Luns. 29.04.2024
El tiempo

A Pipa: O Corme recupera a primeira praza da clasificación ao perder o Baio en Camariñas

A Pipa: O Corme recupera a primeira praza da clasificación ao perder o Baio en Camariñas
Alejo e Lucos do Corme-Foto-Edu Olveira Alejo e Lucos do Corme no choque en Agra da Filgueira-Foto-Edu Olveira Pese a que, unha vez máis, o cambio de líder sexa do destacado, xunto co cuádruplo empate na primeira posición, o máis sobresaliente da xornada na Liga da Costa foi, sen dúbida, o primeiro triunfo na competición do Laxe, que o fixo ao grande, pois sumou os tres puntos dunha tacada no complicado terreo de xogo do Unión Club Cee, que ve freada a súa boa marcha na competición, con dous goles cando o partido languidecía, logo de mostrar unha férrea defensa ante as embestidas do once dirixido por Rafa Pais. Os encontros da xornada non defraudaron. Por unha banda, o Corme recibía no Cairo a un Cerqueda que ocupaba a segunda praza da clasificación, pero os azuis nunha segunda metade excelente, xunto co oportunismo do seu atacante Alejo, sumaron un amplo triunfo, pese a que os malpicáns mereceron un resultado menos forte no seu contra. En Camariñas, o once local derrotou, e de que xeito, ao ata ese instante líder, Baio, que vendeu cara a súa derrota, pois aínda que os camariñáns adiantáronse no marcador e chegaron a colocarse con 3-1 ao seu favor, o once blanquiazul puxo o 3-2 e gozou de oportunidades, pero a quince minutos do final os locais sentenciaron a contenda e colócanse na sexta praza, a tres puntos do liderato. Parece desinflarse o Castriz, coa segunda derrota consecutiva, nesta ocasión no seu terreo de xogo, ante un Ponteceso que chegaba con urxencias, e é que os mozos de José Barca non andaban moi finos. Pero a grandeza do fútbol é tal que, os que marchaban líderes fai dúas xornadas, víronse superados por un Ponteceso que comeza a albiscar a zona nobre da clasificación. No derbi de Buño, o equipo preparado por Esmorís superaba, no último minuto da contenda, cun gol de Cololo, aos locais, facéndose cos tres puntos en disputa nun partido con polémica, accións para todos os gustos, gol anulado ao Malpica, e vitoria no último suspiro dos azuis, que se colocan na sétima praza, a catro puntos da zona de pódium. Xa é segundo o San Lorenzo, que sumou o triunfo en Louro, ante un once local que, pese aos seus intentos, non puido romper a boa liña que levan os homes que dirixe Óscar Suárez. O seu homónimo, Oscar Leis, técnico do Monte Louro, buscou igualar o 0-1 inicial aos seis minutos, pero nos últimos instantes, xa cun home menos os locais, o San Lorenzo lograba o segundo tanto e situarse no alto da táboa co Corme, Baio e Cerqueda, todos con 15 puntos. Volveu á senda do éxito o Corcubión, cun claro 3-0 sobre un Porteño que se viu sorprendido pola intensidade e o bo xogo local, que xa antes do descanso adiantábase no marcador e na segunda metade sentenciaba o choque. Os xogadores adiestrados por Emilio Corzón suman o seu terceiro éxito e superan ao seu rival na táboa clasificatoria, que se queda moi preto dos postos de descenso. Recupera sensacións moi positivas o Mazaricos que, tras un irregular comezo de campaña, aos poucos vaise situando en posicións máis esperanzadoras, recortando distancias cos primeiros clasificados. O seu triunfo ante a Esteirana, moi sufrido, cun tanto materializado por Chenel xusto un minuto despois de que os visitantes empataran a contenda. Para rematar, segunda vitoria consecutiva do Coristanco, baixo a batuta de Alberto Pensado, que ve a luz logo dun comezo tenebroso con cinco derrotas nos cinco primeiros encontros. Ante un Baíñas que non termina de arrincar, e co que empata a puntos na táboa, os locais fóronse facendo co partido desde o minuto 9 e non cederon no seu empuxe de sumar o triunfo. Na próxima xornada, os primeiros clasificados terán compromisos para todos os gustos. Por unha banda, o Corme renderá visita a un Laxe que vén de dar a campanada en Cee; o Baio recibirá no Pratas Reinoso ao Buño, coa clara intención de resarcirse da derrota en Camariñas; o San Lorenzo recibirá nun derbi de proximidade, a un Coristanco en estado de graza tralos seus dous triunfos consecutivos, mentres que o Cerqueda recibirá en Xaviña ao Corcubión, capaz do mellor e do peor. Gran partido espérase en Pedra Queimada, onde o Malpica terá como rival a un Castriz que leva tocado tralas dúas derrotas nas últimas xornadas, e que se pode ver superado na táboa polos locais en caso de derrota. Un Baíñas ferido terá un duro rival en Vimianzo co Cee, que pese á última derrota mantense na zona media da táboa, mentres que os verdes necesitan gañar para non verse co auga ao pescozo. O Ponteceso volve ao Pinguel para enfrontarse a un Monte Louro que perdeu fol nas últimas xornadas, e ten que gañar si quere seguir o ronsel dos primeiros clasificados, mentres que o sorprendente Camariñas buscará manter a súa liña ascendente no difícil feudo da Esteirana. Para rematar, un Porteño que necesita os tres puntos recibirá a un Mazaricos en alza e que busca engancharse á cabeza da clasificación xeral, polo que non pode pinchar en Ponte do Porto. Preferente Doble empate en Preferente nos duelos con presenza costeira. No derbi de Vimianzo, o Soneira, que se adiantou aos quince minutos, viu como o Sofán sacaba as uñas e lograba empatar xa antes do descanso. Como todos os derbis, o partido foi intenso, disputado, con entrega por ambos lados, e con oportunidades para uns e outros. Ao final, un empate que non satisfai en exceso a ningún dos dous, pero que lles deixa separados por tres puntos na clasificación, co Sofán de oitavo e o Soneira decimocuarto. Terceira xornada consecutiva puntuando dun Xallas que vai a máis segundo avanza a campaña. Os pupilos de Iván Cancela, que o mércores derrotaban a un Estudiantil que ocupaba a segunda praza, nesta xornada freaban ao que era segundo trala derrota dos da Estrada, o Paiosaco, e aínda que os visitantes chegaron a poñer o 1-2 no marcador, a falta de oito minutos o Xallas lograba un merecido empate que lle afasta dos postos baixos da clasificación e frea a boa marcha do Paiosaco, que agora é cuarto a tres puntos do liderato. Na próxima xornada, nova oportunidade de seguir sumando para o Xallas, que renderá visita ao histórico Betanzos, mellorado trala súa vitoria este fin de semana en Sada, pero que ocupa praza de descenso, abandonando o farolillo vermello, onde deixa xustamente aos sadenses. O Sofán recibirá, no Carral, a un Viveiro que llas prometía moi felices ao comezo da tempada pero que non termina de arrincar, estando situando ao bordo dos postos de descenso, mentres que os homes dirixidos por Josito, de gañar, poderían dar un salto cualitativo na táboa clasificatoria de cara á súa primordial obxectivo de chegar o máis rápido posible aos 45 puntos. En Chantada espéralle un duro compromiso ao Soneira, ante un once local que se coloca por primeira vez na campaña en postos de descenso, e ante o que deberán responder os vimianceses para seguir subindo na clasificación e afastarse da zona de perigo, da que están separados por tres puntos. 1ª Autonómica Triple empate nos partidos con representación costera na 1ª Autonómica, cun Outes que deu a campanada en Fisterra, nun choque onde o máis destacado foi o tempo de desconto, pois no minuto 98 chegaría o empate dos homes dirixidos por Manu Roque, despois de que os locais tivesen vantaxe no marcador desde a media hora inicial. Aínda así, pese á protestas locais, o colexiado descontou máis minutos, pero o marcador non se movería. Desde logo, os minutos finais non lle veñen ben ao Fisterra, que xa na xornada pasada perdían en Zas no tempo de desconto. Pola súa banda, o Sporting segue en ascenso, aínda que o seu ritmo de triunfos viuse freado en Val do Ulla, onde, pese ás ocasións que tiveron os xogadores dirixidos por Víctor Pazos, o 0-0 campeaba no marcador ao término dos noventa minutos de mellor xogo visitante, cun tanto anulado por un fóra de xogo máis que dubidoso. E o terceiro empate o colleitou o Dumbría no complicado terreo de xogo de Silleda, nun partido moi intenso, de ritmo alto e constante loita por ambos lados, ao que se chegaría ao término dos noventa minutos cun xusto reparto de puntos e co marcador sen moverse. Pese a iso, o once dumbriés mantense no pódium da táboa, a un punto do liderato, que ocupa unha semana máis o Sigüeiro. Na próxima xornada, o Dumbría recibirá a un Puebla que aos poucos, e tras un mal comezo, vai recompoñéndose e xa está na zona media-alta da clasificación, a tres puntos do once costero, pero é de esperar que o Dumbría some os tres puntos en disputa. En Outes, os locais esperan dar unha satisfacción á súa afección superando a un Val do Ulla do que lle separan un punto na táboa, mentres que o Fisterra quere sumar o seu segundo triunfo da tempada no campo do colista, Villestro, pois os verdes non gañan desde a primeira xornada, na que venceron ao Lalín. O Sporting Zas recibirá en San Andrés a un Cordeiro instalado na cuarta praza, pero empatado a puntos cos sportinguistas. Curiosamente son sete os equipos empatados a puntos nesa cuarta posición, o que é un claro indicador da igualdade na competición. 3ª Autonómica En 3ª non hai quen lle tosa ao Muxía que suma e segue á fronte da táboa e comeza a ter unha clara vantaxe sobre as súas máis inmediatos perseguidores, pese aos problemas que se atopou para derrotar ao Volantes, pero o 3-1 final demostra unha vez máis o potencial muxián. O Ameixenda, no partido da xornada, vencía en Nantón e colocábase na segunda praza, da que afasta aos derrotados. Deu a campanada o Sporting Seaia, que abandona o farolillo vermello, ao derrotar a un Lira que llas prometía moi felices pola marcha duns e outros, pero que ao final se viu claramente superado polos locais. Non arrinca o Cabana, que parece co motor gripado, e sumou o cuarto empate da competición ante un Outes B que o maniató e complicoulle moito a existencia. Por diferenza de goles colócase como último clasificado o Camelle que sacou forzas para arrincar un empate a dous goles ante un Castrelo que ve freada a súa boa liña, aínda que mantén a terceira praza. Gran partido para a próxima xornada en Carnota, onde o Lira recibirá a visita do intratable Muxía, coa ilusión posta en ser o primeiro equipo capaz de derrotar ao líder. Bo duelo en Muros, onde o Volantes buscará o seu segundo triunfos ante o Outes B, mentres que en Cabana o once local, único que aínda non gañou, recibirá a visita do farolillo vermello da clasificación, Camelle. O Ameixenda é favorito no seu terreo de xogo ante o Sporting Seaia, mentres que o outro duelo da xornada será o que en fronte en Vimianzo ao Castrelo co Nantón, dous dos candidatos a retornar á Liga da Costa nesta tempada.
  • Manuel Corredoira, Entrenador Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios