A proba de aventura máis esixente do mundo atravesará a Costa da Morte
Xa falamos deses dous bravos pontecesáns que participarán na proba de aventura máis esixente do mundo. O Raid Gallaecia arrinca este domingo coa concentración dos participantes e consta de 500 km a completar en 100 horas. Saírá de Cuntis (Pontevedra) o 10 de maio e rematará, cando poidan, no Obradoiro de Compostela, despois de facer diferentes seccións trekking, kaiak, BTT, barranquismo… e sobre todo facendo unha ruta de orientación. Non hai camiño marcado, vaise facendo camiño ao andar, pois o importante é chagar a todos os puntos de control.
A boa nova é que esta proba da copa do mundo de raids de aventuras, ademais de ser un Galicia (todo un evento) percorrerá moitos quilómetros pola Costa da Morte. Agora xa o podemos dicir, porque xa estarán concentrados en breve e non poderán ir recoñecer o terreo.
Concretamente pasarán polos concellos de Vimianzo (dúas etapas), Dumbría, Cee, Fisterra, Muxía e Camariñas. Segundo a estimación da organización os primeiros equipos entrarán Costa da Morte o día 13, por Baiñas, ben cedo, pasarán polo encoro de Santa Uxía e polo Ézaro ao longo do día (uns irán máis rápido que outros, claro), despois por Cee para chegar a Fisterra pola noite. Será o día 14 cando arrinquen da vila do Cristo, para ir pola costa ata Muxía, Camariñas, picar no Cemiterio dos Ingleses, volverán entre o 14 e o 15 pola Ponte do Porto, e os últimos equipos sairán da nosa comarca o día 15 a media noite por terras vimiancesas tamén, camiño de Negreira e Santiago, facendo o camiño do revés.
De todas maneiras todos aqueles que desexen seguir a proba en directo terán ocasión de facelo no seguinte enlace raidgallaecia.com/es/live-tracking. dende aí poderán coñecer en todo momento a ubicación actualizada de cada un dos equipos e mesmo se poderán achegar a puntos concretos para velos pasar.
Máis novas
- Dous pontecesáns na proba de aventura máis esixente do mundo.
- Unha trasna, a única española en completar o Ultratrail de Alaska.
- O Ultratrail Camiño dos Faros xa ten data para 2015.
- 2014: 7 heroes completan o Ultratrail Camiño dos Faros.
- Jorge Lariño: Saio a correr, non saio a running.
- A Federación Galega de Atletismo premia ao Concello de Carballo.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).