Luns. 29.04.2024
El tiempo

A Pipa: Corme, Baio e Cerqueda seguen pugnando polo liderato na Liga da Costa

A Pipa: Corme, Baio e Cerqueda seguen pugnando polo liderato na Liga da Costa
A UD Cerqueda segue pelexando o liderado-Foto-UD A UD Cerqueda segue pelexando o liderado-Foto-UD Non fallaron os líderes da clasificación nesta xornada, pese ás grandes dificultades que pasou o Cerqueda para superar a un Corcubión que se adiantou no marcador e mantivo o 0-1 durante moitos minutos, pero que ao final terminou sucumbindo ante os xogadores dirixidos por Periscal, que se manteñen na terceira praza, ao ronsel de Baio e Corme. Corme e Baio non fallaron e, ademais, fixérono de xeito claro e contundente. Os líderes recobraron o seu instinto goleador, e ante un Laxe que esperaba manter a liña mostrada en Cee, non deron opción aos locais, endosándolle un set, aínda que os laxenxes foron capaces de marcar dous tantos, pero a diferenza entre o líder e farolillo vermello foi clara. O Baio, pola súa banda, tivo que esperar moito para terminar goleando a un Buño que vendeu moi cara a súa derrota, pero nun gran segundo tempo, os xogadores dirixidos por Pedro Gómez deron boa conta dos oleiros, podéndolle dedicar a vitoria ao seu compañeiro Peke, que tivo un problema que lle impediu poder estar co seu equipo e ao que desexamos un rápido restablecimiento para volver a patear os campos de fútbol da Costa. Impresionante a campaña que está realizando o Camariñas, que xa é unha realidade e sumou un gran triunfo ante unha Esteirana que se coloca ao bordo dos postos de descenso logo de perder ante a gran revelación deste primeiro cuarto de campaña e que se coloca a tres puntos do liderato. A gran sorpresa da xornada, ou non, foi o triunfo do Coristanco, que pasito a pasito ha ir subindo na táboa e suma tres triunfos consecutivos tras un comezo de tempada que parece esquecido, no terreo de xogo do San Lorenzo de Verdillo, freando en seco a marcha dos locais, que ceden no seu empuxe por chegar ao liderato. Un gran partido do equipo preparado por Alberto Pensado que, desde a tranquilidade e o bo facer, afástase un pouco dos postos de perigo. Tamén ve freada a súa marcha o Castriz, que non pasou do empate no complicado terreo de xogo do Malpica, onde o 0-0 final non satisfixo a ningún dos dous equipos no seu afán de seguir ascendendo postos os locais, que se sitúan de novenos, e afasta en catro puntos do liderato aos rossoneros. Segue a súa liña ascendente o Mazaricos, logo dun inicio desalentador, pero chega a este primeiro cuarto de competición na sétima praza, logo de superar, de xeito claro aínda que sufrido, a un Porteño que foi capaz de poñer contra as cordo aos amarelos. Os locais colocábanse 2-0, pero o Mazaricos era quen de darlle a volta ao marcador. Os locais colócanse en zona de descenso, nun cuádruplo empate con Baiñas, Esteirana e Monte Louro. Non termina de arrincar un Baíñas que coquetea perigosamente cos postos de descenso, e viu como un ordenado Cee estivo a piques de lograr o triunfo en Vimianzo, adiantándose no marcador e poñendo contra as cordas aos locais, que ao final foron capaces de salvar un dos puntos en disputa e sae, por golaveraxe, dos postos de descenso. En Ponteceso, os locais, que parecen recobrar a calma e a tranquilidade logo dunha xornadas dubitativas, con goleada incluída e aos poucos se han ir estabilizando, colocándose na oitava praza, empatdo co Mazaricos, e a dous puntos da cuarta posición, deron conta dun Monte Louro que vendeu cara a súa derrota, pese ao 3-0 final para os pupilos de José Barca. A próxima xornada trae varios encontros apaixonantes e dun gran atractivo para entrar no segundo cuarto competitivo. En Mazaricos, dous equipos ao alza veranse as caras, pois o once de Néstor Romero recibirá a un Camariñas situado na zona de privilexio e separados por dous puntos na clasificación. O líder recibirá, en O Cairo, a un necesitado Baíñas, pero os locais, que son os únicos invictos da competición, parecen recobrar o nivel do inicio de campaña e queren manter, unha xornada máis, o liderato da clasificación. Partido grande en "San Pedro", onde o Castriz recibirá ao colíder, Club Deportivo Baio, e os dous equipos queren seguir sumando para seguir nas súas privilexiadas posicións, en especial os blanquiazules, que superan aos locais en catro puntos, e de gañar deixarían moi lonxe ao Castriz. Outro dos focos da xornada estará na Rocheira, onde o Coristanco recibirá a visita dun Ponteceso á alza e que buscará seguir o seu ascenso na clasificación ante un once local que recobrou, e de que xeito, un potencial que parecía tocado tralo inicio de tempada. E que dicir do duelo que dirimirán en Cee o once adestrado por Rafa Pais e un San Lorenzo tocado tralo inesperado tropezo ante o Coristanco e que lles separa do liderato en tres puntos freando a marcha ascendente dos de Verdillo. O Cee, que perdeu nos últimos lances dous puntos en Vimianzo, quere volver aos postos altos e recortar distancias co San Lorenzo. En Louro, os homes de Oscar Leis queren retornar aos resultados positivos a costa dun Malpica que, paso a paso, se ha ir achegando aos postos altos da táboa clasificatoria, mentres que os locais están en zona de descenso. Partido de necesidades en Buño, onde os locais, tocados tralos últimos compromisos, reciben a unha Esteirana que, logo dun inicio esperanzador, se ha ir afundindo na táboa e está ao bordo dos postos de descenso. O Cerqueda buscará os tres puntos en Ponche do Porto ante un conxunto local que necesita gañar imperiosamente, tras caer en zona de perigo nas últimas xornadas, mentres que en Corcubión os xogadores preparados por Emilio Corzón, trala gran imaxe mostrada en Cerqueda, buscarán retornar aos resultados positivos ante un Laxe que é capaz do mellor e do peor, o que lle levou a ser colista na táboa. Vitoria, empate e derrota en Preferente Sofan Viveiro Raul Raúl, de novo clave no Sofán-Foto-SD Xornada para todos os gustos en Preferente, onde os representantes costeros tiveron os tres resultados que se poden dar. O Sofán, nun terreo de O Carral, foi capaz de superar a un Viveiro situado na zona de descenso, pese a que ao comezo de tempada os seus obxectivos eran outros, pero o equipo que prepara Josito mantén o seu nivel ascendente e aos poucos, segue na zona de privilexio da competición, a dous puntos de poñer de play-off de ascenso. O partido foi moi traballado polos rojillos, que ao final dos noventa minutos sumaron un merecido triunfo por 3-2 para felicidade dos afeccionados que se deron cita no campo sofanista. Non o tivo fácil o Soneira en Chantada, un campo pequeno e complicado para calquera visitante, onde os vimianceses sufriron de xeito abondo para poder sumar un punto, aínda que soubo a pouco aos visitantes, que mereceron máis polo seu traballo, pero o once local pelexou o indecible para contrarrestar a un Soneira que se sitúa na decimosegunda posición, tres puntos por encima do descenso. En Betanzos, o Xallas viu freada, de xeito inesperado, a súa boa liña da última semana, pero os locais, moi necesitados de puntos, souberon contrarrestar o potencial dos xalleiros para sumar un triunfo que lles vén como auga de maio e failles empatar na clasificación a puntos cos pupilos de Iván Cancela, saíndo do descenso automático o histórico conxunto das Mariñas. Na próxima xornada, o Sofán renderá visita a un Arzúa que baixou ostensiblemente no último tramo da competición, que lle levou aos postos de perigo, a dous puntos da zona de descenso, pero que seguro lles poñerán as cousas moi difíciles aos xogadores costeiros Non pode fallar o Xallas no seu compromiso na Fontenla fronte a un Atlético Arteixo que non termina de poñer a directa cara aos postos de ascenso, pero que é un rival difícil de bater, pois únicamente saíu derrotado en dous partidos dos dez disputados ata agora. Catro puntos sepáranlles na clasificación, os que intentarán recortar os verdes. En Vimianzo, o Soneira verase as caras cun Ribadeo que, tralo descenso de Terceira División e un mal inicio de tempada, ha ir saíndo dos postos de descenso e sitúase a un punto dos brancos na clasificación xeral.   Dous triunfos e dous goleadas en Primeira Outes ante o Val do Ulla Outes caeu goleado en casa ante o Val do Ulla Recobra o liderato o Dumbría en Primeira, logo da súa sufrida e traballada vitoria ante o Puebla, acompañado do empate do Sigüeiro ante o Escravitude no seu propio terreo de xogo. Os dumbrieses permanecen invictos, co Tordoia, e con fortaleza afianzan a súa liderato, aínda que entre o primeiro posto e o sexto clasificado hai tres puntos de distancia. Impresionante reacción do Fisterra na súa visita a Villestro, farolillo vermello da táboa, pero que se adiantou no marcador cun 2-0 que parecía deixar tocados aos fisterrans, pero nunca se pode dar por mortos a vos xogadores dirixidos por Nacho Barreiro, que sacaron forzas e voltearon o marcador, recortado ao final polos locais cun 3-4 final. As dúas goleadas encaixáronas, de xeito inesperado, Sporting Zas e Outes, ambos nos seus terreos de xogo. En Zas, nada facía presaxiar o resultado final de 0-4, pois ao término do primeiro tempo a igualdade era absoluta, cun 0-0 que reflectía o que estaba sucedendo sobre o terreo de xogo. Pero na segunda parte, o 0-1, a pouco de iniciarse a mesma, foi unha losa insalvable para o equipo dirixido por Víctor Pazos, que terminou absolutamente superado por un Cordeiro que se coloca a tres puntos do liderato. En Outes, o Val do Ulla mostrouse intratable ante os homes dirixidos por Manu Roque, que se sitúan nunha incómoda posición na clasificación, pero ante a igualdade no grupo, a unha vitoria da undécima praza da táboa, pero mostrando unha alarmante endeblez na faceta defensiva. Complicada xornada a próxima para os catro representantes da Costa en Primeira, pois aínda que o Fisterra xogará en Ara Solís ante un asequible Piloño, decimotercer clasificado, os outros tres conxuntos terán desprazamentos a cada cal máis difícil. O líder renderá visita a un Escravitude que vén de sumar un empate no terreo de xogo do Sigüeiro, e moito terán que esforzarse os homes de Julián para sumar puntos. En Lalín, o histórico conxunto local recibirá a un Sporting Zas ferido tralo varapalo sufrido en ?San Andrés? ante o Cordeiro, separados ambos equipos por un punto na clasificación. Mentres, o Outes terá a saída máis difícil, pois renderá visita a un Cordeiro situado a tres puntos da cabeza e que vén de golear aos sportinguistas como citamos anteriormente. Non hai quen tosa ao Muxía en Terceira Suma e segue o Muxía en Terceira, e xa son oito os puntos que lle separan do terceiro clasificado. Seis partidos e seis triunfos para un líder intratable. Que foi capaz de derrotar a un Lira que, baixo a batuta de Manín, buscaba infringir a primeira derrota da tempada aos muxians, pero ao final dos noventa minutos os líderes venceron pon un 2-3 máis que suficiente. Golpe de man do Nantón en Vimianzo, vencendo a un Castrelo que se afasta da segunda praza e cede o terceiro posto justamente ao seu rival, que lle derrotou por 0-2 nun gran partido dos visitantes. Quen se afianza na segunda praza é o Ameixenda, pese á súa sufrida vitoria sobre o ?farolillo vermello? da clasificación, Sporting Seaia, por 1-0, o que deixa clara a igualdade na competición. O Volantes, moitísimo traballo, sumou o triunfo ante o filial do Outes, por un 3-2 moi axustado, mentres que o Cabana segue sen coñecer os meles do triunfo, que suma cinco empates pero afástase moito da zona nobre, sendo incapaz de superar a un Camelle que segue empatado a puntos co Cabana. Na próxima xornada, derbi local en Nantón, coa visita do Cabana. Os locais queren dar alcance á segunda praza, mentres que o Cabana buscará o primeiro triunfo da tempada. O partido grande disputarase no remozado terreo de xogo de Muxía, onde o once local recibirá ao segundo clasificado, Ameixenda, e de gañar darían un golpe case definitivo na loita polo ascenso, pois afastarían ao segundo clasificado en oito puntos. Duelo de rivalidade en Muros, onde o Volantes recibirá a visita do Lira, que quere retornar á senda do triunfo. En Malpica, o Seaia recibirá a un Castrelo que non quere escaparse dos postos nobres da táboa e que terá un ollo posto en Nantón e Muxía. En Outes, os filiales recibirán ao Camelle, ambos empatados a puntos e buscarán sumar o segundo triunfo da tempada.
  • Manuel Corredoira, Entrenador Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios