que virán no decorrer da temporada. O visitante poderá facerse con camisetas, polos, bufandas, mochilas, chándales, paraugas e incluso viño, e tamén poderá solicitar copia das fotos que lle intereses das alí expostas.

Novas relacionadas

Fonte

  • Información e fotos do CD Baio.

Comentarios