Martes. 08.10.2024
El tiempo

A Pipa: A vida segue igual

A Pipa: A vida segue igual
  Como di a mítica canción de Julio Iglesias, "La vida sigue igual" na Liga da Costa trala última xornada, polo menos no que a loita polo título e ascenso se refire, pois os cinco primeiros clasificados, con maior ou menor sufrimento, sacaron adiante os seus respectivos compromisos e sumaron os tres puntos en xogo. Por abaixo, o Corcubión cae a zona de descenso directo, de onde sae un Baiñas que cotiza ao alza. Por arriba, Corme e San Lorenzo gañaron e con amplitude a Porteño e Castriz, respectivamente. O líder invicto, cun Alejo en plan goleador novamente e xa van 40 goles, endosoulle un set a un Porteño que ve moi preto o abismo si non hai unha reacción con prontitude. Pola súa banda, o once de Verdillo deixou visto para sentenza o choque en Castriz xa na primeira metade, ao término da cal vencía por 0-3, redondeando a goleada na segunda parte, ata un inesperado 0-5 final pola marcha na competición do Castriz. As outras dúas goleadas da xornada sumáronas Baíñas, ante o Montelouro, e o Malpica, sobre o Camariñas, ambas a domicilio. Cun Pablo Muíño inconmensurable unha vez máis, o Baíñas segue saíndo do pozo do descenso e busca o seu permanencia na Liga da Costa. Ante o Montelouro aproveitouse da mala tarde local e o seu xogo ao alza para gañar e golear. O Malpica segue o seu andadura en ascenso e logrou un rotundo 0-5 ante un Camariñas que, entre as baixas, a mocidade, e a comodidade na clasificación parece levantar o pé do acelerador e baixou no seu rendemento. Sufriron e de xeito abondo Baio, Ponteceso e Mazaricos, para sumar os tres puntos nos seus desprazamentos a Esteiro e Buño, os dous primeiros, e en casa, ante o Corcubión, os amarelos. Quen non termina de escapar da zona de perigo é o Cee, que se viu superado por un Cerqueda que chegou a ter un claro 0-4 no marcador, recortado ao final polos locais, que seguen a seis puntos do descenso, mentres que o Cerqueda volve á sexta praza da táboa na súa mellor tempada, sen dúbida, desde a súa chegada á Liga da Costa. Por abaixo, importante triunfo do Coristanco sobre o colista Laxe, nun choque onde os locais tiveron que traballar de xeito abondo ante os brancos, que só cederon nos últimos quince minutos, marcando o 1-0 o conxunto de Alberto Pensado aos 74 minutos de xogo. Na próxima xornada complicada saída do Corme a Cerqueda, mentres que os seus perseguidores xogan tres nos seus respectivos terreos de xogo, recibindo o Baio ao Camariñas; o San Lorenzo ao Montelouro; o Ponteceso ao Castriz, mentres que o Mazaricos renderá visita a unha necesitada Esteirana. Partidos clave en Vimianzo, onde o Baiñas medirase ao Coristanco, e na Ponte do Porto, onde o Porteño recibirá a visita do Corcubión, nesa loita por abandonar a zona de descenso. O Laxe recibe a un Cee que non está libre de ameaza de descenso, mentres que o Buño disputará o derbi do Concello ante o Malpica, con permiso do Cerqueda.  

Tres de tres en Preferente

Xornada redonda en Preferente, cos triunfos de Xallas e Sofán, a domicilio, e do Soneira, en Vimianzo. Os tres seguen buscando os seus obxectivos, cun soño para os xalleiros e case alcanzado por parte do Sofán. O Xallas fixo un favor ao Soneira, e a si mesmo, co amplo triunfo no complicado campo do Bertamiráns, o máis reducido da categoría, pero o once de Iván Cancela, coa permanencia no peto, segue soñando facer realidade o estar na promoción de ascenso a Terceira División, que ten a catro puntos, ou o ascenso directo, que está a seis. O Sofán, nun gran partido, freou a un Laracha que se ve afastado do ascenso directo e comparte puntuación co Xallas. Os sofanistas adiantáronse no marcador; viron como empataban os rojiverdes, e terminaron logrando un triunfo histórico nun partido que se pode considerar como un mini-derbi. Recibía o Soneira a un Atlético Arteixo con vellos coñecidos nas súas filas, algún deles que no seu momento defenderon a camiseta do Soneira, e ao final lograron un triunfo que lles devolve a ilusión por conseguir unha permanencia moi cara, pois os descensos de Terceira División fan que, a día de hoxe, haxa catro arrastres, polo que a permanencia queda a 6 puntos e a ocupa, precisamente, o Atlético Arteixo. Na próxima xornada, o Xallas parte como favorito ante o farolillo vermello Sporting Sada na Fontenla, mentres que o Sofán medirase ao filial do CD Lugo, o Polvorín, que busca o ascenso ou promoción, mentres que o Soneira visita terras lucenses para enfrontarse ao Atlético Escairón.  

Dúas derrotas e un empate en Primeira

Sorpresa en Primeira pola derrota no Conco do Dumbría, que ve moi reducida a súa vantaxe á fronte da clasificación a dous puntos con respecto ao segundo clasificado, Agolada, aínda que siga sendo cómoda a distancia co terceiro, xustamente o seu vencedor desta xornada, Sigüeiro, pero urxe unha reacción dos dumbrieses para non verse ameazados aínda máis nesa loita polo ascenso directo, sen promoción. A punto estivo de facer saltar a banca o Outes na súa visita a Agolada, ante o segundo clasificado da táboa, pero ao final os pupilos de Cambeiro víronse derrotados por un exiguo pero suficiente para os locais 1-0, que mantén aos da Serra en zona de descenso automático, agora a catro puntos do Val do Ulla e sete do Unión. Fisterra e Sporting Zas repartíronse os puntos en Ara Solís, con dous tempos moi diferenciados. Unha primeira metade na que os sportinguistas adiantáronse cun claro 0-2, e unha segunda na que os cambios introducidos por Nacho Barreiro no seu once cambiaron a fisonomía dos locais e lograron remontar o choque ata o 2-2 final, que deixa aos locais na oitava praza e ao Sporting con dous puntos de vantaxe sobre o descenso por arrastres e cinco do Fisterra. Na próxima xornada, xogan ante os seus afeccionados Dumbría, ante o Silleda; Sporting Zas, que recibe a un ameazado polo descenso Val do Ulla; e Outes, no derby co Fisterra. Tres partidos moi importantes con puntos vitais para todos eles, o do derby para o Outes, que quere buscar a permanencia. Dumbría e Sporting non poden fallar.  

Xornada de sobresaltos en Terceira

Imaxe do Cabana-Ameixenda O choque entre io Cabana e o Ameixenda foi un dos que sufriu un dos graves sustos da xornada A xornada en Terceira, á marxe dos resultados dos encontros, quedará marcada polas lesións dos xogadores Rafa do Ameixenda, ante o Cabana, e do meta Carlos, do Camelle, ante o Lira. Os dous xogadores melloran ostensiblemente dos golpes recibidos para satisfacción de todos os que, dunha ou outro xeito, vivimos esta ilusión do fútbol da Costa. Con estes dous nunca esperados nin ben recibidos sobresaltos, os resultados, co Cabana-Ameixenda suspendido con 0-1 para os visitantes, trouxeron sorpresa en Nantón, onde o Volantes mostrou os seus credenciales para optar ao play-off de ascenso, onde o once local, pese á derrota, ten un posto case asegurado. O Castrelo segue pugnando polo mesmo obxectivo que o Volantes e venceu moitísimo sufrimento ao Outes B na Serra, mentres que o Seaia, cun gol no desconto ante o Muxía, virtualmente di adeus a esa loita, pois se queda a seis puntos de Volantes e Castrelo. Quen retornou á senda do triunfo foi o Lira, que mantén a terceira praza e pasou por encima dun Camelle ao que a lesión de Carlos deixou tocado e máis pendente do sufrido polo seu compañeiro. Na próxima xornada, Muxía é claro favorito ante o Outes B, moi preto de cantar o alirón e celebrar o retorno á Liga da Costa. Duelo trepidante en Carnota, onde o Lira recibe ao Nantón, coa terceira praza en xogo. Dous partidos poden aclarar o panorama para Volantes e Castrelo, que reciben nos seus respectivos terreos de xogo a Seaia e Cabana, respectivamente, e poden eliminar os locais aos dous visitantes nesa loita pola quinta praza de play off. O Ameixenda busca pechar a segunda praza superando ao Camelle en Cee, onde é claro favorito. Unha xornada, pois, que esperemos sexa tranquila e onde teñamos que falar, únicamente de fútbol, paixón, loita e entrega. O demais sobra.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Comentarios