Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Pipa: Comezou a rodar o balón

A Pipa: Comezou a rodar o balón
Mazaricos-Cerqueda Imaxe do Mazaricos-Cerqueda Comezou onte a competición da Costa, tanto en 2ª como en 3ª, con resultados para todos os gustos e con gran igualdade en xeral, sobre todo na Liga da Costa por excelencia. Os equipos de 1ª e Preferente xa comezaron fai tres semanas, poñendo en marcha a maquinaria para conseguir os obxectivos previstos por todos e cada un dos equipos.

Liga da Costa

En Segunda, o Baíñas é o primeiro líder da competición tralo seu excelente triunfo no campo dun Unión Cee en construción. Os pupilos de Emilio Corzón, que se adiantaron pronto no marcador, deixaron claro desde o primeiro momento o potencial que atesouran e non deron opcións aos locais, pois aos 9 minutos xa tiñan o marcador en franquicia cun 0-2 que foi o preámbulo do seu claro triunfo. Outro conxunto que xa a campaña pasada foi o auténtico animador da competición, o Muxía, logrou un gran triunfo na súa visita ao campo do Buño, cun 0-3, que xa deixou moi aclarado antes de minuto 20, situando o 0-2 o o marcador. Na segunda metade, malia os intentos do once blanquiazul, os pupilos de Adrián Lema souberon pechar o choque cun terceiro tanto. Gran triunfo do Corme en Muros, ante o recentemente ascendido Volantes, nun choque onde comezou marcador o conxunto local aos dous minutos, de penalti, deu a volta ao marcador o once azul, para empatar, antes do descanso o conxunto de Sil. Na segunda metade, nos cinco últimos minutos, Alejo, con dous tantos, decantaba o choque cara ao lado visitante, deixando o marcador no 2-4 final. Tamén comeza forte, e de que xeito, o Ponteceso, baixo a batuta de Mato. O triunfo no sempre difícil campo das Pedreiras, en Verdillo, reafirma o potencial dos visitantes, pese a que o equipo preparado por Pablo Mallón nunca se deron por vencidos e buscaron igualar o 1-2 que colocou Matías aos sete minutos da segunda metade, pero xa no último minuto Eloy sentenciaría a contenda. Comeza forte o Muros, que nunha gran segunda metade, sumaba os tres puntos en xogo no campo dun Malpica que llas prometía felices co tanto inicial de Martín, que poñía o 1-0 co que se chegaría ao descanso. A expulsión de Alberto, a piques de chegarse ao descanso, foi unha losa para os locais, que na segunda metade viron como os celestes volteaban o marcador, pechándoo co definitivo 1-3. Dous dos equipos considerados a pelexar pola zona de privilexio, Mazaricos e Cerqueda, brindaron un gran encontro no Pino do Val, onde os amarelos sumaron os tres puntos cun gran sacrificio e con tantos no minuto inicial de cada tempo, aínda que o Cerqueda chegou a colocar o 1-1 antes do decanso. Ao final, un 2-1 para o Mazaricos que comeza sumando. Partido de gran emoción e pelexa en Zas, onde o Sporting sufriu e de que xeito para lograr sumar, xa sobre a bocina, tres puntos ante un Lira que, con baixas, adiantouse por dúas veces no marcador, pero terminou cedendo no tempo de engadido por 3-2. Entre medias, un empate a un no descanso e antes do 1-2, fallaría un máximo castigo o once local. Gran triunfo do Monte Louro de Oscar Leis sobre o ascendido Ameixenda por 2-0. Os locais chegarían ao descanso con vantaxe no marcador, cun tanto no primeiro cuarto de hora de encontro e, na reanudación, cun Ameixenda apertando e un Louro á contra, chegaría o 2-0 final que sentenciaba a contenda en Agra da Filgueira. Na próxima xornada, o líder, Baiñas, recibirá a visita do Monte Louro, mentres que en Muxía, derby de proximidade, coa chegada do Cee. O Corme será o anfitrión do Buño, así como o Ponteceso, que se medirá en Ou Pinguel ao Volantes de Baños. Bo partido en Muros, onde os locais mediranse a un San Lorenzo que busca o seu primeiro triunfo. Gran partido de derby municipal en Buño, onde o Cerqueda recibirá a visita do Malpica. Complicado compromiso para o Lira en Carnota, ante un Mazaricos que quere repetir triunfo, mentres que o Ameixenda, en Cee, medirase ao Sporting Zas.  

3ª Galicia

A terceira veu marcada polo debut do As Baleas, na súa primeira tempada na Liga de Afeccionados, e o seu inicio non foi o desexado pola súa afección, que viron como o Laxe, un dos candidatos a estar nos postos de privilexio, derrotaba aos locais por 0-11, nun partido que xa ao descanso tiña un 0-5 rotundo. Ao final, pouca historia e triunfo claro dos pupilos de Ordoñez. Sorpresa no partido que abriu a tempada, en Coristanco, non polo triunfo en si dos locais, un dos grandes favoritos a retornar á Liga da Costa, senón polo 7-0 final ante o Corcubión. Cun Samuel en estado de graza, autor de tres goles, os verdes aos nove minutos deixaban o partido visto para sentenza cun 3-0 que foron aumentando aos poucos. Gran igualdade en Nantón, coa visita doutro dos candidatos ao ascenso, o Porteño, finalizando a contenda cun triunfo mínimo para os locais por 2-1, cun tanto definitivo a falta de catro minutos, cando pouco antes, o once de Varela colocaba o 1-1 igualando o tempranero tanto local, aos cinco minutos de xogo. Ao final, os tres puntos quedaríanse en casa. Bo inicio de campaña do Camelle, que soubo nadar e gardar a roupa ante un Seaia que, pese a chegar ao descanso cun 2-0 en contra, buscou a igualada, pero o tanto de Mario, a falta de pouco máis dun cuarto de hora, sentenciou a contenda e deixaba os puntos no casillero local. Gran partido en Castriz entre dous dos grandes candidatos a retornar á Liga da Costa, o once local e o Outes. Dous goles nun minuto, golpeando primeiro o Outes e empatando un minuto despois o equipo de David Velo, deixaron o marcador no 1-1 final, pois na segunda metade non se movería o marcador. O outro empate da xornada deuse en Vimianzo, no duelo de rivalidad entre Castrelo e Camariñas. Os visitantes adiantáronse no marcador de penalti antes do descanso, pero os locais empatarían a falta de quince minutos, deixando aos pupilos de Ton co mel nos beizos. Na próxima xornada, o líder, Laxe recibirá no seu terreo ao Nantón, mentres que o Coristanco terá unha complicada papeleta a resolver no campo do Porteño. O Outes, na Serra, medirase ao Castrelo e o Seaia será o anfitrión en Malpica ante o Castriz. Debuta o Cabana, que descansou na primeira xornada terá como rival na súa estreo ao As Baleas. No Novo Cubaleiro, o Corcubión buscará lavar a imaxe do primeiro encontro ante un Camelle que comezou forte. Descansa nesta xornada o Camariñas.  

Preferente

Sorte dispar para os representantes costeros na Preferente Norte esta xornada. O Xallas, nun partido absolutamente tolo, lograba o primeiro triunfo do curso ante o Castro por 5-4. Os verdes, que chegaron a estar gañando por 4-2 aos 20 minutos, viron como os lucenses colocaron o sorprendente 4-4 a falta de pouco máis dun cuarto de hora para o final, fallando incluso un penalti antes do empate, pero o goleador Iván, autor de catro goles, decantou a contenda para os homes de Néstor no último minuto do partido. Gran partido no Carral, onde o Sofán recibía a visita do Noia, líder do grupo, e fíxollo pasar moi mal aos pupilos de Pose, pois en tres minutos voltearon o tanto inicial do Noia, e gozaron de varias oportunidades para conseguir máis tantos. Pero nos últimos dez minutos, a experiencia visitante, unida á mala fortuna local, daba os tres puntos en xogo aos brancos. Na próxima xornada, o Xallas renderá visita ao Ribadeo, cuarto clasificado, mentres que o Sofán viaxará ao campo do recentemente ascendido Poboa, sexto clasificado na actualidade.  

1ª Galicia

En Primeira, gran vitoria do Fisterra no derbi de Vimianzo, ante o Soneira, vencendo os verdes por 0-1, nun choque decantado polo tanto de Makaay a falta de vinte minutos, tras noventa minutos moi parellos e de intensa loita por parte dos dous equipos, sentenciado co golazo do atacante visitante. O resto de equipos da Costa perderon en todos os seus encontros. Baio e Esteirana, como visitantes, viron como Escravitude e Unión de Rianxo, respectivamente, facíanse cos ters puntos en xogo pese aos intentos duns e outros de sumar algo positivo, pero non logrando o seu obxectivo ningún dos dous. No Conco, segue sen gañar o Dumbría, que vía como o Sigüeiro sumaba os tres puntos en xogo cun 1-3 final, recortando distancias os locais a falta de 30 minutos, cando Yuyo alcanzaba o tanto local, pero insuficiente para contrarrestar os tres con vos que se adiantou no marcador o conxunto santiagués. Na próxima xornada, o Baio, Esteirana e Fisterra xogarán ante os seus afeccionados, recibindo as visitas de Piloño (2º), Chaián (15º) e Tordoia (7º), respectivamente, mentres que o Dumbría buscará o seu primeiro triunfo no campo do Val do Ulla, décimo clasificado.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Comentarios