Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Pipa: Xornada sen esperanza

A Pipa: Xornada sen esperanza
Xornada non excesivamente esperanzadora nas categorías superiores do fútbol galego, chámese Preferente ou 1ª Autonómica, onde únicamente o San Lorenzo foi quen de gañar os tres puntos en disputa, con derrotas de Sofán, Xallas, Dumbría, Soneira e Fisterra, e empate no campo do ata este instante líder, Bastavales, do CD Baio. En fin, para esquecer e mirar cara adiante.

Preferente

Noe e Nestor adestradores do Xallas O Xallas destituíu a Noé e o seu posto será ocupado polo ex mazaricán Néstor Hoxe comezamos pola Preferente, onde se viviu unha moi mala xornada, con tripla derrota nos desprazamentos de Sofán, Dumbría e Xallas, sendo especialmente dolorosa a cosechada polos xalleiros en Boimorto, pois foron por diante no marcafor durante moitos minutos e nos instantes finais remontou o conxunto local, despois de que os pupilos de Noé fixesen méritos máis que suficientes para arrincar un mellor resultado, por xogo e oportunidades. Unha derrota que custou o posto ao fisterrán Noé. A directiva xa escolleu: Néstor, ex do Mazaricos, será o seu relevo. En terras lucenses non lles foi ben nin a Sofán nin a Dumbría, colleitando sendas derrotas bastante abultadas. Os pupilos de Iván Cancela enfrontábanse ao potente conxunto do Polvorín, que lles vencía por 3-0 pois en ningún momento atopáronse cómodos sobre o terreo de xogo os rojillos, que se ven superados na táboa clasificatoria polos filiales do Club Deportivo Lugo, que ata puido conseguir un maior tanteador, pois o meta sofanista detivo un máximo castigo. O Dumbría non estivo acertado en Lugo, ante a Residencia, con moitas baixas nas súas filas, o que se fixo notar no rendemento do once preparado por Diego Lobelos, e o 5-1 final foi reflexo do sucedido sobre o campo de xogo, pese a que os visitantes intentaron, por todos os medios, recortar a vantaxe local, non lográndoo. Agora temos doble xornada por diante, mércores e domingo. Non pode fallar na Fontenla o Xallas, que recibe a un Outeiro do Rei do que lle separan dous puntos na clasificación. Complicado encontro do Dumbría no Conco, onde se medirá ao Dubra de Chus Baleato, descendido de Terceira División, mentres que o Sofán verase as caras cun crecido Residencia. Todos estes encontros serán o mércores, día 1, e o fin de semana volverán repetir os equipos da zona en Preferente, visitando ao potente Estudiantil o Xallas; ao Dubra o Sofán e ao Betanzos o Dumbría. Oxalá que esta dobre xornada sexa moito máis propicia para os representantes costeros que esta última disputada.  

2ª Galicia

En Segunda da Costa, o líder, Mazaricos, non pasou do empate no seu propio terreo ante un Buño que, tras un inicio titubeante de competición, está subindo como a espuma, e xa ocupa a sétima praza da clasificación. Foi un encontro moi intenso, con dous equipos ben plantados sobre o terreo de xogo e sabendo ao que xogan. Ao final, un reparto de puntos que lles satisfixo a ambos. Gran partido en Coristanco, onde o segundo clasificado sufriu de xeito abondo para sumar o triunfo ante un once local que traballou arreo para contrarrestar o potencial dos pupilos de Tito Pedreira. Cando parecía que o choque finalizaría con empate, chegaría o tanto do Ponteceso, no minuto 89, para desencanto local e alegría visitante. Non cede o Muxía no seu regreso a Segunda Autonómica e, aínda que tivo que traballar arreo para poder superar ao Outes, conseguiuno ao término dos noventa minutos de xogo, malia que terminou con dez xogadores sobre o terreo de xogo e cun once blanquinegro envorcado buscando, cando menos, o empate. Rompeu a banca o Baíñas en Esteiro, onde superou a un once azulgrana que parece perder fol. Os dous tempranos goles visitantes foron unha losa moi pesada para a Esteirana, que recortou no marcador e buscou o empate, pero atopouse cun Pablo Muíño que está deixando clara a súa categoría como goleador, marcando tres dos catro tantos dun Baíñas no que xa non se sentou Paco Oreiro, que deixaba o equipo a finais da semana pasada. Foi Sergio o que se sentou no banco á espera de que o club atope substituto. Colleitou o mesmo resultado o Sporting Zas en Camariñas, onde o once local intentouno todo e puido empatar a contenda cando se adiantaron os visitantes, pero o meta zasence Tivoli detivo un máximo castigo. Despois poñerían terra por medio os visitantes, cun claro 0-3, chegándose ao término dos noventa minutos co triunfo do Sporting por 1-4. Renaceu o Malpica que, coas novas incorporacións, parece outro conxunto e ante un Lira que esperaba un mellor resultado, alcanzou o primeiro triunfo da tempada con dous goles do debutante Dani Casal, que xunto a Gonzalo Vilariño, Eloy Cabeza e Anxo Pallas foron as incorporaciones do conxunto azulón nesta última semana. Empate en Louro entre o once de Oscar Leis e o Corme de José Angel. Os locais sufriron moito para conseguir un empate que sabe a gloria, tras finalizar a contenda con nove futbolistas e estar con esa cifra de xogadores durante máis dun cuarto de hora para o final da contenda. Gran partido en Buño, entre o Cerqueda e o Cee, saldado cun empate a tres tantos que premia o bo facer en liñas xerais dos dous equipos. A entrega foi absoluta por parte de ambos onces e o resultado final satisfixo máis aos visitantes, co incombustible Leo Picallo como goleador, que aos locais. Na próxima xornada, o líder renderá visita ao Cee en terreo deste, mentres que o Ponteceso medirase no Pinguel ao Muxía, no partido máis destacado, polo menos a priori, da xornada. A Esteirana visitará a un Lira do que se esperaba máis, mentres que en Buño vivirase un dos derbis do concello coa visita do Malpica. Complicada saída do Cerqueda a Corme, ante un once local que quere avanzar na clasificación, mentres que o Sporting Zas recibirá ao Coristanco e o Baiñas fará de anfitrión ante o Camariñas. En Outes, os locais buscarán retornar á senda do triunfo coa visita do Monte Louro.

1ª Galicia

Tampouco foi excesivamente boa a xornada en 1ª, saldándose cun triunfo, un empate e dúas derrotas. A única vitoria foi para un renacido San Lorenzo, que parece terlle tomado o pulso á competición e abandona o farolillo vermello da táboa tras dous triunfos consecutivos. Ante o Unión de Rianxo adiantáronse con dous goles e logo, pese a sufrir unha expulsión, souberon nadar e gardar a roupa ata facerse cun triunfo moi importante. O empate foi para un excelente Baio en Bastavales, que perde o liderato a favor do Piloño. Os branquiazuis adiantáronse no marcador con tanto do seu goleador MC, xa na segunda metade, pero pronto empatarían os locais, finalizando os noventa minutos con ese reparto de puntos. As derrotas caeron nos dous equipos que eran locais. O Soneira viuse sorprendido polo Chaián que, logo dun frouxo comezo, vaise asentando na táboa e freou a un Soneira que sempre foi por detrás no marcador e, pese a empatar primeiro a un e logo a dous, viuse batido polo terceiro tanto visitante. En Fisterra, os locais non puideron sacar nada positivo ante un Flavia máis experimentado que se adiantou cun 0-2 recortado no último minuto polos xogadores dirixidos por Felipe Candamo. A próxima xornada trae a chegada do líder, Piloño, a Baio, onde poñerá a proba o potencial dos pupilos de Pedro Gómez. A Bertamirans irá o Fisterra, mentres que o San Lorenzo, en alza, renderá visita a un crecido Chaián. Partido grande do Soneira que renderá visita a un Flavia do que lle separa un punto.  

3ª Galicia

Na 3ª da Costa, seguen a súa marcha impoluta Cabana e Muros, que ocupan os dous postos de ascenso e ambos invictos. Os dous gañaron nesta xornada a domicilio e ante rivais tamén candidatos aos postos de ascenso, como o son o Ameixenda e o Castriz, o que fai que manteñan as súas posicións de privilexio, seguidos por un Volantes de Baños que, da man de Sil, parece disposto a retornar á Segunda da Costa, e nesta xornada, nun gran partido, venceu e convenceu ante un Porteño que está en horas baixas. Por detrás deles, un Camelle que non cede e nesta ocasión superou, en encontro sabatino, ao Seaia, ao que afasta dos postos de promoción, nos que se coloca o Laxe, tras vencer ao Castrelo por 4-1, mentres que comeza a levantar cabeza o Corcubión, que deu boa conta do filial do Outes na Serra por 1-4. A verdade é que a clasificación esta tremendamente igualada, aínda que o Cabana, cun encontro menos por descansar xa, parece o mellor colocado, pero sen descoidarse. Do 11º ao 6º hai tres puntos de distancia e ao cuarto hai cinco. Todo tremendamente apertado. Na próxima xornada, gran partido en Muros, onde os celestes mediranse ao cuarto clasificado, Camelle. E o partido da xornada, sen dúbida, en Cabana, onde chegará o Volantes de Baños, a dous puntos dos locais. E para pechar a xornada intensa, o Ameixenda viaxa a Nantón, ante un dos sempre candidatos ao ascenso, que esta xornada descansou, e están separados por un punto na táboa clasificatoria. E o Laxe visitará a un crecido Corcubión que quere dar o salto á zona de promoción. O Porteño é favorito ante o mozo conxunto do Outes B, mentres que o Castriz non pode fallar en Vimianzo, ante o Castrelo.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios