A Pipa: Volveu o Fútbol de verdade

20:55 09/01/18

Preferente
Dous triunfos e unha derrota en Preferente, onde o Dumbría deu a gran nova da xornada co seu triunfo nun campo complicado como é o Monte, en San Tirso, e ante un conxunto local que tampouco está libre de perigo e é un rival directo dos pupilos de Nacho Barreiro, que se colocaron con 0-2 ao seu favor, recortado ao final polos verdes. Sufriu o Sofán nas Eiroas coa visita do Escairón, conxunto que se adiantou no marcador a pouco de iniciarse o encontro, pero que na segunda metade soubo remontar o conxunto de Iván Cancela, ata sumar tres puntos de osíxeno para romper a inercia de resultados pouco favorables. Primeira derrota do Xallas desde a chegada de Néstor ao banquiño verde, pero é que os xalleiros víronse superados por un Ribadeo ancorado na zona alta da táboa clasificatoria, aínda que o 0-3 final foi excesivo, sobre todo porque na primeira metade a igualdade foi manifesta e só un gol nos últimos instantes deixou tocado aos verdes, que non puideron sacar nada positivo na última xornada da primeira volta. No inicio da Segunda, o Sofán rende visita a un San Tirso ao que supera nun punto na táboa clasificatoria. O Xallas terá un duro rival na Fontenla, onde chega un enrachado Arzúa, terceiro clasificado. Tampouco é fácil o desprazamento do Dumbría, que irá ás Pontes ante un once local que mira cara á promoción ou ascenso, situado na cuarta praza.1ª Galega
Non foi boa a xornada en Primeira, pois aínda que o Soneira, no debut de Pedro Gómez no seu banquiño, sumou os tres puntos en casa ante o Bastavales, e iso que xogou cun home menos desde o minuto 35, e o Baio conseguía empatar no complicado terreo de xogo do Unión de Rianxo, Fisterra e San Lorenzo perdían nos seus propios terreos ante dous dos aspirantes ao ascenso, como o son o Piloño, colíder, e Lalín, respectivamente. O Soneira recobra impulso de cara a pugnar por situarse na zona alta da clasificación coa súa vitoria ante o Bastavales, aínda que os dez puntos de desvantaxe con respecto aos dous postos de cabeza parezan unha distancia bastante ampla. Mellorou o Baio, que xa está sete puntos por encima dos postos de descenso directo, e soubo sufrir para arrincar un merecido empate no complicado terreo de xogo do Unión, terceiro clasificado, que ve freada a súa marcha cara aos postos de privilexio, onde nin Agolada nin Piloño fallan. Xustamente os segundo sumaron o triunfo en Fisterra de xeito non moi xusta, por canto os pupilos de Noé fixeron méritos máis que suficientes para, polo menos, lograr un empate como mal menor, pero un gol no tramo final da contenda foi suficiente para que os tres puntos voasen de Ara Solís. Tampouco tivo fortuna o San Lorenzo no seu duelo ante un histórico como o é o Lalín, que gañou en Verdillo por 3-5, nun choque onde os locais adiantáronse aos cinco minutos, pero aos poucos, e pese ao traballo dos rojillos, os visitantes fixéronse cos tres puntos, que deixa ao San Lorenzo a seis puntos da permanencia. Na próxima xornada, primeira da segunda volta, o Soneira recibirá ao Piloño no Municipal de Vimianzo, nun encontro crave para poder reducir distancias coa cabeza da clasificación. O Baio renderá visita a un Chaián co que marchan empatados a puntos na clasificación. Os máis necesitados xogan nos seus propios terreos. O Fisterra recibirá a un Cordeiro moi afastado das súas aspiracións, pero situado na décima posición, mentres que o San Lorenzo recibirá ao sexto clasificado, Bastavales, coa necesidade imperiosa de sumar de tres en tres para saír da zona de descenso.3ª Galega
Hai alegría en Muros pola clasificación dos seus dous equipos na Terceira Autonómica, pois o Muros é o líder da táboa, con catro puntos de vantaxe sobre o Volantes de Baños, segundo , ocupando ambos, deste xeito, os postos de ascenso directo a Segunda Autonómica da Costa. O Muros sacou tres puntos vitais no seu desprazamento a Nantón, ante o once local, cun 0-1 nos últimos instantes, que deixa aos locais fóra da zona de promoción, e afianza aos celestes no liderato da táboa. Gran partido do Volantes ante o Camelle, co que estaban empatados a puntos na táboa, e ao que superaron con contundencia por 4-0, nun choque onde os pupilos de Sil non deixaron opción aos seus rivais. Deste resultado aproveitouse o Cabana, que recupera a terceira praza tras vencer a un Castrelo que vendeu moi cara a súa derrota por 1-0, cun tempo para cada equipo, axudados polo forte vento reinante. Ameixenda e Castriz ocupan os outros dous postos de promoción, e ambos venceron nesta xornada, os primeiros con grandes apuros ao Seaia, por 1-0, afastando aos malpicanes dos postos de promoción, e os segundo golearon na súa visita a Outes ao filial blanquinegro, ao que endosaron un claro 1-5. Quen practicamente di adeus ás súas posibilidades de coarse nos postos de promoción é o Corcubión, claramente derrotado polo Porteño, quen se coloca a tres puntos do Castriz, sexto, deixando aos corcubionenses a dez puntos dos postos de promoción. Na próxima xornada, gran partido en Castriz, onde renderá visita un Laxe que descansaba nesta xornada e que se atopa a un punto dos rossoneri na táboa. O líder recibirá no Eleuterio Balayo ao Ameixenda, con tres puntos de gran transcendencia na procura do ascenso, mentres que o Volantes renderá visita a un Seaia que non quere perder as posibilidades de entrar na promoción. O Cabana buscará os tres puntos que lle acheguen á cabeza da táboa na súa visita ao Corcubión, do mesmo xeito que o Nantón quere retornar á zona de promoción a costa dun Castrelo que mellorou nas últimas xornadas. O Camelle buscará esquecer a derrota da última xornada superando no seu terreo ao filial do Outes. Nesta xornada descansa o Porteño.- Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.

A Pipa 17/18
- X.Un Mazaricos imperial.
- X.13: Vai de derbis.
- X.12: Goles e emocións en todas as ligas.
- X.10: Caen os líderes… e os adestradores:
- X.9: Para todas as cores.
- X.8: Para todos os gustos.
- X.7: Xornada sen esperanza.
- X.6: 4 protagonistas.
- X.5: Ferve a 3ª.
- X.4: Goles, emoción, incerteza, bo xogo e entrega de principio a fin.
- X.3: Manchea de goles.
- X.2: Cargada de paixón.
- X.1: Arrincou unha Liga da Costa de sorpresas.
Fonte
- Manuel Corredoira (info@quepasanacosta.com).