Mércores. 08.05.2024
El tiempo

A Pipa: Atracción máxima

A Pipa: Atracción máxima
Choque do Muros en Corcubion Choque do Muros ante Corcubión no que confirmou o seu cantado ascenso-Foto-Manuel Caamaño Como están de atractivas e emocionantes todas e cada unha das competicións ligueiras na zona da Costa ou con representación da mesma! Nada decidido e todo por resolver. Equipos que loitan por títulos e ascensos. Equipos que pelexan pola permanencia na categoría. E cada vez menos xornadas por diante. Quen mostran a cara da felicidade son Volantes de Baños e CD Muros, que fixeron perfectamente os deberes na Terceira Autonómica da Costa e a tempada próxima terán o seu lugar de privilexio na Segunda Autonómica, tralo ascenso matemático alcanzado neste fin de semana polo once celeste tras vencer ao Corcubión por 2-0, ante os seus afeccionados no Eleuterio Balayo, que celebraron ao grande o retorno á chamada Liga da Costa por excelencia. Deste xeito, e si todo transcorre con normalidade, catro serán os equipos do Concello de Muros en Segunda: Esteirana, Monte Louro, Volantes e Muros. Vaia derbis, a cada cal máis apaixonante. Celebracion do ascenso do Muros Celebracion do ascenso do Muros-Foto-Manuel Caamaño

2ª Galicia

Por outra banda, envorco na Liga da Costa, onde ao Mazaricos parecen tremerlle as pernas trala súa marcha na competición, e a súa derrota, incuestionable, ante o Corme, en Pino do Val, colócanlle cun único punto de vantaxe sobre un Baiñas irresistible neste tramo da competición. Os mazaricáns viron como o conxunto cormelán sumaba os tres puntos en litigo tras colocarse con 0-2 no marcador antes do primeiro cuarto de hora de xogo. Logo, pese aos intentos locais e a lesión do meta visitante Suso, substituído polo veterano Alejandro na meta, o Corme soubo nadar e gardar a roupa e lograr o tanto definitivo no último suspiro da contenda. Non fallou o Baíñas no seu complicado desprazamento a Muxía, onde os verdes sumaron os tres puntos e cun resultado que non deixar lugar a dudaas. Un 0-4 rotundo, pese a que, aínda con ese resultado tan amplo en contra, o Muxía traballou de xeito abondo par contrarrestar a eficacia visitante, cun Pablo Muiño nuevamente bigoleador e nun momento extraordinario de forma, do mesmo xeito que o seu equipo. Tampouco cede a Esteirana, que venceu en casa a un Malpica curto de efectivos, pero moi traballador e que puxo contra as cordo a un conxunto azulgrana que notou e moito a baixa da súa goleador Rober Pladur. Pese a iso, os locais souberon resolver a contenda cun tanto que resultou definitivo e mantenlles nesa loita polo título e ascenso. Gran miniderbi en Cerqueda, onde o once local viu como o Ponteceso, nun excelente primeiro tempo, colocábase con 0-2 no marcador, mercé aos goles de Charro. Pero na segunda metade chegaría a reacción branca, colocando os pupilos de Raúl Periscal o empate a dous goles no marcador, e que deixan a ambos equipos separados por dous puntos na táboa clasificatoria. Triunfo do Sporting Zas en Louro, ante un once local que, pese á derrota, realizou un bo encontro, pero penalizado nas accións a balón parado, por canto dos seis goles do partido, cinco foron de lanzamento de falta, córner ou o penalti co que se abriu o marcador. Tralo 2-2 ao descanso, dous tantos do Sporting na segunda metade, deron os puntos aos visitantes, que se colocan a un punto do Monte Louro. Gran vitoria do Buño en Camariñas, onde sumou tres puntos ante un conxunto que se coloca en zona de descenso directo e a tres da permanencia. Os pupilos de Dani Calvete realizaron un encontro moi completo e, tras chegar ao descanso con 0-1, a expulsión sufrida polo Camariñas e o bo facer visitante, levaron o 0-3 final, que afasta aos blanquiazules da zona de perigo e some nela aos homes de Tono. No último minuto chegou o delirio á afección e aos xogadores do Coristanco, cun gol que significaba o 3-2 final ante un Lira que vendeu cara a súa derrota e que, tras ver como os verdes colocábanse con 2-1 a favor a falta de sete minutos, foron capaces de empatar a contenda. Pero o postrer tanto dos pupilos de Alberto Pensado, deixan ao Coristanco catro puntos por encima do descenso directo e a dous de Lira e Buño na táboa clasificatoria. Segue a súa marcha ascendente o Cee, que deu boa conta dun Outes que ve como cada vez complícaselle un pouco máis a permanencia en Segunda. Os ceeses alcanzaron unha renda de 3-0 final, e sitúanse tres puntos por encima do descenso directo e mostráronse firmes, pois aínda que ao descanso chegouse co partido aberto e 1-0 no marcador, na segunda metade chegarían os tantos que desequilibraron por completo o choque. Na próxima xornada, o foco de atención estará centrado en Esteiro, onde xoga o líder, Mazaricos, rendendo visita á Esteirana, terceiro clasificado a dous puntos do liderato. Moi atentos ao que suceda estarán Baiñas, que de vencer ao Monte Louro e non gañar o Mazaricos, faríase co liderato, e o Corme, que visita ao Outes, conxunto que necesita gañar para seguir tendo opcións de permanencia. Por abaixo, partido con tintes dramáticos en Malpìca, onde chega un moi necesitado Camariñas ante un once local do que lle separan tres puntos. O Buño quere proseguir o seu ascenso superando no seu terreo a un Coristanco que se atopa a dous puntos de desventaja con respecto ao once blanquiazul. O Cee visita a un Ponteceso que está na zona cómoda da táboa e que non se quere complicar a vida nas últimas xornadas. Sporting Zas e Cerqueda mídense en Zas, empatados na táboa clasificatoria e con ganas de pechar canto antes a súa permanencia na Segunda. En Carnota, o Lira recibirá a visita dun Muxía que case ten asegurada a quinta praza da clasificación e a súa permanencia, mentres que o once local busca afastarse da zona de perigo, sobre todo se se producen máis dun arrastre.

Preferente

Xornada excepcional en Preferente, onde os tres representantes costeros alcanzaron o triunfo, moi importante sobre todo para o Dumbría, na súa carreira por eludir o descenso a Primeira Autonómica, e esperanzador os colleitados por Xallas e Sofán; os primeiros, porque se sitúan a tres puntos das prazas de promoción de ascenso a Terceira División, e os segundos porque o éxito, ante o líder, Polvorín achégalle, un pouco máis, á permanencia. O Dumbría sufriu moito ante un Residencia que, do mesmo xeito que os pupilos de Nacho Barreiro, queren asegurarse o seu permanencia en Preferente. O duelo se decantó cun tanto de Marcote, que deixa aos locais a un punto de saír do descenso directo, que ocupa o Escairón, pero arrástrelos de Terceira e, sobre todo, os que se poidan producir desde Segunda B, fan que, a día de hoxe, perdan a categoría en Preferente Norte 6 conxuntos, polo que a permanencia sen arrastres agora mesmo ocúpaa o Boimorto, con 33 puntos, a 4 do Dumbría. Gran partido o realizado polo Sofán ante o líder, Polvorín, ao que venceu cun tanto de Luís, de penalti, e válelle aos rojillos para, con 40 puntos, situarse na zona media da clasificación, con sete puntos de vantaxe sobre a zona de queima, aínda que é de esperar que, de aquí ao final das competicións, algún dos equipos que poidan conducir a arrastres logren manter a categoría, en especial Racing de Ferrol e Pontevedra, pois o Cerceda, pese á reacción das últimas xornadas, atópase nunha situación máis que problemática, para que o efecto cascada en Terceira sexa o máis reducido posible. O Xallas segue na seu inercia positiva e, pese a sufrir dúas expulsións nos últimos minutos da contenda, logrou superar ao Boimorto na Fontenla e sitúase a tres puntos do cuarto posto, que ocupa o Ribadeo. Os verdes souberon sacar adiante un compromiso ante un conxunto moi rocoso e que busca asegurarse a permanencia en Preferente. Con este triunfo, o conxunto xalleiro, coa permanencia virtualmente asegurada, pon as súas miras en chegar a esa cuarta praza, aínda que a promoción entre os cuartos clasificados posiblemente non conduza ao ascenso, sobre todo si prodúcense descensos de Segunda B e os consabidos arrastres. Na próxima xornada o Xallas podería dar o salto á cuarta posición si logra o triunfo no campo do colista, Outeiro de Rei, e o Ribadeo perde en Paiosaco, ante o segundo clasificado e case cos dous pés en Terceira División. Sofán e Dumbría renderán visita a Residencia e Dubra, respectivamente, coa ilusión de ambos de sumar eses puntos que, dunha forma ou outra, condúzanlles a conseguir os seus obxectivos de permanencia na categoría un ano máis.

1ª Galicia

E sen en Preferente mantense a loita pechada, en 1ª o traballo pola permanencia é absoluto, pois únicamente o Soneira pode respirar con tranquilidade sabedor de que a súa presenza na categoría a próxima tempada parece segura. Fisterra, Baio e San Lorenzo teñen que seguir traballando para iso, sobre todo si o Dumbría non logra manter a categoría en Preferente, o que levaría un arrastre en Primeira. Na xornada deste fin de semana, o Baio foi o único que alcanzou os tres puntos, vencendo ao Bastavales, que se afasta da zona de ascenso. Os blanquiazules tiñan que romper a inercia negativa que arrastraban, e fixérono do mellor xeito posible, gañando e convencendo, cun 2-0 que lles coloca fóra dos arrastres nestes momentos. O San Lorenzo soubo sumar un punto no seu desprazamento a Rianxo, ante o Unión, mantendo a súa porta a cero e mantendo viva a esperanza de escapar do descenso directo, situándose a dous puntos do Tordoia e tres do Baio, cando restan oito xornadas para a conclusión do campionato. Moios puntos e moitos partidos por diante, sen dúbida. Bofetada en toda regra ao Fisterra en Padrón, onde o Flavia deixou liquidada a contenda nos primeiros sete minutos, cun 2-0 inesperado, que rompeu por completo aos pupilos de Noé e cortaron a excelente liña das últimas xornadas dos verdes. No entanto, o Fisterra mantense cinco puntos por encima dos arrastres e a sete do descenso directo. O Soneira sumou un empate no seu desprazamento ao terreo do Chaián, onde os pupilos de Pedro Gómez viron como o once local adiantábase no marcador, para empatar os de Vimianzo, que se manteñen na sétima praza da táboa, aínda que a zona de ascenso e promoción téñana moi lonxe. Na próxima xornada, saída complicada do Baio ao terreo do líder, Piloño, mentres que o resto de conxuntos costeiros xogarán en casa. O Fisterra recibirá a un Bertamiráns moi irregular, mentres que o San Lorenzo non pode fallar ante un Chaián do que lle separan catro puntos na táboa. En Vimianzo, o Soneira pode superar na clasificación ao Flavia de derrotarlle no Municipal.

3ª Galicia

En 3ª, como comentei anteriormente, tralos consabidos ascensos de Volantes e Muros, a loita céntrase nas posicións de promoción de ascenso, e nelas tanto Camelle como Cabana parecen ter o posto seguro, tralo triunfo dos primeiros sobre os segundos por 5-3, nun partido onde os locais chegaron a colocarse cun rotundo 4-0 a favor, recortado ao final polos negriazules do Cabana. O Volantes está a un punto de proclamarse campión de Liga, pois gañou, e de que xeito, no terreo do Outes B, cun 1-9 final que marca a diferenza entre o farolillo vermello e o líder da táboa. O Ameixenda deu un paso case definitivo para estar no play-off co seu triunfo en Laxe, ante un rival director, por 1-4, ante a sorpresa de todos, pois se esperaba un duelo moito máis igualado e emocionante, pero aos ceeses saíulle todo de cara, ao contrario que aos locais, que complican, e moito, a súa presenza no play-off. Empate en Castriz entre os locais e o Nantón, que deixa a ambos equipos fóra da promoción, de momento, pero con todas as posibilidades intactas nas dúas xornadas que restan para o final da competición. Os locais adiantáronse no marcador, empatando ao final os visitantes, que se sitúan a dous puntos da zona de promoción de ascenso. O máis beneficiado deste empate e da derrota do Laxe é o Porteño, que se sitúa a un punto da sexta praza, tras vencer en Malpica ao Seaia por 1-3, e facendo contas persoal e técnicos por canto, de gañar ao Muros e na xornada aprazada ao Camelle, colocaríanse na zona de promoción. Festa ao grande en Muros, co triunfo do conxunto celeste sobre o Corcubión por 2-0. Os nervios non traizoaron ao once local e, ao final, pese aos intentos visitantes de lograr un mellor resultado, souberon celebrar o retorno á Segunda Autonómica. Parabéns ao novo Club Deportivo Muros por ese ascenso nunha brillante tempada, sen dúbida. Na próxima xornada, o foco céntrase nos equipos da zona de promoción, cun Ameixenda-Castriz vital para ambos, e con dous choques que chaman a atención Porteño-Muros e Volantes-Laxe, así como o duelo entre un necesitado de puntos Nantón e o xa clasificado para a promoción, Camelle. Nos outros encontros, o Cabana aseguraríase a súa praza ante un Seaia que non se xoga nada, mentres que o Corcubión e Castrelo pechan a xornada sen nada en xogo, máis que asegurarse a undécima praza, ou a décima o Corcubión si gaña e perde o Seaia.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Novas relacionadas

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios