venres. 09.05.2025
El tiempo

A final do campionato galego de voleibol feminino xógase en Carballo

A final do campionato galego de voleibol feminino xógase en Carballo
O pavillón Vila de Noia de Carballo acolle este domingo a final do campionato galego de voleibol feminino no que o Volei Xiria Asesoría Cervantes pelexará, por segundo curso consecutivo, polo título de campión galego sénior feminino e por unha das dúas prazas que clasifican para fase de acceso ao nacional, categoría no que o club militou hai once anos. Na tempada pasada, as carballesas acadaron a final a catro. A primeira semifinal enfrontará ao Bruxas, de Ames, e a o Zalaeta coruñés, segundo e terceiro na liga regular, mentres que o Xiria, cuarto, terá como rival ao gran favorito, o Caldaria VoleyOurense, invicto no que vai de ano: 18 vitorias en 18 partidos (e só 8 sets cedidos: 7 na liga e un na eliminatoria da segunda fase contra o San Sadurniño). O prognóstico é máis escuro aínda para as xogadoras que adestra Asier García, que nas dúas citas de liga perderon contra as ourensás en tres sets. Precisamente estes días tamén se está disputando en Valladolid o campionato nacional de voleibol no que tamén hai representación galega. Presentación presentacion-fase-final-voleibol Rosalino Mariño, Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron onte o cartel da fase final de voleibol que se disputa o domingo en Carballo A fase, organizada polo Volei Xiria e as federacións española e galega, en colaboración co concello de Carballo, Carballo Deporte e Carballo a un Paso, presentouse onte na casa do consistorio nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e Rosalino Mariño, do Volei Xiria. “Este ano - dixo Trigo - falouse, afortunadamente, moito e ben do deporte feminino carballés, de que por primeira vez hai equipos sénior femininos federados en fútbol, baloncesto, balonmán e voleibol, pero o voleibol, hai que dicilo, é o que leva máis tempo, o que ten máis tradición e o que ano tras ano seguiu competindo, década tras década, nesa máxima categoría no volei galego”. “Hai que recoñecer, pois”, engadiu, “ese traballo que non é dun día, senón froito de moitos anos de esforzo da Asociación Deportiva Xiria e, neste caso, da persoa que nos acompaña, Rosalino Mariño”. O directivo e adestrador do club carballés recoñeceu que este ano foi moito máis complicado para o Asesoría Cervantes estar entre os catro mellores. “Noutras temporadas clasificábanse ata seis equipos e logo xogaban unhas previas, pero este ano para estar nesta fase final había que acabar a liga entre os catro primeiros: conseguímolo en Carballo contra o Dompa Gestión, un moi bo equipo, no último partido, no que estabamos obrigados a vencer por 3-1 ou 3-0”. Xiria, explicou Mariño, fixo o posible por traer a final a catro a Carballo. “Consideramos, como dicías ti, Marcos, que o volei feminino é un referente en Carballo, e creo que este tipo de finais atraen ao público e tamén supoñen outra boa maneira de promover o volei”, defendeu Mariño. “Unha das preocupacións que existían no departamento de deportes do concello era precisamente o deporte feminino”, dixo o alcalde, “pero nos últimos anos déronse non só pasos, senón que eu creo que se fixo unha carreira importante para cubrir esta lagoa, pero o volei feminino sempre estivo presente”. A ssociación Deportiva Xiria, de feito, naceu co voleibol, en 1983, lembrou Ferrero. “O voleibol segue tendo un protagonismo moi activo dentro da marca Xiria, que é unha marca tremendamente prestixiada en toda Galicia pola diversidade deportiva que ten e pola alta calidade que teñen tanto as escolas como os equipos en competición”. Programa (pavillón Vila de Noia, domingo 23)
  • 1ª semifinal: Zalaeta-Bruxas, 10 horas.
  • 2ª semifinal: Xiria Asesoría Cervantes-Caldaria VoleyOurense 12 horas.
  • 3° posto: 17 horas.
  • Final: 19 horas.
Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  1. Concello de Carballo

Comentarios