Luns. 29.04.2024
El tiempo

A Pipa: Amplíanse as distancias entre os líderes e os seus inmediatos perseguidores na Liga da Costa

A Pipa: Amplíanse as distancias entre os líderes e os seus inmediatos perseguidores na Liga da Costa
O Baio puido co Montelouro-Foto-Edu Olveira O Baio puido co Montelouro-Foto-Edu Olveira

Non hai dúbida de que Corme e Baio demarran na competición da Costa logo dos seus triunfos, rotundos, aínda que non exentos de dificultade, e o “pinchazo” dos seus inmediatos perseguidores ata esta xornada, Cerqueda e San Lorenzo, que se afastan dos primeiros clasificados, xa cunha vantaxe de 5 puntos sobre 3º e 4º postos.

O Baio tivo que esperar á segunda metade para superar claramente ao Montelouro, logo de chegar ao descanso con empate a un gol, pero nos segundos corenta e cinco minutos os blanquiazules atopáronse cun gol no primeiro minuto e un MC espléndido, que rompeu a formulación dos visitantes co seu “hat-trick”.

Tampouco o tivo nada fácil o Corme en Verdillo, onde os locais se metían cun claro 2-0 no marcador, e vían como antes do descanso o líder colocaba o empate. Na segunda parte, as contras dos azuis foron mortais para un San Lorenzo que ve freada a súa marcha ascendente e quédase a sete puntos de distancia dos líderes.

Quen aos poucos se vai situando na zona nobre da clasificación é o Mazaricos, que volve ser o da pasada campaña, tralo seu irregular inicio de tempada, pero que en Buño, ante o Cerqueda, non deu opción, derrotando con rotundidad a un once que se viu sorprendido polo bo encontro dos amarelos, que xa están no terceiro posto, xusto o que perden os seus adversarios.

Recupera sensacións un Castriz que fallou ante os seus rivais directos, pero que non cede ante rivais que podían facerlle dano, pero que se atopan cun equipo que non quere apearse da zona alta da clasificación, aínda que xa moi afastado das primeiras prazas. A Esteirana segue coa súa andadura irregular na competición, con máis sombras que luces por momentos e que se atopa moi preto dos postos de descenso.

”Zarpazo” do Corcubión en Vimianzo, ante o Baíñas, deixando moi tocado ao once local, colista e xa a tres puntos dos postos de permanencia. Primeiro tempo igualado e trepidante, con empate a dous no marcador, e segunda metade na que os visitantes sacaron vantaxe do seu xogo e fixéronse cos tres puntos en xogo de xeito merecido.

Saltou a sorpresa en Camariñas, onde o once revelación viuse superado por un Buño que pese a comezar perdendo aos catro minutos, soubo darlle a volta á contenda e saír cun éxito que lle afasta da zona de descenso, mentres que frea a boa marcha dos locais, ocupantes do oitavo posto da clasificación.

O Ponteceso deu boa conta no seu terreo do Unión Club Cee, ao que supera xa en cinco puntos e afástao dos postos altos da clasificación, tralo bo inicio dos pupilos de Rafa Pais. Os homes de Barca colócanse na sexta praza da táboa, aínda que moi lonxe dos postos de ascenso e promoción.

Dous empates pechan a xornada. Por unha banda, dous equipos en descenso repartíronse os puntos nun encontro moi igualado e con máis imprecisiones que bo xogo, pois ambos buscan escapar da queima, algo que de momento non conseguen, pois seguen pechando a táboa co Baiñas.
En Malpica, os locais víronse sorprendidos por un Coristanco que segue pugnando por situarse na zona media da clasificación, e souberon igualar un encontro que tiveron moi costa arriba cun 2-0 en contra aos vinte e cinco minutos de xogo, pero que souberon igualar a falta de sete minutos para a conclusión do partido.

Na próxima xornada, máis duelos apaixonantes, sobresaíndo o derbi de rivalidad local entre os dous equipos do Concello de Ponteceso: Corme-Ponteceso, no Cairo, co once local como líder e os visitantes na sexta praza. O ambiente será espectacular en Corme, sobre todo si o tempo acompaña.
Pola súa banda, moi pendente deste partido estará o Baio, que visitará o reducto do Coristanco, campo complicado onde os haxa, nun derbi de proximidade e dous equipos nun bo momento de xogo e resultados, pois un “pinchazo” do Corme poderíalle deixar só á fronte da clasificación.
Recibirá o Mazaricos a visita dun Buño que se quere escapar da zona de perigo e vén de gañar en Camariñas, mentres que o cuarto, Cerqueda, volve repetir en casa recibindo a un Laxe que segue na zona baixa co perigo axexándolle.
Dous duelos importantes para intentar afastarse dos postos de descenso serán o que en fronte a Montelouro e Esteirana, no derbi de Muros, do mesmo xeito que a visita do Baiñas ao Porteño, do que lle separan dous puntos na clasificación xeral.
Un crecido Corcubión verase as caras co San Lorenzo, que intentará borrar a derrota da pasada xornada, do mesmo xeito que o Cee que recibirá no seu terreo de xogo a un irregular Malpica, capaz do mellor e do peor.
Para rematar, bo encontro en Castriz, onde os rojinegros terán como rival a un Camariñas que deu a de area no último encontro en casa e quere reengancharse aos postos da zona nobre da táboa.

 

Dumbría, suma e segue en 1ª

Un triunfo, un empate e dúas derrotas conforman a xornada en Primeira, onde o Dumbria suma e segue á fronte da clasificación e, xunto co Tordoia, é o único conxunto invicto na competición, aínda que non afaste da primeira praza a un Cordeiro que goleou na súa visita a Villestro. Os azuis mostráronse moi superiores a un rival ao que os aires costeiros non lle veñen nada ben e, aínda que seguen na quinta praza, Agolada xa está a seis puntos de distancia dos líderes.

O empate, como non, para o rei dos mesmos, Fisterra, ao que lle custa moito gañar, pero tamén o ser superado, e de novo o guarismo final do encontro foi de empate a dous goles, sendo o sexto reparto de puntos para os pupilos de Nacho Barreiro en dez xornadas disputadas, que lle deixan na 11ª praza da táboa.

As dúas derrotas, en Zas e Outes. En “San Andrés”, nun partido marcado polas importantes baixas que arrastraba o conxunto local. O Tordoia, sen asumir grandes riscos e baseándose nunha defensa que anuló por completo as intencións locais, sumou un triunfo que lle mantén invicto e a catro puntos do Dumbría.
Na Serra, afúndese no “farolillo vermello” o Outes de Manu Roque, que suma sete puntos e afástase peligrosamente dos postos de permanencia, que agora ocupa o Escravitude con 4 puntos de vantaxe sobre os blanquinegros. O Lalín, que viña de ser derrotado polo Sporting Zas, soubo sacar petróleo e sumar un triunfo moi importante para escapar da zona de descenso.

Na próxima xornada, o líder visitará, no derbi da xornada, ao Fisterra en Ara Solís, nun choque de moita esixencia para os visitantes, pois o conxunto local seguro que lles poñerá as cousas moi complicadas apoiados polos seus afeccionados nas gradas.
Zas e Outes terán dous encontros nuns desprazamentos moi difíciles. O Sporting renderá visita ao Atlético Riveira, conxunto do que lle separan tres puntos, pero que é un dos candidatos a pelexar polo ascenso, tras perder a Preferente a tempada pasada. O Outes, pola súa banda, viaxará a preto de casa, a Tordoia, ante un equipo lanzado en pos dos postos de ascenso, e invicto na competición.

 

Xallas, Sofán e Soneira, puntuaron en Preferente

Xornada ilusionante en Preferente, saldada cun triunfo e dous empates, que puido ser mellor, pois o Sofán cedeu un empate ao Bertamiráns logo de terse adiantado no marcador e facerse acreedor ao triunfo, mentres que a Sarriana lle empatou ao Soneira nos últimos instantes do duelo na Ribela.

En Escairón, o Xallas sumou un importante triunfo, que lle afasta dos postos baixos e sitúalle na décima posición, a tres puntos da quinta praza, que é a que ocupa, justamente, o seu rival deste encontro, ao que endosou a primeira derrota no seu propio terreo.
Mereceu máis o Sofán no Carral, onde viu como ao final o Bertamiráns sumaba un empate que lles coloca na undécima posición, mentres que os vermellos quedan na cuarta praza, moi meritoria no seu primeiro ano na categoría.
O Soneira foi gañando todo o encontro en Sarria, pero ao final os locais conseguiron empatar unha confrontación, onde os vimianceses fixéronse acreedores a sumar os tres puntos en xogo, tras remontar un adverso 1-0, adiantarse dúas veces no marcador e ceder o empate no último minuto de xogo.

Apaixonante a próxima xornada, na que o Xallas recibirá, na Fontenla, a visita do líder da táboa, o invicto Noia, que seguro se atopará un once xalleiro con ganas de endosarlle a primeira derrota da tempada. En Vimianzo, o Soneira medirase a un Galicia de Mugardos do que se esperaba moito máis, tralo descenso da pasada campaña de Terceira División, mentres que o Sofán renderá visita ao “farolillo vermello” da táboa, o Sporting Sada, e é unha boa oportunidade para engancharse aos postos de promoción que agora ocupa o once preparado por Josito.

 

Cede o seu primeiro empate o Muxía en 3ª

Cedeu os seus primeiros puntos da tempada o Muxía, que foi incapaz de sumar o triunfo en Vimianzo, ante un Castrelo que se mantén na zona nobre da clasificación. O choque foi tremendamente disputado e os dous equipos buscaron un triunfo que ao final non chegou, finalizando a contenda co 0-0 inicial.

Sorpresa en Cee, onde o segundo clasificado, Ameixenda, viuse superado, e de que xeito, por un Volantes que lle endosou un rotundo e inesperado 1-5, que afasta aos locais da segunda praza, a cal cae en mans do Nantón, aínda que tampouco tivo un encontro fácil, cedendo dous puntos en Camelle, tras empatar a dous goles.

Non se aproveitou tampouco dos resultados dos primeiros clasificados o Lira, que non pasou do empate no seu desprazamento a Serra, ante o filial do Outes, perdendo unha boa oportunidade de buscar os postos altos.

E por fin gañou o Cabana, tras oito partidos, e fíxoo goleando ao “farolillo vermello”, Sporting Seaia, colocándose a tres puntos do Lira cando falta unha xornada para concluír a primeira volta da competición.

Na última xornada da primeira volta, o Muxía recibirá en Arliña ao Cabana, conxunto que, si quere engancharse á competición, ten que dar a campá no terreo do líder. O Lira-Ameixenda pode ser importante para os intereses de ambos equipos, e pode decidir o factor campo. Buscará os tres puntos o Castrelo en Muros, ante un Volantes moi irregular, pero do que lle separan dous puntos. Asegurarse a segunda praza será o obxectivo do Nantón, que recibirá no seu terreo de xogo a vista do Outes B, partindo como favorito o once local.
Para rematar, os dous conxuntos que pechan a clasificación, Seaia e Camelle, veranse as caras en Malpica, sen favorito claro e intentando ambos non ocupar o “farolillo vermello” ao término da primeira volta.

  • Manuel Corredoira, Entrenador Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios