A previa: Ollo ás sorpresas que traian os Reis Magos

07:08 05/01/18
Na primeira xornada do ano, despois da noite de reis que tanto nos ilusiona, os equipos costeiros buscarán os seus regalos en forma de puntos o domingo 7 de xaneiro. Temos citas importantes para empezar o ano, rematando as primeiras voltas, época de balances no medio da tempada. Na Preferente Norte máis igualada dos últimos anos os nosos tres representantes necesitan sumar como o comer. O Xallas recibe ó sempre candidato ó ascenso Ribadeo, e o Sofán ó rival directo At.Escairón, vencedor do Dumbría a semana pasada. Os de Nacho viaxan a San Tirso nun partido que parece vital para as aspiracións do Dumbría de manter a categoría. Ferro do bo para os tres.
Dumbría e Sofán deben vencer o domingo
En 1ª parecida situación. O Baio é o único que viaxa, a Rianxo para enfrontar a un Unión que pretende o ascenso unha vez máis. Os outros tres xogan na casa. San Lorenzo e Fisterra, en postos de descenso reciben a Lalín e Piloño, que están na zona cabeceira da tabla. O Soneira, coa estrea do novo adestrador Pedro Gómez recibe ó Bastavales nun partido que vai a medir as posibilidades dos de Vimianzo para engancharse ós postos de arriba.
E na Liga da Costa, ollo a estas xornadas de inicio de ano que sempre deparan sorpresas. O líder sólido, Mazaricos, vai a Coristanco, que ven de gañar á Esteirana e na súa casa sempre é un rival difícil. A Esteirana terá un bonito derbi ante o Monte Louro, nun dos partidos máis esperados desta xornada, que seguro que verá unha gran afluencia de afeccionados en Louro. Outro derbi quente terémolo en Xaviña entre o Cerqueda e o Malpica, cos equipos moi igualados pelexando por fuxir dos postos baixos da tabla. E para rematar de falar de derbis de cercanías, temos ese Muxía - Camariñas, coa histórica rivalidade entre os pobos e os equipos, que a bo seguro nos depara unha gran tarde de fútbol. Puenteceso, Baíñas e Corme pretenden acercarse ó Mazaricos vencendo a Zas, Outes e Lira, equipos necesitados de puntos para escapar da queima, e Cee e Buño veranse as caras na vila ceense coa intención de seguir poñendo puntos de por medio co descenso.
Corme e Puenteceso queren acercarse ó Mazaricos
Na 3ª Galicia, o Volantes - Camelle centra a atención da xornada, aínda que a visita do líder Muros a un renacido Nantón pode ser unha boa pedra de toque para os de Bibi. O Seaia, sempre impredecible, pon a proba ó Ameixenda, e Porteño e Corcubión mirarán quen dos dous perde boas opcións de acercarse ós postos de promoción. Castriz e Cabana teñen compromisos asequibles pero que se poden convertir en envenenados se non fan ben os deberes.

