Arrincamos pola Preferente, con 3 partidos importantes. Clave será o partido do Soneira, que recibe a un pechacancelas que está só 2 puntos por debaixo. O XSC non pode fallar ante o Residencia, mentres que o Dumbría terá unha saída complicada ante un Chantada que está por diante.
Na 1ª Autonómica o partido da semana será o do Malpica no campo do líder, un Noia que ten 5 puntos máis que os malpicáns. Pero o máis importante será o choque que o Ponteceso terá en Padrón, ante un rival directo. O Camariñas necesita sumar tamén, pero o Arzúa está moi arriba. Mentres Baio e Esteirana continúan o seu particular temporadón con equipos da zona media.
A 11ª xornada na 2ª Autonómica chega cun partidazo, como é o Fisterra-Cee do sábado. Ademais, atentos ao derbi entre Porteño e un Camelle tocado polo parte de sancións.
En 3ª Autonómica aínda estamos pola 4ª xornada que chega con varios partidos interesantes co Baíñas e Montelouro que intentarán manter a imbatibilidade.
Na Liga Xuvenil Sur teremos dous importantes partidos na zona alta, co XSC-Esteirana e Muros-Cee. Polo Norte, o partido da xornada será o Corme-Malpica.